A tauromaquia pode perder 130 millóns de euros anuais de subsidios da PAC

Votación en Estrasburgo CC-BY-NC-ND Parlamento europeo

O Parlamento europeo pronunciouse este mércores por ampla maioría a favor de eliminar as subvencións que recibe tauromaquia a través das axudas agrarias da UE. A emenda dos Verdes aos Orzamentos para 2016, que demandaba expresamente que os cartos públicos das institucións europeas "non se utilicen para apoiar a reprodución ou a cría de touros destinados ás actividades de tauromaquia" e destaca que o actual financiamento viola os convenios de protección dos animais, foi aprobada por 438 votos a favor, 199 en contra e 55 abstencións. Entre os representantes españois, os eurodeputados da Esquerda Plural, Podemos e as forzas nacionalistas apoiaron a eliminación dos subsidios, os do PP votaron en contra e tanto PSOE coma Ciudadanos e UPyD dividiron os seus votos; entre os socialistas, 9 dos 14 representantes defenderon as axudas públicas á gandaría do touro de lidia.

A decisión final sobre a continuidade destes subsidios europeos á tauromaquia, que suman ao redor de 130 millóns de euros anuais, corresponde ao Consello de Ministros de Agricultura da UE

A decisión final sobre a continuidade destes subsidios europeos á tauromaquia, que suman ao redor de 130 millóns de euros anuais, corresponde ao Consello Europeo (os Estados membros) e ao Consello de Ministros de Agricultura da UE, onde se espera que o Goberno español (coa colaboración de Portugal e, se cadra, Francia) presione os demais países para manter as subvencións.

A votación da cámara foi celebrada polos colectivos animalistas e as forzas ecoloxistas. Florent Marcellesi, portavoz de Equo, destacou que "hoxe é un gran día para a defensa do benestar animal e dos dereitos dos animais. A emenda aprobada deixa claro que o Parlamento Europeo, en nome da cidadanía europea, non apoia a tauromaquia nin moral, nin politicamente". A Fondation Franz Weber, a Asociación Animalista Libera e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas amosaron a súa satisfacción pola "cada vez máis contundente mensaxe" que envía a cámara europea. O galego Rubén Pérez, voceiro da campaña #NoMoreFunds, animou a cidadanía a "presionar" para que nas negociacións que agora se inician entre os Estados membros se respecte a decisión adoptada pola maioría parlamentaria.

Rubén Pérez, voceiro da campaña #NoMoreFunds, animou a cidadanía a "presionar" para que nas negociacións que agora se inician entre os Estados membros se respecte a decisión adoptada pola maioría parlamentaria

Pola súa banda, os criadores, os colectivos protaurinos e algúns medios de comunicación afíns criticaron o resultado da votación. A Unión de Criadores de Toros de Lidia afirma que a emenda aprobada "non ten fundamento legal", polo que -aseguran- "en principio sería rexeitada" polo Consello de Ministros da UE, "xa que os gandeiros de touros de lidia teñen tanto dereito coma calquera outro produtor europeo a recibir as axudas europeas".

Nos últimos anos os Verdes tentaran en dúas ocasións a aprobación de emendas semellantes, que non acadaron os votos suficientes. Si o fixeron esta vez, amosando unha clara evolución entre os parlamentarios, cada vez máis contrarios a estas subvencións. En 2010 a proposta foi rexeitada con claridade. O pasado ano a iniciativa tivo máis votos favorables (341) que contrarios (294), pero quedou por debaixo do mínimo de 377 apoios esixidos. Desta volta os 438 votos acadados supuxeron unha maioría clara. 

