A terra dos Hugos e das Noas

Nenas e nenos dunha escola infantil CC-BY-NC-SA CIG

Galicia é a terra dos Hugos e das Noas, ou cando menos iso parece nos últimos anos. Hugo é o nome máis común entre os nenos galegos nacidos dende o 2008, por diante dos Mateo, Pablo, Daniel ou Martín. E Noa é, igualmente, o máis escollido para as nenas dende o 2012, superando a Sara e Lucía, que dominaran nos anos anteriores, e a outros, como Daniela, que semella facerse cada vez máis popular.

Os Hugos e as Noas estanse mesmo convertendo nun factor diferencial galego, pois noutras comunidades están lonxe de ser os máis comúns, sobre todo no caso de Noa entre as nenas. No conxunto de España, en 2013 Daniel foi o máis utilizado para os varóns, por diante de Hugo, Alejandro, Pablo, Álvaro e Adrián. Para as mulleres, dominan Lucía, María, Paula, Daniela e Sara. Analizando os datos das distintas comunidades autónomas, atopamos que Daniel domina en Aragón, Extremadura, Madrid, Castela-León, Castela-A Mancha, Valencia, Cantabria, La Rioja e Asturias, Marc en Baleares e Catalunya, Alejandro en Andalucía e Murcia, Iker en Navarra, Markel en Euskadi e Hugo en Canarias. De igual xeito, Lucía e ó nome máis habitual en Aragón, Asturias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha, Valencia, Madrid e La Rioja, María en Andalucía, Murcia e Estremadura, Júlia en Catalunya, Paula en Baleares, Valeria en Canarias, Irati en Navarra e Ane en Euskadi.

Por suposto, non sempre foi así, e no conxunto do censo, como esta semana volveu revelar o INE, os galegos seguimos sendo un país de Manuel (79.627 en total), José (62.795), José Manuel (37.699), Antonio (36.990), Jesús (23.770), José Luís (26.187), José Antonio (25.568) e Francisco (20.253). No caso das mulleres, no conxunto da súa poboación en Galicia somos unha terra de María Carmen (63.474), María (45.145), Carmen (35.343), Josefa (21.581), María Dolores (20.347) e María Pilar (19.971).

Os nosos apelidos tampouco son moi singulares; dominan os Rodríguez, os Fernández, os González, os López, os García, os Pérez ou os Vázquez 

Os nosos apelidos tampouco son moi singulares; dominan os Rodríguez (cun total de 113.145), os Fernández (107.460), os González (84.653), os López (79.896), os García (76.737), os Pérez (60.525) ou os Vázquez (47.725). Isto si, con algunhas particularidades a nivel provincial: García é o apelido máis frecuente na Coruña, pero tan só o cuarto en Lugo, o quinto en Pontevedra e o oitavo en Ourense. Pola contra, López, apelido máis común en Lugo, é o terceiro na Coruña, o sexto en Ourense e o oitavo en Pontevedra.

2003 2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Pablo Pablo Pablo Pablo Pablo Hugo Hugo Hugo Hugo Hugo Hugo
Alejandro Alejandro Alejandro Hugo Hugo Pablo Pablo Mateo Mateo Mateo Mateo
Hugo Daniel David Daniel Daniel Adrián Daniel Pablo Pablo Martín Pablo
Daniel  David Daniel Alejandro Adrián Alejandro Adrián Martín Daniel Pablo Nicolás
Diego Hugo Hugo David Diego Daniel Mateo Daniel Martín Daniel Daniel
David Diego Diego Adrián Alejandro Diego Martín Diego Adrián Nicolás Martín
Adrián Adrián Adrián Diego David Brais Brais Adrián Nicolás Diego Manuel 
Manuel  Manuel Martín Martín Brais David Lucas Brais Diego Adrián Alejandro
Brais Brais Brais Manuel Manuel Manuel Diego Lucas Alejandro Alejandro Lucas
Miguel Miguel Manuel Brais Lucas Mateo Alejandro Alejandro Manuel Manuel Diego

Os nomes máis comúns en Galicia para os varóns acabados de nacer (2002-13). Fonte: INE

 

