A "segunda oportunidade" para a escola infantil en galego

Fachada da Avoaescola de Ferrolterra © Avoaescola

O pasado mes de outubro, e despois de varios anos de enorme esforzo, a sociedade cooperativa Avoaescola poñía a andar a súa primeira escola infantil en galego para nenos de até 3 anos. Abría así en Ferrolterra un centro educativo que pretendía -e pretende- ser a primeira peza dunha rede dentro dun proxecto educativo "laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade" que busca espallarse por todo o país. Apenas catro meses despois, en febreiro, a iniciativa viuse obrigada a suspender a actividade ata o vindeiro curso 2014-15 "por problemas económicos" derivados da falta de apoios, especialmente de moitos cos que xa contaban.

O apoio cidadán permitirá manter vivo o proxecto cooperativo de Avoaescola para o ensino infantil entre os máis pequenos

Pero o proxecto aposta "por unha segunda oportunidade". Por iso os seus impulsores abriron unha campaña de crowdfunding na plataforma Verkami coa que pretenden recadar os 3.000 euros necesarios e imprescindibles para os pagos máis urxentes que poidan "garantir a reapertura" desta escola infantil en galego para o vindeiro curso. Mañá  martes, ás 20 horas, finaliza o prazo desta campaña que leva máis de 2.500 euros conseguidos e que pretende cos cartos que se obteñan asegurar o pago do aluguer e das débedas máis inmediatas.

Tan só un día despois, e de acadar un obxectivo que ven máis que factible, a cooperativa iniciará a selección do persoal educativo para esta escola situada en Narón e na que se crearán tres postos de traballo para o curso 2014-15. Hai varias prematrículas xa e o propósito irrenunciable é o de abrir, como mínimo, durante un curso completo. "Temos que darlle unha segunda oportunidade ao proxecto, que debe funcionar un curso enteiro para saber se ten éxito ou non e para consolidarse; cremos que sairemos adiante, pero se non é así, tamén deberemos comprobalo para sacar as conclusións e leccións necesarias para os que veñan despois", di Francisco López, presidente da sociedade cooperativa e director da Avoaescola de Ferrolterra.

"Temos que darlle unha segunda oportunidade; a escola debe funcionar  un ano enteiro para consolidarse"

Pero acadar a supervivencia non sería, nin moito menos, rematar co problema. "Seguimos precisando apoios e socios; todo o que consigamos será para continuar adiante e para resolver as débedas do primeiro ano", explica López, que entende que "a crise non axuda", pero que bota en falta "máis compromiso" por parte da cidadanía comprometida co galego. "Sei que todos os que se mobilizan e reivindican a lingua o fan de boa fe pero tan ou máis importante que reivindicar é facer", explica o director desta escola infantil que pretende ser a primeira pedra dunha rede de galescolas privadas, populares e co apoio da cidadanía comprometida. Unhas escola na que o galego sexa a lingua vehicular e que segue o ronsel doutras iniciativas semellantes como a Semente en Compostela.

Foron 3.173 as persoas que amosaron o seu compromiso nos inicios do proxecto, pero tan só unha minoría colaborou economicamente cunha rede de escolas infantís que inaugurou a primeira e que xa tivo que pechar. Con cinco euros por cada un deses apoios prometidos, a escola infantil tería saído adiante. "Aquí todo se amaña cunha iniciativa parlamentar, pero o pobo debe apoiar as iniciativas cidadás e sociais e non ter tantas reticencias a participar", explica López, que agarda que "grupos políticos nacionalistas como BNG, Anova e Compromiso fagan explícito o seu apoio" a Avoaescola. "Apoiala é apoiar a iniciativa cidadá", insiste. 

"Tanto ou máis importante que reivindicar é facer", di o director da escola infantil de Ferrolterra

Avoaescola conta xa coa colaboración de entidades que están a defender a cultura e a lingua como a ASPG, Nova Escola Galega, A Mesa e a Asociación de Escritores/as e, ademais da campaña de micromecenado, permite colaborar co proxecto a través de achegas na conta de Galiza co Galego (Caixa Rural Galega 3070-0044-58- 6085308424).

Escola infantil de Avoaescola en Narón © Avoaescola
Francisco López, presidente de Galiza co Galego CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.