A "trama corrupta e sancionadora" que os preferentistas levan ante a xustiza

Protesta de preferentistas ante os xulgados © PAPBM

Varios membros da Plataforma de Afectados polas Preferentes do Baixo Miño acudiron este pasado luns ao Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra para presentar un total de 22 recursos contra as sancións que lles foron impostas por reclamar a devolución dos cartos que tiñan atrapados en preferentes e débeda subordinada das antigas caixas de aforro. Denunciaron así o que consideran "unha campaña de acoso e unha trama de corrupción" destinada a "criminalizalos" e que, segundo aclaran, comezou xusto ao tempo que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, sinalou gravemente o colectivo coas súas críticas.

Unhas vinte persoas foron multados cuns 18.000 euros por mobilizarse contra as preferentes

Son en total máis de cincuenta sancións que afectan a máis de vinte persoas e nas vindeiras semanas presentaranse unha ducia de recursos máis. As multas recorridas este luns suman uns 10.000 euros, pero en total son 18.000 os que se lles reclaman a varias destas familias, incluídas persoas que case alcanzan os 80 anos. E pertencen, ademais, a única plataforma que ten que enfrontarse a estes expedientes sancionadores, xa que no resto de protestas polo mesmo motivo en Galicia, ou as multas foron retiradas ou os manifestantes non foron nunca obxecto de sanción.

Ademais, os afectados teñen que pagar uns 2.400 euros de taxas xudiciais en total polo conxunto de recursos impostos a unhas multas do máis surrealista. Varios membros da plataforma foron expedientados por  circular sen carné ou sen cinto, por tocar a bucina ou por ocupar espazo público. E case todos eles sancionados por alteración da orde, concentración ilegal ou resistencia á autoridade.

A plataforma do Baixo Miño é a única que acumula sancións e acusa a Louzán de ser o líder dunha "trama" destinada a "criminalizala"

"Esperamos que a xustiza nos dea razón porque as sancións son mentira; foron arbitrarias e escolleron un grupo de persoas para sancionarnos sen motivo ningún. Todo instigado por alcaldes caprichosos ou axentes da autoridade que non son autoridade ningunha... E todo artellado por Rafael Louzán", acusa con claridade Xulio Vicente, portavoz da plataforma, que en varias ocasións foi sinalado polo presidente da Deputación nas súas declaracións e que acumula -el só- máis de 4.000 euros en sancións, malia que insiste na "falsidade" delas. "Hai un antes e un despois no momento en que Louzán sae á prensa a criminalizarnos e cualificarnos de comando; logo de ano e medio de mobilizacións sen sanción ningunha, a partir daquel día empezan a chegarnos", insiste quen xa pediu á Fiscalía que investigue o que considera "unha trama de corrupción gravísima".

"As multas comezaron a chegar desde que Louzán nos sinalou e nos cualificou de comando"

De feito, Vicente asegura que a Fiscalía mantén unha investigación aberta sobre as prácticas que di "arbitrarias e de persecución" cara ao colectivo por parte de policías locais e gardas civís que, segundo di, foron ordenados por alcaldes e a propia Deputación. "Louzán sentiuse ofendido pola presión que exercemos cara a rexedores que acabaron poñéndose do noso lado e aí empezou todo", insiste logo de poñer varios exemplos sobre as curiosas sancións recibidas por varias familias da plataforma. Unha delas, segundo di, a unha persoa que seica circulaba mal e sen cinto durante unha protesta. "Ese home levaba cinco anos falecido", explica.

O colectivo pediu á Fiscalía que investigue unhas prácticas que di "corruptas, arbitrarias e de persecución" por parte das institucións

O propio Xulio Vicente asegura que foi sancionado por participar nunha protesta e que, tras demostrar cun escrito asinado polo presidente dunha sucursal bancaria que estaba nesa oficina e non na manifestación, mantívoselle a multa. Ou o caso no que foi sancionado por concentración ilegal á saída dun xulgado tras ser absolto doutra sanción. Tamén hai unha rapaza multada por tocar a bucina , unha muller de 79 anos expedientada ou multas de 40 euros por cada día que se ocupaba unha beirarrúa con cadeiras para a xente maior que acudía ás protestas. Non levar o cinto posto é outra das recorrentes. E case todas, explican desde a plataforma, sen que lles fosen notificadas no momento. "Multaban a través de fotografías nos medios ou polas matrículas, nin se paraban a mirar se faciamos algo", engade.

"A oposición en Galicia debía exixir que se investigase esta trama e facerlle fronte ao presidente da Deputación de Pontevedra"

"A oposición en Galicia debía exixir que se investigase esta trama e facerlle fronte ao presidente da Deputación de Pontevedra, que é o instigador de todo; todo isto é un chiringuito controlado polo PP e que traballa ao seu servizo", acusa Vicente, que asegura que houbo alcaldes que recibiron presión para multar os membros da plataforma e que moitos deles se negaron. Outros non.

Os primeiros xuízos están sinalados para o vindeiro mes de novembro e desde a plataforma piden que, á marxe de que se considere que "non son delincuentes nin fixeron nada", se investigue o que consideran unha trama perfectamente preparada para "criminalizar e intimidar" o movemento. Os culpables, para os membros do colectivo, parecen bastante claros. 

Protesta de preferentistas ante os xulgados © PAPBM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.