A ordenanza de garantía básica cidadá do Concello de Santiago -aprobada no pleno de xuño de 2016- incluía a Renda Municipal de garantía básica cidadá, ademais doutras cinco axudas complementarias de rescate social. A proposta contou cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a abstención do PP. Cando estamos a poucos meses do segundo aniversario da súa entrada en vigor, o Concello de Santiago deu a coñecer datos do primeiro ano e medio de aplicación da ordenanza. Nestes 20 meses tramitáronse un total de 370 solicitudes que correspondían a 777 veciños e veciñas da cidade. Tan só o 10% dos expedientes foron denegados ou desistidos.
Nestes 20 meses tramitáronse un total de 370 solicitudes que correspondían a 777 veciños e veciñas da cidade
O obxectivo da Renda Municipal de Garantía Básica era que todas as persoas empadroadas en Compostela puidesen "facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios". A prestación, de 12 meses prorrogables a 24 segundo informe de servizos sociais, vai dende os 532,51 euros mensuais ata os 798,58, en función do número de persoas ao cargo da solicitante. A ordenanza incluía ademais cinco prestacións de rescate social para situacións de urxencia que servían para cubrir necesidades básicas (alimentación, vestido, aloxamento...) ou para paliar a pobreza enerxética e colaborar co equipamento básico de vivenda. Había tamén prestacións complementarias ás dependencias ou discapacidades, para o fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios e unha prestación para saúde bucodental.
Un de cada tres expedientes corresponden á renda social municipal (119) e os dous terzos restantes (251) ás cinco prestacións engadidas
Un de cada tres expedientes corresponden á renda social municipal (119) e os dous terzos restantes (251) ás cinco prestacións engadidas (a maior parte para coobertura de necesidades básicas ou para paliar a pobreza enerxética e garantir a habitabilidade da vivenda). A idade media das persoas solicitantes rolda os 45 anos anos e case dúas de cada tres solicitantes foron mulleres. Tres de cada catro tiñan a nacionalidade española e das 131 solicitantes estranxeiras, 42 se atopan en situación de irregularidade. A zona centro (Casco histórico-Porta do Camiño) suma o maior número de solicitudes (29%), seguida das áreas de Fontiñas-Sar-San Lázaro (23%), Conxo-Castiñeriño-Pontepedriña (19%), Vite-Rural norte (11%), Ensanches (9%) e San Lourenzo-Rural oeste (8%).
A media de idade das persoas solicitantes rolda os 45 anos e dúas de cada tres son mulleres
O gasto total superou os 250 mil euros no ano 2017 e a mesma cantidade está comprometida para este ano 2018. O prazo para completar o procedemento rolda os 3,4 meses (dende a solicitude ata a orde do primeiro pagamento). Con todo, dende o Concello sinálase que nos últimos meses a maior parte das solicitudes están sendo tramitadas en ao redor de dous meses e que, ademais, algúns dos trámites estanse alongando pola insuficiencia de documentación que se achega coas solicitudes, o que incrementa o tempo para a resolución dunha parte importante dos expedientes.
A renda social municipal ten como obxectivo complementar outras prestacións públicas ás que unha persoa pode ter dereito, coma a RISGA e outras axudas de inclusión social. En Compostela hai neste momento 296 RISGAS activas. Porén, hai moitas persoas que a pesar de atoparse nunha situación de necesidade, non podían acceder ás RISGAS, pero si poden ter dereito á renda social municipal. Dende o Concello de Santiago sempre se salientou, ademais, a importancia das cinco prestacións complementarias, que buscaban "romper os círculos da pobreza, investindo en educación e en saúde alí onde non chega o sistema universal", como destacaba a concelleira Concha Fernández nesta entrevista.