Este venres ás 12 de mediodía naceu un novo programa de radio, A Tribo, un espazo periódico na rede que busca dar voz aos movementos sociais galegos e xerar debate dende unha perspectiva crítica. Porén, A Tribo Radio quere ser máis que un simple programa, senón que aspira a se converter nun espazo "onde atoparse, tecer redes e complicidades".
Este venres nace un novo programa de radio, A Tribo, un espazo periódico na rede que busca dar voz aos movementos sociais galegos e xerar debate dende unha perspectiva crítica
Os programas, que en principio terán unha periodicidade quincenal, estarán realizados, presentados e conducidos por Xosé Antón Bocixa Rei, baixo a coordinación de Verónica Álvarez a produción Tingalaranga. Poderán escoitarse directamente na web atribo.gal e tamén estarán dispoñibles para a súa descarga en Ivoox, Facebook e Twitter.
O primeiro programa, cunha duración de dúas horas, estará dedicado á actual situación de alerta sanitaria, confinamento e crise económica e contará coas voces de persoas pertencentes a diferentes ámbitos, que reflexionarán sobre o momento actual que vivimos a nivel social, económico, sanitario, cultural, medioambiental e psicolóxico.
O primeiro programa, cunha duración de dúas horas, estará dedicado á actual situación de alerta sanitaria, confinamento e crise económica
Entre os entrevistados e entrevistadas neste primeiro programa atopamos o actor Carlos Blanco; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; a escritora e filósofa Rebeca Baceiredo; Ana María Núñez Rubines, coordenadora do Grupo de Intervención Psicoloxía en Catástrofes e Emerxencias do Colexio de Psicoloxía de Galicia; Iago Lestegás Tizón, arquitecto e Doutor en Urbanismo; Isabel Prego, celadora no CHUAC; Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía e director do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade da Coruña; Luís Rei, recepcionista de Mercadoría nun hipermercado da Coruña; Marta Rial Chorén, psicóloga e activista da Plataforma ‘Mina Touro-O Pino NON’; Mónica Fernández, auxiliar de enfermería no CHUS; Rita del Lago, cociñeira no Centro de Maiores de Celanova, Sagrario Fernández, Traballadora Social no HULA; Sofía Riveiro Olveira, educadora social; e Jessica Rei, da plataforma Salvemos a Comarca de Ordes.
Os programas estarán realizados, presentados e conducidos por Xosé Antón Bocixa Rei, baixo a coordinación de Verónica Álvarez
Co obxectivo de ofrecer "información e tratamentos que non se encontran nas emisoras convencionais", A Tribo Radio nace coa vontade de "confluír con todas aquelas organizacións sociais, medios de comunicación, entidades e persoas que soñan cunha sociedade máis xusta e igualitaria". Falamos con Xosé Bocixa e Verónica Álvarez.
Como nace a idea de poñer en marcha A Tribo?
"Sempre me pareceu que os contidos de radio en galego son ben escasos, sobre todo os que cunha perspectiva crítica analizan a realidade social"
Verónica Álvarez: Estes días de confinamento, entre as moitas videoconferencias que todos e todas fixemos, xurdiu a idea e comenteina con outras persoas a posibilidade de facer un programa así. Sobre todo porque sempre me pareceu que os contidos de radio en galego son ben escasos, sobre todo os que cunha perspectiva crítica analizan a realidade social.
Así que, falando con Bocixa, animeino a volver á radio para facer un programa que lles dese voz aos movementos sociais e a persoas dos medios de comunicación. A Tribo emerxe desde o confinamento para dar voz a toda a comunidade que aspira a unha sociedade crítica, sensible ás necesidades das persoas máis desfavorecidas, aos cambios sociais, ao medio ambiente, á ciencia e á cultura.
Bocixa, ti estiveches moitos ano na emisora municipal de Cerceda. Para ti, é un regreso ao medio...
"As emisoras locais, agás honrosas excepcións, convertéronse en ferramentas políticas. E a situación da radio pública de Galicia xa a sabemos: moi bos profesionais, pero hai moitísimas voces que están censuradas"
Xosé Bocixa: Si, no meu caso é unha volta á radio despois de moitos anos, porque eu practicamente arrinquei a miña vida profesional na radio. Currei moito tempo alí ata que o responsable político de turno entrou en guerra de contidos comigo e, directamente, desaloxáronme de alí. O certo é que despois desa experiencia non me quedaran moitas ganas de seguir no medio, pero dada a situación que estamos vivindo, creo que é importante volver á esencia.
