"A sentenza do Prestige non terá validez internacional ningunha"

Michel Girin, na súa estadía en Galicia Dominio Público Praza Pública

O francés Michel Girin é un dos maiores expertos europeos en contaminación mariña. Investigador e consultor de acuicultura, con experiencia en sesenta países, foi director durante doce anos do Cedre, asesor das autoridades francesas na loita contra as catástrofes medioambientais no mar, e colaborou activamente na xestión do accidente do Prestige, ademais de noutros naufraxios en Galicia, como o do Mar Exeo. Compareceu no macroxuízo sobre o desastre provocado na costa galega, elaborou un informe encargado polo Executivo e defendeu o afastamento do buque polo grave risco que suporía o afundimento do barco na costa. Este xoves volveu a Galicia para participar nun seminario sobre seguridade marítima organizado pola Fundación Universidade da Coruña e Portos de Galicia e no que varios expertos achegaron iniciativas para previr accidentes como os que lamentablemente se repetiron no país nas últimas décadas. A poucos días da lectura da sentenza do xuízo do Prestige, Girin fai balance.

Que espera da sentenza do xuízo do Prestige?

Non espero nada en particular, non penso en termos de agardar algo ou non. A sentenza será a que sexa e será importante e válida para toda España, pero non é unha sentenza internacional, así que non terá valor internacional ningún fóra do Estado. É lamentable que tomemos decisións a nivel nacional e non a nivel internacional.

"A sentenza do Prestige será importante para España, pero non terá validez internacional ningunha"

Non cre que o ditame suporá un antes e un despois en seguridade marítima?

A sentenza e o que se derive dela non suporá obriga ningunha para Europa nin para o resto do mundo. E pode que dentro duns anos, outro país considere xusto o que se fixo en España ou non. É triste que os europeos non sexamos capaces de falar coa mesma voz, cada un fala o seu idioma, tamén neste ámbito.

Son moitos os colectivos que critican que altos responsábeis políticos non sentasen no banco dos acusados...

Vou empregar unha metáfora para responder. Cando hai un accidente nunha autoestrada, o último da fila que bate co penúltimo é o responsable para todos porque é moi difícil identificar a responsabilidade dos que quedan no medio. A lexislación, ao fin e ao cabo, tamén se pode basear nesta postura, porque non podes buscar a responsabilidade individual de cada  un dos coches implicados no accidente. O mesmo ocorre cando se di que non foron xulgados todos os responsábeis políticos que tiñan que ser xulgados. É difícil determinar as responsabilidades. Hai un primeiro, o capitán do buque, que claramente ten unha responsabilidade, e logo hai outros que teñen máis ou menos responsabilidade.

"O capitán ten claramente unha responsabilidade no sinistro, pero logo hai outros que tamén teñen máis ou menos responsabilidade"

Na súa opinión, quen é o máximo responsable desta catástrofe?

Non o vou dicir porque eu non son o xuíz.

Non ten responsabilidade ningunha a xestión levada a cabo polo Goberno?

No momento no que a navegación marítima internacional dá a un estado a responsabilidade dun buque que perdeu a capacidade de se mover manexado pola súa tripulación, ese país ten unha responsabilidade se o buque acaba afundindo. Isto non quere dicir que se cometesen erros ou se fixese algo mal, pero non se tivo éxito.

"No momento no que un Goberno asume o control dun barco, o Estado é responsable se o buque acaba afundindo"

Cre que España está moito máis preparada que antes do Prestige para combater este tipo de catástrofes medioambientais?

Está moito mellor preparada. Antes do Prestige había moi poucos científicos españois nos proxectos europeos desenvolvidos neste ámbito. Hoxe en día hai españois en todos os proxectos, tamén nos máis importantes e nos que son líderes. Son recoñecidos como produtores de valor e están levando a cabo ferramentas técnicas e solucións que darán a todos a capacidade de combater mellor e loitar con máis eficacia contra a contaminación.

Que opcións hai cando ocorre un accidente marítimo?

