"A reforma da lei do aborto non ten apoio social; é unha imposición da dereita máis rancia"

Acción a prol do dereito ao aborto CC-BY-SA Feminismos.eu

A loita das mulleres polo dereito a decidir sobre os seus corpos e polo aborto libre e gratuíto segue en pé. Logo das concentracións convocadas polo BNG este pasado luns, neste martes 28 de maio, Día Internacional de Acción pola Saúde da Muller, Dereitos Sexuais e Dereitos Reprodutivos, a Plataforma Galega Pola Defensa do Dereito ao Aborto sairá ás rúas de Compostela unha vez máis para rexeitar a nova lei presentada polo PP e para continuar coas protestas que culminarán o vindeiro 16 de xuño nunha manifestación nacional tamén na capital galega.

Será outro berro forte e rotundo contra unha lei do aborto que devolve as mulleres a máis atrás de 1985, ao recuperar un sistema de supostos que se prega aos desexos da dereita máis extrema e da Igrexa católica. Tamén por iso, a plataforma convoca os cidadáns a "unha procesión feminista" que percorrerá Compostela desde a Praza de Galicia ás 19.30 horas e na que haberá moita cor lila, pandeiretas, cazolas e disfraces eclesiásticos para sinalar con claridade os que consideran instigadores dunha reforma lexislativa que é o cerne desta mobilización que promete continuar. "A xente debe mobilizarse e non debe ser pasiva ante un problema que nos afecta a todos porque é un novo recorte de dereitos", reivindica Pilar Estévez, unha das voceiras da plataforma.

"A modificación da lei do aborto non ten apoio social ningún; en ningunha enquisa aparece como unha preocupación da sociedade", lembra Pilar Estévez

O ministro de Xustiza, Ruiz-Gallardón, dispúxose a acabar coa lei de prazos. E pretende rematar cunha norma adoptada pola maioría de estados da contorna e que permite que a muller embarazada, dentro dun prazo determinado (que en España é de 14 semanas), poida interrumpir o embarazo dentro do sistema público, gratuitamente e sen depender da opinión ou ditame de persoas alleas. E isto é o que pode acabar se o PP non se bota atrás, algo que é o que se intenta con todas estas mobilizacións. "É a nosa intención porque a modificación desta lei non ten apoio social ningún", insiste Estévez, que lembra que "en ningunha enquisa do CIS apareceu o cambio na lei do abrto como unha preocupación entre os españois". No entanto, a dereita vai por todas.

"O PP está cumprindo as promesas que lle fixo á Igrexa e aproveitando a súa maioría absoluta para impoñer as súas teses"

Por que? "É unha presión dos grupos de poder que hai dentro das propias filas do PP, así como da Igrexa e da Conferencia Episcopal, que supoño que estará exixindo todo aquilo que o partido lle tiña prometido antes", di a voceira da plataforma polo dereito ao aborto, que cre tamén que é "a actual conxuntura" o que leva a dereita a intentar impoñer as súas teses máis retrógradas. "Queren aproveitar o seu contexto favorable; non farían isto se non tivesen maioría absoluta e tivesen que pactar, pero teñen o poder no Estado e en case todas as autonomías e ademais empregan os medios públicos para crear de maneira descarada unha opinión favorable ás súas teses", explica.

Volverase, xa que logo, ao dereito limitado e condicionado da norma de 1985, un sistema de supostos no que as mulleres deberán alegar razóns para xustificar a súa decisión e onde incluso se medita unha revisión do suposto que recollía as malformacións graves do feto como razón para abortar. Nesa lei de hai case trinta anos, despenalizábase a interrupción voluntaria do embarazo só en tres supostos: se hai risco grave para a saúde física o psíquica da muller, nos casos de violación ou nos de malformacións ou taras do feto.

Para a plataforma, integrada por todos os partidos políticos agás o PP e unha morea de colectivos sociais e cidadás, sería volver a un tempo onde, "as mulleres que podían, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou o facían clandestinamente", diferentes dereitos en función do poder adquisitivo de cada muller polo tanto e unha norma que devolve "á minoría de idade" ás mulleres pois supón "que miles delas necesiten o permiso dun ou dunha profesional ou do titor ou titora legal (no caso das menores de idade) para poder interromper a súa xestación". E tamén unha "caza de bruxas" que levará a que profesionais e mulleres se vexan implicadas e imputadas en múltiples xuízos, moitos deles con resultado condenatorio".

"É a dereita máis clasista, rancia, retrógrada e machista a que está gañando a batalla"

Contra esta posibilidade loitan as mobilizacións, que "deben seguir todo o tempo posible" para evitar que Gallardón "cambie o calendario e intente confirmar a reforma lexislativa no verán". "A estratexia semella clara: ir dando pinceladas da lei, intentar moderarse algo dicindo que non se vai penalizar muller ningunha e aproveitar o verán e a desmobilización da cidadanía para modificar a norma cando a presión sexa menor", advirte Pilar Estévez, que sabe que hai sectores dentro do PP que non están na de acordo coa reforma. "A propia Celia Villalobos se escandalizou ao oír os argumentos dalgunhas das súas compañeiras", lembra, tras lamentarse de que sexan "os máis achegados ao Opus ou a outras correntes radicais" as que estean gañando a batalla. "É a dereita máis clasista, rancia, retrógrada e machista", denuncia.

Porque para a plataforma, e para os colectivos contrarios a esta reforma lexislativa, a reforma da lei do aborto é unha decisión máis "dentro dunha estratexia máis ampla, clasista e  machista, que está tentando impoñer o PP". "A política de gasto público que está levando a cabo o Goberno é un ataque claro á muller; só hai que reparar nos recortes en mamografías, en revisións xinecolóxicas, nos centros de orientación familiar ou nas campañas entre a mocidade para unha vida sexual sa e segura", conta Estévez.

E mentres, nas rúas aparecen carteis contra o dereito ao aborto e os colectivos feministas e contrarios á reforma lexislativa aturan moreas de cualificacións dos que din defender a vida. "Os feminismos somos provida porque ser pro-vida é loitar por ter unha boa vida e non condenar as persoas a situacións que fagan que esta non mereza a pena ser vivida", responde a plataforma, que volve lembrar que a lei elimina o suposto de malformación grave fetal ao mesmo tempo que "arrasa co investimento en políticas relacionadas coa dependencia". "O Goberno do PP fala de protexer a vida durante as semanas de xestación, mais abandona á súa sorte ás persoas unha vez que chegaron ao mundo", conclúe. "A liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non selo", lembran para rematar.

Acción desenvolvida este domingo na sede da Xunta en Vigo © Feminismos Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.