A SGHN denuncia a corta, chea de irregularidades, de seis mil piñeiros nun espazo protexido

Bidueiral de Montederramo © Turgalicia

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitarlle á Consellería de Medio Rural que abra unha investigación sobre a corta de máis de seis mil piñeiros silvestres no Bidueiral de Montederramo, espazo da Rede Natura 2000 situado neste concello ourensán e xestionado pola propia Xunta de Galicia. Un aproveitamento madeireiro que se realizou, segundo denuncia, con numerosas irregularidades, provocando ademais "graves danos" no sotobosque e nas pistas forestais. Na tala empregouse o método de corta de rexeneración mediante corta a feito con árbores pai, nunha superficie total de 16,76 hectáreas.

A entidade pide que se "depuren as posibles responsabilidades nas que teñan incurrido o concesionario da corta e o personal da Consellería encargado da tramitación, aprobación e supervisión da corta", e que adopten "as medidas precisas para evitar que feitos semellantes se repitan nun futuro en calquera dos montes xestionados pola Consellería do Medio Rural".

Segundo a SGHN, na corta producíronse numerosas e importantes irregularidades. En primeiro lugar, "incumpríronse as instrucións do plan de ordenamento do monte que establece que as cortas de rexeneración se realizarán seguindo a metodoloxía do aclareo sucesivo uniforme, que se desenvolven en tres fases, e nunca polo método do corta a feito". Tampouco se seguiu a obriga do picado dos restos da corta, en trozas de menos de 50 cm. Ademais, sinalan, deberíase ter solicitado unha autorización á Confederación Hidrolóxica do Miño-Sil, pois foi afectada a zona de policía de augas na parte oeste do cantón ao carón do regato Corgo das Aguzadeiras.

A entidade engade que se produciron importantes danos nas pistas forestais "coa destrucción das gabias ao longo de varios quilómetros, de xeito que coa primeiras choivas produciranse arrastres de auga deteriorando a plataforma de rodadura". E tamén sobre a vexetación do sotobosque, "afectando a gran número de especies do estrato arbustivo (acivro, cancereixo, bidueiro, etc.) non contemplados no aproveitamento". O acivro, especie protexida, aparece "cortado e arrancado, en toda a superficie do lote de corta, afectando a centos de pés", salienta. Finalmente, denuncian que botaron restos de corta directamente polo noiro da pista cara ao regato “Corgo das Aguzadeiras”.

O pasado mes de marzo Amigos da Terra denunciou a realización de talas masivas na Ribeira Sacra, que poderían facer perigar a declaración como Patrimonio da Humanidade. O feito foi investigado polo Valedor do Pobo.

Imaxe da corta de piñeiros levada a cabo no Bidueiral de Montederramo © SGHN
O monte é un espazo protexido da Rede Natura 2000 © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.