A preocupación entre o mundo protaurino é palpable, á vista das declaracións dalgúns colectivos e da posición amosada por algúns medios de comunicación

A preocupación entre o mundo protaurino é palpable, á vista das declaracións dalgúns colectivos e da posición amosada por algúns medios de comunicación. O pasado ano, cando a emenda quedou preto de acadar os votos necesarios para ser tida en conta, Mundotoro publicou un editorial no que se laiaba da "discriminación" que -aseguraba- sofren os criadores de touros de lidia e chamaba á mobilización dos sectores protaurinos: "Non se trata só de defender unha actividade lícita e loitar contra os argumentos animalistas para a extinción do touro bravo. Trátase de protexer a igualdade dos homes".

 

Cantos cartos públicos reciben as touradas?

A tauromaquia recibe subvencións de practicamente todas as administracións en base a moi diversos conceptos pero os subsidios que reciben os criadores de touros de lidia representan unha das partidas principais. A través dos fondos da Política Agraria Común (PAC), a UE entrega cada ano uns 130 millóns de euros ás empresas gandeiras que crían estes animais para a súa morte nas prazas, como se recolle nun informe presentado en 2013 polo deputado de ERC Alfred Bosch. As subvencións outórganse en función das hectáreas utilizadas por cada explotación e non polo número de cabezas de gando ou outros criterios. Isto beneficia precisamente á gandaría extensiva e, moi especialmente, á cría de touros de lidia, que necesitan, máis que nada, grandes extensións de terreo.

A maior parte das achegas de cartos públicos proceden de administracións do Estado Español, máis de 500 millóns de euros cada ano

Calcúlase que en España se dedican 540 mil hectáreas de pasto para a cría destes animais. Dado que a PAC paga 240 euros anuais por hectárea, a suma total de subvencións entregadas aos empresarios gandeiros taurinos rolda os xa comentados 130 millóns de euros. Alfred Bosch subliña que se trata dun cálculo "mínimo", sen ter en conta outros elementos e partidas que poderían incrementar esa cantidade.

Non son os únicos fondos europeos que recibe a industria do touro en España, aínda que si son os máis importantes. A campaña #NoMoreFunds, dedicada a analizar e denunciar a entrega de subvencións comunitarias á tauromaquia, detalla outras vías de financiamento, coma por exemplo o uso de fondos FEDER para a rehabilitación de prazas de touros en Portugal e España. Ou o pagamento de case un millón de euros procedentes do Fondo Social Europeo á denominada Fundación Andaluza de Tauromaquia para, supostamente, mellorar as capacidades laborais de persoas desempregadas.

Os grupos abolicionistas calculan que en localidades pequenas e festexos menores  os ingresos privados cobren do 10 ao 50 por cento dos gastos das corridas, pagándose o resto con subvencións públicas

A supresión das subvencións agrarias europeas á tauromaquia suporía un gran golpe a unha actividade que mantén boa parte da súa estrutura grazas aos subsidios. Porén, non se debe esquecer que a maior parte desas achegas de cartos públicos proceden de administracións do Estado Español. As cifras que barallan os grupos abolicionistas sitúan a cifra entre os 550 e os 600 millóns de euros anuais (datos de 2010). Nesta cantidade entrarían todo tipo de pagamentos: axudas aos promotores de corridas, compras masivas de entradas, publicidade, dereitos de televisión pagados por canles públicas... Estes informes calculan que as vendas de entradas ou as achegas privadas de todo tipo (publicidade, patrocinios...) pagan ao redor do 66% dos gastos xerados polas corridas de primeiro nivel, en cidades e feiras importantes. Noutro tipo de festexos, en localidades máis pequenas, os ingresos privados irían do 10 ao 50 por cento, cubríndose o resto con subvencións públicas.

Como se demostrou no caso da Coruña, onde a retirada este ano da subvención indirecta que viña entregando o Concello supuxo a fin da feira taurina, estes subsidios públicos supoñen o sostén dunha parte importante das corridas e feiras taurinas que se celebran cada ano.

Imaxe dunha sesión na cámara CC-BY-NC-ND Parlamento europeo
Votación en Estrasburgo CC-BY-NC-ND Parlamento europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.