A radio tiña unha enorme importancia antes en moitos lugares. Pero por desgraza as emisoras locais, agás honrosas excepcións, convertéronse en ferramentas políticas. E a situación da radio pública de Galicia xa a sabemos: moi bos profesionais, pero hai moitísimas voces que están censuradas. E cando saen algúns temas é para xustificar que se pasou por aí, pero non se afonda en nada. Non é o mesmo que un colectivo teña uns segundos nun programa de radio e que poida falar realmente con liberdade. Levaba un tempo co mono da radio e dixemos: imos facer un programa, e despois xa veremos.
Que quere ser A Tribo? Con que obxectivo nace?
"Dende o coidado, a solidariedade e a axuda, queremos tratar de tecer redes, debater, reflexionar e propoñer solucións"
XB: O que pretendemos é tratar temas con liberdade e con sensibilidade. Non pretendemos ser un programa que anime a saír ás barricadas, senón que queremos ser un programa que faga barricadas coa palabra, co pensamento e a reflexión. Dende o coidado, a solidariedade e a axuda, queremos tratar de tecer redes, debater, reflexionar e propoñer solucións. Queremos dirixirnos a todas as persoas en Galicia e tamén á comunidade galega que está fóra, e que ten ansia de información do que pasa aquí, e do que se pensa, se fai e se vive aquí.
Que contidos ides tratar? En que temas queredes afondar?
VA: O primeiro programa está dedicado, loxicamente, á situación na que estamos agora mesmo inmersas. Para os seguintes queremos tratar todo tipo de temas relacionados con cambios sociais, cultura ou ciencia e que haxa espazo para o humor, sempre dende o pensamento crítico e sempre tendo claro cara a onde imos e de onde vimos. Todo para tentar que as voces que están máis silenciadas poidan ter outra canle e para ter un espazo no que tecer redes e xerar complicidades, conformando unha tribo, unha comunidade.
Como estades planificando A Tribo máis aló deste primeiro programa? Que periodicidade vai ter? Que contidos vai ter?
"Hai varios temas que estamos valorando para o programa 1 (o deste venres sería máis ben o programa 0), pero interésanos moito falar da renda básica universal nestes momentos"
VA: A idea é que o programa sexa quincenal. Hai varios temas que estamos valorando para o programa 1 (o deste venres sería máis ben o programa 0), pero interésanos moito falar da renda básica universal nestes momentos, sobre todo tendo en conta a situación de crise que imos vivir, e que acentúa os problemas que xa arrastrabamos de atrás.
XB: O ideal sería un programa diario, e sabemos que iso é imposible. Pero imos tratar de facer cando menos un programa mensual ou quincenal. Este programa é de 120 minutos, pero por suposto o formato normal sería de 45 ou 50 minutos.
Buscaredes xerar unha comunidade ao seu redor, pensando tamén no seu sostemento económico? No Estado funcionan dende hai anos espazos como Carne Cruda ou La Cafetera que están sostidos por unha comunidade de oíntes...
VA: Aínda non o pensamos moito, porque queremos agardar a ver que interese esperta este primeiro programa, se a xente pensa que podemos achegar algo. Pero si, se queremos continuar habería que pensar en fórmulas de micromecenado a medio prazo.
"Xa veremos como é a recepción deste primeiro programa, pero quizais si que se podería pensar nalgunha fórmula combinada de colaboración con algún medio de comunicación, colectivos profesionais, colectivos sociais..."
XB: Xa veremos como é a recepción deste primeiro programa, pero quizais si que se podería pensar nalgunha fórmula combinada de colaboración con algún medio de comunicación, colectivos profesionais, colectivos sociais, culturais e outras persoas. E, se cadra, entre todos e todas poderíase acadar un espazo radiofónico forte É algo moi habitual en América, e mesmo no Estado español hai programas con moita audiencia, como Carne Cruda ou La Cafetera. Pero nisto Galicia é un deserto, aínda que temos algúns exemplos moi valiosos, como todo o traballo que fai a xente de Cuac FM.
VA: Eu son unha grandísima seguidora de Carne Cruda e de La Cafetera e levo moito tempo falando sobre por que en Galicia non podemos facer algo semellante, sumando vontades e colaboracións, para ter un espazo deste tipo. E precisamente estes dous programas, ademais de crear un espazo para servir de altofalante ás voces críticas, conseguiron crear unha comunidade, que se notou moito nestas semanas de confinamento, que serviu para que moita xente estes días se sentise acompañada, parte de algo.