A resposta popular mantén a Cidade Morta con vida

Imaxe do acto © El Diario

Semellaba unha aliñación de luxo pra calquera que coñecera a realidade da resistencia contra a represión policial e xudicial na Barcelona das últimas décadas, nesta Cidade Morta marcada polo turismo feroz e xentrificación abusiva, pero tamén pola conflitividade social e o compromiso político. Este pasado venres 6, no centro cívico de Cotxeres de Sants, a CGT xunto cos responsables do desmuntatge 4F conseguiron convocar centos de persoas para un acto como poucas veces tiven a posibilidade de ver nesta cidade.

Este pasado venres 6, no centro cívico de Cotxeres de Sants, a CGT xunto cos responsables do desmuntatge 4F conseguiron convocar a centos de persoas para un acto como poucas veces tiven a posibilidade de ver nesta cidade

Non só pola afluencia e diversidade do público, o cal, contrariamente ao que un podería pensar a priori, non estaban aló empurrados pola onda mediática causada polo estreo de Ciutat Morta na TV, senón que en gran medida eran caras de sobra coñecidas por calquera que estivera minimamente implicada nos movementos sociais da capital catalá.

Aló estaban responsables directos de que o foco da corrupción e a perfidia tornara a súa vista cara as actuacións da policía e dos xuíces por vez de políticos malversadores e estafadores: xente de colectivos como Rereguarda en Moviment, Tanquem els Cies (Pechemos o Cies), Stop Bales de Goma, o semanario de información crítica La Directa (atacada polos antidisturbios nos feitos de Can Vies a primavera pasada, lembremos) e tamén, por suposto, a xente que padeceu os abusos do poder denunciados onte, dende membros da asemblea de Can Vies (cuxos xuízos estanse a celebrar agora con resolucións desorbitadas coma os 3 anos e nove meses aos que foi condenado un rapaz polo lanzamento dunha botella aos corpos de antidisturbios) e do grupo de apoio aos engaiolados pola Operación Pandora, ata nomes propios coma Alfon (enfróntase a 4 anos de cadea tras as acusacións nunca probadas que se lle botaron enriba na última folga xeral), Laura Gómez, da CGT (á cal chegaron a pedirlle máis de 20 anos de condena pola queima simbólica de diñeiro falso diante da Bolsa de Barcelona) ou Juanjo Álvarez (pai de Pedro Álvarez, asasinado en L'Hospitalet hai 22 anos por un policía que xa nunca se enfrontara a xuízo porque o delito prescribiu).

Aló estaban responsables directos de que o foco da corrupción e a perfidia tornara a súa vista cara as actuacións da policía e dos xuíces por vez de políticos malversadores e estafadores

E, por suposto, as vítimas directas do montaxe do 4F: Rodrigo Lanza e maila súa nai, Marina, a poetisa Diana Torres, amiga de Patricia Heras, e a que fora compañeira desta, Silvia, despedida casualmente do seu traballo acto seguido de aparecer no documental en TV3. Non houbo moito tempo pra lamentacións nin para enxugar as bágoas, a manifestación en clave emocional do pasado mércores 4F estaba recente e os implicados cansos de lembrar e victimizarse. Por vez da victimización, Diana defendeu a necesidade de empoderarse e resistir.

O gran ausente da tarde foi Xapo Ortega, unha das dúas persoas detrás do documental que está agora en boca de todos. Na súa representación, a outra metade, Xavier Artigas, protagonizou un dos momentos máis emotivos coa súa intervención, esgotado, exhausto, farto de ser o portavoz involuntario dunha traxedia humana e política, e farto de seren branco de durísimas críticas dende que os medios masivos comezaron a dar cobertura ao feito do que esta semana se cumprían xa 9 anos.

Nove anos son moitos aguantando o desprezo das estruturas estatais e o silenciamento dos medios de comunicación

Nove anos son moitos aguantando o desprezo das estruturas estatais e o silenciamento dos medios de comunicación. Patricia Heras xa está convertida en mártir e símbolo de como un Estado que se di democrático pode levar a cabo actos perversos contra a súa poboación. Pero a mensaxe que se quixo enviar aló non era de lamentación, senón de solidariedade con todos aqueles que aínda non tiveron a súa propia Ciutat Morta, pero que si padeceron casos de igual ou máis gravidade. Houbo tempo para a poesía, para a música e para a reivindicación.

Por exemplo, contouse coa testemuña de Iñaki García, veciño do Raval que coordinaba a campaña de Xustiza Juán Andrés, asasinado por 11 policías en plena rúa do vello e indómito Barrio Chino da Barcelona, e que puña sobre a palestra a dificultade pero o imprescindible de unir voces contra a impunidade. O Raval, exemplo da elitización que se leva a cabo na cidade condal dende os xogos olímpicos do 92, segue a ser un barrio popular, cheo de emigrantes e estudantes que conviven día a día con redadas racistas e hoteis de luxo.

Os datos que achegaba o avogado Andrés García (de Tanquem el Cies) eran desoladores: ata 6.621 denuncias de tortura e agresións arquivadas nos últimos 10 anos. E ata 30.000 mortos intentando cruzar a fronteira sur de Europa dende os anos noventa. Houbo tempo para lembrar outra efeméride, a da traxedia do Taraxal, onde 15 persoas perderon a vida (tres de elas aínda non identificadas, imaxinade por un momento o que é morrer sen sequera un nome) tras unha actuación policial nunca aclarada e pola que se seguen sen pedir responsabilidades nin demisións. As malas prácticas policiais e xudiciais no Estado español seguen a ser denunciadas como sistemáticas por organismos internacionais coma Amnistía, pero o groso da poboación, ao non estar afectada directamente por estes casos, tende a ignoralos.

Non foi pois, un mero acto de catarse emocional, aínda que houbera moito diso e se palpara nas facianas de case todo o mundo o nó na gorxa

O acto comezaba cun vídeo difundido polo colectivo audiovisual do 15M barcelonés, no que se amosa o entrenamento das forzas de seguridade do Estado español en técnicas de combate contra poboación civil en Israel, país que, dende logo, ten moito que ensinar á hora de esmagar sen piedade a insurxencia, e remataba con outro vídeo no que se clamaba pola solidariedade popular fronte a calquera abuso, porque, como se adoita lembrar, “cando tocan a unha, tócannos a todas”. Non foi pois un mero acto de catarse emocional, aínda que houbera moito diso e se palpara nas facianas de case todo o mundo o nó na gorxa que deixaba tras de si o escoitar estas historias de activistas, resistentes e persoas comúns que nalgún momento toparon coa falta de piedade dun país que fai este ano 40 invernos que viu falecer ao seu último ditador na cama, pero que conserva prácticas que, en ocasións, lembran terrorificamente a aquelas contra os que os nosos pais e avós loitaron.

Non é sinxelo nin esperanzador o futuro que nos agarda. A Lei Mordaza segue pendendo sobre as cabezas de todo aquel que se atreva a levantar a voz, e as alternativas seguen a estar no punto de mira de moitos funcionarios desconfiados do poder popular. Pero, como lembrou o compañeiro Andrés, “Temos que seguir a empregar toda a nosa forza e imaxinación pra acadar un mundo no que ningún tipo de prisión poida ter cabida”.

Imaxe do acto © El Diario
Cartaz do acto Dominio Público CGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.