A sanidade pública, a institución na que máis confía a cidadanía

O sistema sanitario, a institución que xera máis confianza Dominio Público Praza Pública

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica este luns un módulo específico da Enquisa estrutural a fogares dedicado a analizar o "nivel de benestar" da poboación galega e tamén o seu nivel de confianza en distintas institucións e outros elementos da súa vida (familiares, veciños/as, compañeiros/as de traballo). É a primeira vez que leva a cabo este estudo, que permite coñecer un gran número de indicadores segmentados por grupos de idade, sexo ou nivel de ingresos.

O sistema sanitario (5,98 sobre 10) é a institución mellor valorada

No capítulo dedicado á confianza que xera na cidadanía unha serie de institucións, cómpre salientar que é o sistema sanitario (5,98 sobre 10) a institución mellor valorada, superando ás forzas e corpos de seguridade (5,96), Exército (5,62), ONGs (5,6) e sistema educativo (5,44), os únicos entes que aproban. Preto do 5 están os medios de comunicación (4,67), e máis abaixo aparecen as administracións públicas (3,98), o empresariado (3,62), as institucións relixiosas (3,53), as institucións europeas e internacionais (3,37) e o sistema xudicial (3,30). Pechando a lista, con niveis de confianza moi reducidos, están a banca (2,39) e o sistema político (1,8).

O sistema sanitario é a institución máis valorada polos galegos e galegas, en todos os grupos de idade, niveis de estudo e localización. Máis do 46,4% dos e das entrevistas outórganlle valoracións superiores a 7 e apenas un 18,9% a suspenden. Hai pequenas diferenzas por provincias, iso si, e vemos como os problemas que veñen sendo denunciados dende hai anos na área sanitaria de Vigo poderían influír en que os datos para Pontevedra sexan os máis críticos: neste caso, as valoracións superiores a 7 baixan ata o 42,5% e os suspensos son o 20,2%. Por idades, son as persoas de máis de 65 anos (precisamente quen máis utiliza os servizos da sanidade) as que mellor valoran o sistema público de saúde: un 55,9% outórgalle valoracións superiores a 7 e só un 11,4% a suspende.

O sistema político é suspendido polo 84% dos galegos e galegas

No extremo contrario, o sistema político e a banca son as entidades que reciben peor valoración en todos os casos. O sistema político é suspendido polo 84% dos galegos e galegas, sobre todo en Pontevedra (86,6%) e A Coruña (83,4%). A porcentaxe de suspensos é igualmente elevada entre os menores de 30 anos (86,9%), as persoas entre 30 e 44 anos (88,8%) e quen ten entre 45 e 64 anos (84,9%), reducíndose entre os maiores de 65 anos (76,2% de suspensos). O mesmo sucede coa banca, suspendida polo 73,9% da poboación, máis aínda nas provincias atlánticas. Novamente, as persoas entre 30 e 44 anos son as máis críticas (81,4%), xunto coas menores de 30 (77,8% de suspensos). Mesmo os e as maiores de 65 outorgan maioritariamente valoracións inferiores a 5 (61,8%).

 

Diferenzas por idade e nivel de estudos

As institucións relixiosas son valoradas cun 5,23 polos maiores de 65 e só cun 2,37 polos menores de 30

Non hai grandes diferenzas por xénero (as mulleres expresan unha confianza lixeiramente superior en todas as institucións dadas), mais si por grupos de idade e nivel de estudos. Neste caso, atopamos como as persoas con estudos primarios ou sen estudos confían máis en todas as entidades, con diferenzas que chegan a ser moi grandes en varias delas. Por exemplo, preguntados polas institucións relixiosas, outorgan un nivel de confianza de 5,12 puntos sobre 10, fronte ao 2,98 das persoas con estudos superiores. O mesmo sucede no caso da banca (3,08 fronte a 2,11), os medios de comunicación (5,06 fronte a 4,19) ou o sistema político (2,21 fronte a 1,74).

No caso da valoración realizada por idades, hai tamén diferenzas entre a confianza expresada polas persoas maiores de 65 (superior en todos os casos) e as xeracións máis novas, como se pode ver no gráfico. Sobre todo no caso das institucións relixiosas, valoradas cun 5,23 polos maiores de 65 e só cun 2,37 polos menores de 30; pero tamén no da banca (3,1 fronte a 2,1), o Exército (6,24 fronte a 5,13) e as forzas de seguridade (6,55 fronte a 5,28).

O sistema sanitario, a institución que xera máis confianza Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.