A reforma da lei do aborto a debate: as motivacións e as consecuencias

Manifestación en Compostela a prol do dereito ao aborto CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A contrarreforma da lei do aborto prevista polo Goberno e impulsada polo ministro Gallardón vén de sacar milleiros de galegos á rúa en loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, así como unha morea de colectivos, sindicatos e partidos coinciden en sinalar as intencións do Executivo como un ataque aos dereitos fundamentais das mulleres, unha volta ao pasado máis escuro e un intento dos sectores máis reaccionarios por "controlar os seus corpos"

Será unha norma que, de saír adiante o que se presenta no anteproxecto, tan só permitirá a interrupción voluntaria do embarazo en casos de violación ou risco grave para a saúde da muller. Unha norma coa que a interrupción da xestación nas primeiras catorce semanas -o 90% dos casos- xa non será un dereito da muller, senón un delito. Nin tan sequera se permitiría a práctica de abortos ante a presenza de malformacións fetais ou doenzas incurables. Unha volta a tempos pasados. Moi pasados.

Intervirán a deputada Ana Pontón, Mar Martín (SOS Sanidade Pública) e Vitoria Iglesias (Marcha Mundial das Mulleres)

Este xoves 13, Praza Pública organiza un novo Debate na Praza n'A Nave do Vidán para falar d'A reforma da lei do aborto. Será un faladoiro aberto como non ao público e no que intervirán Vitoria Iglesias, activista feminista e membro da Marcha Mundial das Mulleres; Ana Pontón, deputada do BNG no Parlamento galego; e Mar Martín, integrante da plataforma SOS Sanidade Pública. Todas elas, moderadas pola xornalista Sara Torreiro.

Desde os colectivos que lideran o rexeitamento desta reforma, que suprime a lei de prazos instaurada polo Goberno de Zapatero e que incluso vai máis aló da restritiva norma de 1985, insisten na importancia do dereito a decidir das mulleres, dos intentos da dereita máis reaccionaria por volver colocar o xénero feminino nun papel secundario e submiso, así como na importancia de seguir visibilizando a oposición á contrarreforma "para evitar que se soterre o debate", por exemplo baixo a precampaña das eleccións europeas.

Para Ana Pontón, tal e como declarou en numerosas ocasións, esta reforma da lei do aborto supón unha "involución" para os dereitos das mulleres porque "agride a saúde" deste colectivo. "O PP quere regresar a tempos pasados nos que as mulleres carecían de dereitos e necesitaban, precisamente, a autorización dun home para tomar calquera decisión", di.

Ademais das consecuencias e motivacións políticas, sociais e ideolóxicas da reforma, o debate indagará nas consecuencias sanitarias de leis tan restritivas

Pero ademais das consecuencias e motivacións políticas, sociais e ideolóxicas que se agochan tras esta reforma do Executivo central, no debate de Praza achegaranse datos e testemuños sobre as consecuencias que para a saúde das mulleres pode ter a aplicación desta restritiva lei que non garante as condicións de saúde necesarias para quen queira interromper o seu embarazo. Así o explica Mar Martín, experta no tema pola súa experiencia profesional na sanidade, que lembra que "o aborto existiu sempre". "O que non estamos discutindo aquí non é o dereito ou non da muller, que é algo que nin se discute, senón o que pode implicar esta nova lei en canto á saúde", di.

Por iso, achegará datos contrastados sobre o "risco asociado" que para as mulleres supón vivir nun Estado con leis do aborto tan restritivas ou "como está vinculada a mortalidade aos abortos sen garantías". Tamén abordará as consecuencias que normativas tan pouco garantistas teñen para os sistemas de saúde dos países e lembra que "os profesionais da sáude non deben decidir nada". "A decisión é da muller, os profesionais só están para garantir a seguridade sanitaria e que todo se leve a cabo nas mellores conicións posibles".

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.