A reforma da lei do aborto acelera a súa tramitación nunha semana de mobilización feminista

Manifestación polo dereito ao aborto Dominio Público Fuco Buxán

Ao longo do mes de maio apenas se escoitou falar nos medios de comunicación sobre o proxecto de reforma da lei do aborto. Nas semanas previas ás eleccións europeas do 25M o Ministerio de Xustiza conseguiu o seu obxectivo de arrefriar o tema, para que non prexudicase os resultados do Partido Popular. Pero, dende logo, o desenvolvemento lexislativo do proxecto impulsado polo ministro Gallardón non estaba paralizado. Avanza, de vagar, sempre ao ritmo fixado polo Goberno, acumulando un notable atraso con respecto ás previsións iniciais (o Ministerio prometeuna inicialmente para outono de 2012), e este verán -ou xusto inmediatamente despois- o proxecto de reforma podería chegar ao Congreso.

Antes, aínda asistiremos á aprobación dun bo número de ditames e informes oficiais, elaborados ben dende ámbitos xurídicos, ben dende ámbitos médicos, e que serán favorables ao proxecto en función da composición (virada cara a posicións conservadoras) dos órganos que os emitan. Varios deles presentaranse esta semana, xusto cando Vigo se prepara para acoller, este domingo, unha nova manifestación polo dereito das mulleres a decidiren

Este luns o Consello Fiscal vén de dar luz verde, con 8 votos a favor e 4 en contra, ao informe sobre a lei do aborto

Este luns, por exemplo, o Consello Fiscal vén de dar luz verde, con 8 votos a favor e 4 en contra, ao informe sobre a lei do aborto. Entre outras cousas o informe aproba que, en virtude da nova lei, as mulleres que interrompan o seu embarazo fóra dos supostos permitidos no anteproxecto poidan ser multadas. O sector progresista do Consello xa anunciou que emitirá votos particulares, por entender que a reforma de Gallardón, aínda que se axusta á Constitución, resulta "innecesaria". O informe aprobado apoia que se elimine a posibilidade do aborto por malformación do feto. Tamén avala o artigo que lle permite a un fiscal asumir a representación dos intereses dunha muller que quere abortar, aínda que a súa opinión sexa distinta á da afectada. Pola contra, tamén pide que se garanta que en cada centro médico se poidan realizar abortos nos supostos permitidos, aínda que haxa facultativos que aleguer "obxección de conciencia" para non facelo.

De igual xeito, este mércores o Ministerio de Sanidade presentará o seu informe sobre o anteproxecto, de cara ao seu debate e aprobación durante o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Tamén se espera o ditame que elabore o Comité de Bioética que asesora o Ministerio, e cuxa composición -moi próxima ao Goberno- xa foi criticada. Finalmente, está previsto que o venres 13 o Consello Xeral do Poder Xudicial, debata nun pleno extraordinario, varias veces adiado, os informes redactados polas vogais Pilar Sepúlveda e Carmen Llombart. O Consello elaborará e aprobará a partir deles un informe preceptivo pero non vinculante. O pleno do Consello componse de 21 membros (20 vogais e o presidente). 10 foron elixidos a proposta do PP, 8 do PSOE, un de CiU e un do PNV.

Está previsto que o venres 13 o Consello Xeral do Poder Xudicial debata nun pleno extraordinario, varias veces adiado, os informes redactados polas vogais Pilar Sepúlveda e Carmen Llombart

O informe da conservadora Carmen Llombart, elixida a proposta do PP, recomenda incluír como suposto legal de aborto a anomalía fetal incompatible coa vida, ademais dous dous aceptados polo proxecto de Gallardón: a violación e o “grave perigo para a vida ou a saúde física ou psíquica da muller”. Porén, non se aceptaría para malformacións gravísimas ou enfermidades incurables que non chegan a ser incompatibles coa vida. Pola súa banda, o informe da progresista Pilar Sepúlveda reclama a retirada da lei por considerar que criminaliza a muller; tamén lembra que a actual lei de prazos non foi sinalada como inconstitucional, xa que o Tribunal Constitucional aínda non resolveu o recurso presentado polo PP.

 

O 15, 'Romaría Lilá'

Todos este movementos, indicativos de que a reforma da lei acelera o seu paso se cara á súa chegada ao Congreso, fan máis necesaria ca nunca a mobilización da sociedade, en opinión da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. O domingo 15 están xa programadas un gran número de actividades en Vigo, no que ademais dunha manifestación quere ser unha Romaría Lilá. A marcha comezará na estación de tren, onde confluirán as manifestantes de Vigo coas procedentes doutras zonas do país. Dende o Areal, a mobilización camiñará por Concepción Areal, Montero Ríos, Cánovas del Castillo, Carral, Gamboa, Oliva, Palma, Triunfo, Praza da Constitución e Porta do Sol. Alí lerase un manifesto e celebrarase unha asemblea aberta.

Representantes da Plataforma en Vigo, que están organizando todos os actos previstos na fin de semana, sinalan como "imprescindible" manter unha mobilización continua, antes e despois da manifestación

Representantes da Plataforma en Vigo, que están organizando todos os actos previstos na fin de semana, sinalan como "imprescindible" manter unha mobilización continua, antes e despois da manifestación, para evitar que o Goberno marque os tempos da reforma na súa conveniencia. E tamén cren importante levar a protesta a todos os ámbitos, dende as manifestacións nas rúas até as recollidas de sinaturas ou as reclamacións presentadas ante o Valedor do Pobo ou o Defensor del Pueblo. Cren que a participación na manifestación do domingo será "moi importante", pola habitual capacidade de mobilización social da cidade viguesa e, máis en concreto, coa forza do movemento feminista na cidade. Tamén sinalan como referencia o éxito acadado polas últimas mobilizacións, coma a organizada o 9 de marzo en Compostela, e a organización que está habendo, tanto en Vigo, onde haberá ao longo desta semana varios actos de pegada de cartaces, coma noutros lugares, dende onde haberá autobuses para chegar á manifestación.

Manifestación polo dereito ao aborto Dominio Público Fuco Buxán
Cartaz dos actos convocados o 15 de xuño en Vigo © Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.