A teimuda realidade: 2013 foi o ano con máis emigración galega dende o inicio da crise

Mozos no aeroporto de Madrid CC-BY-SA Cadernos.net

Galicia non ten un problema migratorio, senón demográfico. É a tese reiterada ata a saciedade dende instancias oficiais, especialmente dende a Xunta, para tentar afastar o foco das persoas que deciden abandonar o país para desenvolver a súa vida noutros territorios. Alén de que ese problema demográfico é evidente -xa son tres década con máis mortes que nacementos- e tamén o son os seus efectos, caso por exemplo do avellentamento da poboación, as cifras oficiais sobre migracións desmenten que nos últimos anos non aumentasen as persoas que, con independencia das causas, deixaron Galicia. Concretamente, o 2013 foi o ano no que o país rexistrou un maior número de emigrantes dende o inicio da crise económica.

Isto é, cando menos, o que din as cifras oficiais da estatística de migracións do INE, que vén de facer públicos os datos provisionais correspondentes ao ano 2013. A entidade estatal cifra en algo máis 27.300 as persoas que marcharon de Galicia no último ano, a maior cantidade na serie temporal que amosa, iniciada en 2008. Do treito temporal analizado o ano con cifras máis semellantes ás de 2013 foi 2011, con algo máis de 25.000 emigracións. 

Emigración moza e coa ollada posta no estranxeiro

Unha ollada máis polo miúdo dos datos di que a poboación galega que decide marchar segue facéndoo maioritariamente a outros puntos do Estado, se ben cada vez son máis as persoas que elixen o estranxeiro para ir vivir. Así, o INE recolle que en 2013 marcharon a outras comunidades autónomas case 14.700 homes e mulleres mentres que emigraron a outros estados 12.600 persoas, un 71% das persoas que marchaban ao estranxeiro no primeiro ano de crise económica.

O país perdeu máis de 3.000 persoas de entre 0 e 19 anos pola vía da emigración

Estes datos serven ademais para darlle soporte á percepción, por veces negada dende instancias gobernamentais, de que a xente moza é a que máis emigra de Galicia. Segundo os datos de 2013 os grupos de idade máis numeros entre a emigración galega son os de 30 a 34 anos (máis de 4.500) e de 25 a 29 (máis de 4.000). Chama a atención, ademais, que a terceira faixa de idade pola que Galicia perde poboación sexa a da infancia, adolescencia e primeira mocidade, coa saída de case 4.000 persoas de entre 0 e 19 anos. Ségueas o grupo de 35 a 39 anos, que supera folgadamente as 3.000 persoas que deixaron de facer vida en Galicia. 

Neste contexto cabe deterse tamén a analizar o peso que ten nestas cifras de emigración outro dos fenómenos característicos da crise: a marcha de Galicia de persoas que noutrora foron inmigrantes e que agora se trasladan a outros territorios. Se ben o peso da poboación estranxeira nestes continxentes migratorios é relevante non é menos certo que máis da metade das devanditas 27.000 persoas que deixaron Galicia naceran no Estado español. No 45% restante preponderan a cidadanía nada en Sudamérica, case unha cuarta parte do total, seguida da do resto de Europa e de África.

Estes números dan lugar a un panorama no que Galicia perdeu poboación en 2013 por todas as vías posibles, tanto polo seu saldo vexetativo negativo en máis de 10.000 persoas como por un saldo migratorio do mesmo signo. A respecto do estranxeiro este saldo -diferenza entre emigracións e inmigracións foi de 3.902 persoas, o décimo do Estado en cifras absolutas. No que atinxe ás migracións interautonómicas o saldo galego tamén é negativo, neste caso en apenas 53 persoas, xusto no medio da táboa, entre as autonomías cun saldo negativo e as que presentan saldo positivo. Entre as que teñen un saldo migratorio interautonómico positivo destaca Madrid, con máis de 15.000 persoas, seguida de Balears (5.000), Euskadi (3.200) e Canarias (3.100).

Mozos no aeroporto de Madrid CC-BY-SA Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.