A pasada semana o Tribunal Supremo converteu en firme a sentenza de 2008 que anulaba a modificación do PXOM de Mugardos realizada expresamente para permitir a instalación da planta de gas de Reganosa. A sentenza do Supremo deixaba claro, ademais, que a planta carece dos permisos ambientais para a a súa instalación e funcionamento, e viña unirse a un longo ronsel de sentenzas contrarias á empresa. Porén, até agora a lentitude da xustiza, e grazas a distintas manobras dilatorias, recursos e alegacións, Reganosa viñera esquivando a paralización da súa actividade.
A avogada do Comité Cidadán, Patricia Gabeiras, debullou os argumentos utilizados por Núñez Feijoo e Fernández Barcia para defender a legalidade da planta, e acusounos de "faltar á verdade"
De igual xeito, a semana pasada o presidente da Xunta e mais o alcalde de Mugardos afirmaban que a sentenza do Supremo non afectaría á empresa, e agarrábanse á nova modificación do PXOM, que debe ser aprobada pola Xunta para entrar en vigor e evitar que a planta opere sen os necesarios permisos. Porén, o Comité Cidadán iniciou a pasada semana unha ofensiva legal para esixir que a planta cese a súa actividade e para evitar que a Xunta aprobe a nova modificación do ordenamento municipal. Nada máis coñeceren a sentenza, os voceiros da plataforma cidadá xa advertiran que "unha vez anulado o permiso para a instalación da planta, todas as autorizacións irán caendo en cascada".
A avogada do Comité Cidadán, Patricia Gabeiras, debullou os argumentos utilizados por Núñez Feijoo e Fernández Barcia para defender a legalidade da planta, e acusounos de "faltar á verdade". Lembroulles, así mesmo, que se persisten no seu intento de aprobar unha nova modificación do PXOM para legalizar a planta estarían incorrendo "nun delicto de prevaricación" . Foi rotunda ao afirmar que o Tribunal Supremo anulou a licencia de actividade de actividade, polo que esixiu a súa paralización inmediata, o que deriva, por exemplo, en que Reganosa non estaría cuberta por un seguro, no caso de haber un accidente, segundo Gabeiras.
A avogada sospeita que a empresa defenderá ante o TSXG a "inexecutabilidade da sentenza", pois a planta xa está construída. Porén, Gabeiras lembrou que hai abondosa xurisprudencia ao respecto, coma a sentenza que obrigou recentemente a desfacer un recheo ilegal no Porto de Vigo
Ademais de seguir adiante co intento de modificar o PXOM de Mugardos, que segundo Gabeiras tampouco contaría cos necesarios permisos medioambientais, que deben ser solicitados antes da instalación, a avogada sospeita que a empresa defenderá ante o TSXG a "inexecutabilidade da sentenza", pois a planta xa está construída. Porén, Gabeiras lembrou que hai abondosa xurisprudencia ao respecto, coma a sentenza que obrigou recentemente a desfacer un recheo ilegal no Porto de Vigo. O Comité Cidadán, finalmente, asegurou novamente que a planta de gas é profundamente deficitaria, por mor da súa escasa actividade, e a súa continuidade, que deriva en beneficios económicos para os grupos empresariais propietarios, repercute nas facturas de electricidade de todos os cidadáns e cidadás.
Solicitudes formais de paralización da planta
Este luns 11 de xuño o Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol remitiulles senllos escritos ao alcalde de Mugardos, ao conselleiro de Medio Ambiente, ao presidente da Xunta, e mais ao Director General de Política Energética do goberno central
Este luns 11 de xuño o Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol remitiulles senllos escritos ao alcalde de Mugardos, ao conselleiro de Medio Ambiente, ao presidente da Xunta, e mais ao Director General de Política Energética do goberno central. A Xosé Fernández Barcia solicítalle que "acorde a paralización da actividade de Reganosa por violar a instalación a normativa urbanística vixente que non permite a realización de actividades de regasificación en Punta Promontorio".
Pola súa banda, a Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, e ao presidente da Xunta, lembralles que, dado que a sentenza do Supremo é inapelable e sinala que Reganosa "é ilegal de pleno dereito por razón da súa ubicación", a Xunta debe cumprir o fallo e, en consecuencia, non pode aprobar a modificación do PXOM, pois "a Lei de Xurisdición prevé a nulidade de pleno dereito dos actos que se diten coa finalidade de eludir o cumprimento das sentenzas firmes".
Finalmente, a Jaime Suárez, Director General de Política Energética, solicítalle que acorde "o cese inmediato da actividade de Reganosa, xa que de continuar coa actividade se estaría vulnerando a normativa aplicable ás instalacións de regasificación e se estaría somentendo, por razón dunha situación ilegal, a un risco innecesario á poboación".
Presión social e política
Esquerda Unida xa anunciou que nos vindeiros días realizará unha serie de preguntas ao Goberno no Congreso sobre a aplicación do fallo do Tribunal Supremo
A presión cidadá para esixir a paralización da actividade da planta e demandar o seu peche e traslado a outra ubicación tamén continuará por vías parlamentarias, e Esquerda Unida xa anunciou que nos vindeiros días realizará unha serie de preguntas ao Goberno no Congreso sobre a aplicación do fallo do Tribunal Supremo. De igual xeito, haberá presión social, e a sexta edición da marcha a pé entre Ferrol e Mugardos, que se celebrará o 20 de xullo terá o peche de Reganosa como principal reivindicación, ao fío da sentenza do Tribunal Supremo.