A saída de Sogama comeza por Deza e o Salnés?

Vidro en tratamento na planta de Lousame © Recíclame

O forte incremento da tarifa que Sogama lles cobra aos concellos para xestionar os seus residuos ameaza con provocar que numerosas localidades abandonen este modelo, en beneficio doutros sistemas máis baratos e, ademais, máis sustentables. A planta de tratamento de Lousame recibiu nas últimas semanas a visita de alcaldes e outros representantes institucionais das comarcas do Deza e do Salnés, a maior parte do Partido Popular. Alí puideron coñecer a forma de traballar neste lugar, no que destaca  a recollida selectiva da materia orgánica e demáis fraccións, a clasificación en planta dos materiais inertes e a fermentación natural da materia orgánica para producir compost. Nos concellos de ambas as dúas comarcas xa se abriu o debate sobre a conveniencia de permanecer en Sogama.

No caso do Salnés, o presidente da súa mancomunidade de concellos, Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa, realizou xa varias visitas á planta de Lousame, para interesarse polo modelo e valorar a posibilidade de que os concellos da comarca se adhiran a el ou mesmo de construír unha planta semellante. "O noso deber é buscar alternativas máis baratas a Sogama, e por iso vin a Lousame", sinalou. Ademais dos beneficios medioambientais e do aforro económico para os concellos e os seus veciños, a incorporacións destas localidades ao proxecto de Lousame sería beneficioso polo feito de reducir a distancia percorrida polos residuos. Actualmente chegan á planta da Mancomunidade do Barbanza os residuos de Carnota, a 60 quilómetros. E os concellos do Salnés atópanse a unha distancia non superior aos 70 quilómetros.

Porén, tamén se baralla a posibilidade de que no Salnés se constrúa unha planta comarcal. A Mancomunidade do Salnés agrupa os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, cunha poboación total de 110 mil habitantes. En conxunto xeran ao redor de 48 mil toneladas anuais de residuos (aplicando a media galega de 1,2 quilos por habitante e día recollida no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia, elaborado pola Xunta). Unhas cifras que superan as actuais dimensións da comunidade á que dá servizo a planta de Lousame, uns 86 mil habitantes aos que veñen de unirse os 12 mil de Rianxo, e que en conxunto producen unas 40 mil toneladas de residuos.

Os nove concellos da Mancomunidade do Salnés pagaranlle anualmente a Sogama (tras a suba que entrará en vigor este mes) ao redor de 3,3 millóns de euros

Os cálculos económicos do custe desta planta están xa no debate público. A planta de Lousame tivo un custe de menos de seis millóns de euros, e ese sería máis o menos o prezo de construír unha planta semellante no Salnés. Mentres, os nove concellos da Mancomunidade pagaranlle anualmente a Sogama (tras a suba que entrará en vigor este mes) ao redor de 3,3 millóns de euros. A planta amortizaríase en só dous anos, polo tanto.

 

Tamén no Deza

A pasada semana os rexedores de Lalín, Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces puideron coñecer de primeira man o tratamento de residuos que fai da planta do Barbanza, nunha visita conducida por expertos de Adega e da Universidade da Coruña, ademais de polo propio persoal da planta. Adega salientou despois desta visita que "moitos dos concellos da comarca do Deza teñen un perfil similar á do Barbanza, polo que unha iniciativa parecida sería perfeitamente trasladábel a aquela". A entidade ecoloxista destacou así mesmo a "sorpresa" amosada polos alcaldes pola cantidade de postos de traballo que xera o sistema da compostaxe: 150 fixos para 35.000 toneladas de residuos tratadas anualmente na Mancomunidade do Barbanza. Adega lembra que "tomando como referenza unha cantidade de 100.000 toneladas/ano, incineralas en SOGAMA xera 14 postos de traballo, mentres que a compostar esa mesma cantidade permitiría crear 428".

ADEGA sinala que "moitos dos concellos da comarca do Deza teñen un perfil similar á do Barbanza, polo que unha iniciativa parecida sería perfeitamente trasladábel a aquela"

Cómpre lembrar que o pasado mes de novembro, o alcalde de Lalín, José Crespo, recuperou a idea de construír unha incineradora de tamaño medio na comarca, en resposta a unha proposta do BNG para instalar unha planta de reciclaxe e compostaxe.

 

Concentración do PSdeG-PSOE

Pola súa banda, alcaldes e deputados socialistas participarán este martes, ás 11:45 horas, nunha concentración contra da suba do 34% do canon de Sogama diante da sede do Parlamento de Galicia. O acto, convocado polo PSdeG-PSOE, contará coa participación do secretario xeral do partido, José Ramón Gómez Besteiro. Os socialistas pídenlle ao Goberno galego que dea marcha atrás na súa decisión "e deixe de enganar aos cidadáns porque esta suba débese, única e exclusivamente, á decisión do Executivo Central de suprimir as primas para a xeración de enerxía renovable e á da Xunta de anular o plan do bipartito". Os alcaldes do PSdeG consideran que “o aumento do canon de Sogama é unha mostra de insensatez e de pobreza política, a Xunta lávase as mans e deixa a responsabilidade deste aumento en cada Concello”.

Vidro en tratamento na planta de Lousame © Recíclame
Concellos de toda Galicia levan meses amosando o seu descontento pola suba das taxas que cobra Sogama © encomun.es
Modelos de xestión de residuos en cada concello (2009) © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.