Hai tres opcións principais: levar o barco a un porto refuxio, levar ese barco a unha praia ou remolcalo a un porto refuxio afastado, pero pode que con esta opción non logre chegar a porto. Ao non tomar decisións inmediatas, en moitos casos os barcos afundiron definitivamente. Ninguén quere ocuparse de ter que librar coa patata quente dun barco en problemas. O pasado dinos que cada caso é único, pero tamén que calquera medida temporal debe ser seguida dunha determinación final. As decisións non poden improvisarse e estas implican custos.

Afastar o Prestige da costa foi a mellor opción ou a máis negativa?

Non foi a mellor, foi quizais a menos mala. Quizais non foi boa, ninguén o pode dicir. Foi unha opción posible, unha das alternativas que tiñan os responsables na man baseándos en accidentes pasados e en decisións tomadas anteriormente en casos semellantes.

"Afastar o Prestige da costa non foi a mellor opción, pero quizais si a menos mala"

Cal era a mellor opción?

A mellor opción sempre é aquela que acaba por salvar o buque. Napoleón dicíalle aos seus xenerais que o que lle importaba era que tivesen sorte. A mellor solución é a decisión dun responsable que teña sorte

A alternativa era intentar meter o Prestige nunha ría, non si?

Era moi complicado metelo aquí. Hai que lembrar que a zona da Coruña, por exemplo, xa coñecera a catástrofe do Mar Exeo e os que sufrion aquilo e vivían dos recursos do mar ían ser posiblemente os destinatarios dunha nova contaminación.

Cal sería a opción tendo en conta que Galicia non ten un porto refuxio determinado?

Calquera praia ou zona protexida pode servir como refuxio para levar a cabo actuacións de emerxencia, como estabilizar a carga, pero logo hai que remolcar o buque ata un peirao realmente refuxio ou de tratamento. Un capitán pode refuxiar o barco nun porto, pero iso non quere dicir que ese porto sexa un porto refuxio. Se queremos portos refuxios de verdade, estes deben ser preparados con equipos e plans de actuación, pero debemos convencer  aos que alí operen que a actividade adicional deste peirao será máis importante que os danos. Isto é business. Para preparar un porto refuxio válido precísanse investimentos en medios de tratamento para os buques e a súa carga. Estes investimentos teñen que cargarse á conta dos responsábeis do barco. Se así fose, daquela a autoridade do país en cuestión podería pedir responsabilidade única e non a responsabilidade compartida co propietario do barco.

"Non coñezo ben as condicións do mar da Coruña para saber se o porto exterior pode ser refuxio, pero non me parece que sexa unha zona ben protexida"

O porto exterior da Coruña está pensado como porto refuxio...

Non coñezo o suficientemente ben as condicións do mar da Coruña, pero pola miña experiencia no naufraxio do Mar Exeo e vendo o mar na Torre de Hércules, non me dá a impresión de que sexa unha zona ben protexida.

Comprendía e apoiaba as enormes mobilizacións sociais xurdidas en Galicia pola xestión da catástrofe do Prestige?

Non era cuestión miña apoialos ou non. O único que podo facer é compartilas. Vivo en Brest e vexo a praia desde a miña fiestra, nun sitio que tamén pode servir de refuxio para buques. Tampouco me gustaría que un deles acabara alí.

Como se recuperou a costa galega?

Do que puiden comprobar ata o momentono no que me xubilei, a recuperación no litoral galego foi bastante boa. Non seguín a evolución da costa nos últimos anos, pero teño a impresión de que a situación agora está bastante normalizada.

"Que recomendaría se ocorre outro Prestige? Intentar salvar o barco pero sabendo que, se non se logra, a responsabilidade será de quen o intente"

Que recomendaría vostede facer se hoxe mesmo lle comunican que hai un barco como aquel Prestige, cos mesmos problemas e á deriva na mesma zona?

Para recomendar algo hai que estar na mesa de decisións e ter todos os documentos e información á túa disposición. A miña recomendación sería que, se hai unha posibilidade de salvar o buque, que intenten facelo. Pero que o intentan saendo que, de non ter éxito, eles serán os responsables.

Michel Girin, na súa estadía en Galicia Dominio Público Praza Pública
Varios ponentes no seminario sobre seguridade marítima © FUAC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.