2002 2003 2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
María Lucía Lucía Lucía Lucía Lucía Lucía Lucía Sara Sara Noa Noa
Laura Paula Laura Paula Laura Sara Sara Sara Lucía Lucía Sara Sara
Sara Laura Paula Laura Sara Paula Paula Paula Noa Noa Lucía Daniela
Alba María María María Paula Laura Noa Noa Daniela Daniela Daniela Lucía
Lucía Andrea Andrea Sara María Noa Uxía Uxía Paula Carla Sofía Carla
Andrea Sara Sara Nerea Alba María Carla Carla Carla Paula Carla Sofía
Paula Alba Alba Alba Carla Alba María Alba Alba Sofía Alba Martina
Nerea Nerea Uxía Carla Noa Carla Laura Daniela Laura Alba Paula Alba 
Marta Marta Carla Andrea Antía Uxía Alba Laura Sofía María Martina Paula
Ana Uxía Nerea Uxía Andrea Antía Antía Antía Uxía Laura María María

Os nomes máis comúns en Galicia para as mulleres acabadas de nacer(2002-13). Fonte: INE

 

Nomes 'xeracionais'

Afondando nas estatísticas que recolle o INE pódense analizar os sucesivos cambios, nomes que pola súa frecuencia mesmo podemos identificar cunha década ou xeración concreta. Abonda con sumar os datos dos nacidos na pasada década, a primeira do século XXI. Vemos como entre os nacidos entre o 2000 e o 2009 en Galicia son máis os Pablo, Alejandro, Daniel, Adrián ou David. E tamén as Lucía, Laura, Sara ou Paula. Nesta década, hai uns poucos anos, Noa non aparecía nin entre os dez nomes máis frecuentes, onde si entraba Hugo, pero en posicións moito máis atrasadas que na actualidade.

Os oitenta foron tamén unha época de irrupción e popularidade de nomes como Raquel, Silvia, Noelia, Iria, Vanesa, Verónica, Roberto, Marcos, Miguel, Iván ou Carlos,  que hoxe semellan ter pasado a un segundo plano nas preferencias de nais e pais

Se imos unha década máis atrás, até os noventa, atopamos que o nome máis común era Adrián, seguido de David, Daniel, Sergio, Diego ou Alejandro. Nas mulleres era Laura, seguido de Sara, Andrea, Alba ou María. Os oitenta foron anos de David e de Pablo, e tamén de Rubén, Alberto ou Daniel. Foron tamén unha década marcada polas Cristina, Patricia, María, Beatriz, Vanesa, Marta ou Andrea.

Os oitenta foron tamén unha época de irrupción e popularidade de nomes como Raquel, Silvia, Noelia, Iria, Vanesa ou Verónica, que hoxe semellan ter pasado a un segundo plano nas preferencias de nais e pais. Tamén era máis habitual atopar nenos chamados Roberto, Marcos, Miguel, Iván ou Carlos, hoxe fóra dos quince ou vinte máis frecuentes. De igual xeito, na década dos noventa aparecen entre os vinte nomes máis utilizados Nerea, Antía, Sandra, Lorena, Tamara ou Tania. E tamén os Brais, Cristian ou Borja, hoxe algo menos frecuentes.

Os setenta foron unha época de grandes cambios, e iso nótase moitísimo nos nomes que recibían os galegos e galegas nacidas antes e despois

Os setenta foron unha época de grandes cambios, e iso nótase moitísimo nos nomes que recibían os galegos e galegas nacidas antes e despois. Deste xeito, nos nenos e nenas que pasaron polo rexistro nesta década predominan os nomes compostos con José no caso dos homes, e María no das mulleres. María Carmen, María José, Ana María son os máis habituais, aínda que tamén aparecen as Mónica e as Patricia. José Manuel, Manuel ou José Antonio dominan nos varóns, por diante de Javier ou Óscar.

A sociedade mudaba máis lentamente nas décadas de ditadura, polo que a listaxe de nomes máis frecuentes nos anos cincuenta e sesenta é case idéntica á dos setenta. Ademais dos xa referidos hai moitos Antonio, Jesús e Francisco; e tamén moitas Carmen, María Dolores, María Pilar ou Josefa. Tan pouca variación había que máis de dous de cada dez rapaces levaban José no nome, e case catro de cada dez nenas tiñan María como primeiro ou segundo patronímico.

Como curiosidade, a situación era un chisco diferente antes do ano 40

Como curiosidade, a situación era un chisco diferente antes do ano 40. Manuel, José e María eran os nomes máis habituais en Galicia nos anos 20 e 30, pero non de forma tan absoluta coma nas décadas seguintes, deixando máis espazo para os Antonio, Ramón, Francisco ou Jesús. E tamén para as Carmen (o nome máis habitual para as mulleres galegas antes de 1940), Josefa, Rosa ou Concepción.

Nenas e nenos dunha escola infantil CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.