A UE prohíbe os pesticidas que mataban as abellas

Helicóptero fumigando © SLG

A Unión Europea vén de aprobar a prohíbición, dende o 31 de decembro de 2013 e durante dous anos, de usar insecticidas neonicotinoides, causantes da gran desaparición das abellas (ao redor dun 30 anual) experimentada nos últimos anos. Estes praguicidas son o imidacloprid e a clotianidina, producidos pola empresa química Bayer, e o tiametoxam, producido por Syngenta. E xaneiro un informe presentado pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria alertaba do perigo destas substancias. E de feito países como Francia, Alemaña e Italia xa restrinxiran o uso dalgúns destes neonicotinoides porque consideraban que era unha ameaza real para as colmeas. 

Facendo caso omiso da evidencia científica sobre a toxicidade destes praguicidas, empresas como Syngenta e Bayer puxeran en marcha unha campaña pública e de presión política moi intensa coa intención de atrasar a súa prohibición. Pero a proposta da Comisión Europea obtivo 189 votos a favor, 125 en contra e 33 abstencións. E o apoio de Francia, Alemaña, Holanda, España, Bulgaria, Bélxica, Estonia, Chipre, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Polonia, Eslovenia e Suecia fronte ao rexeitamento de Reino Unido, Hungría, Austria, República Checa, Romanía, Eslovaquia, Portugal e Italia. 

Tratábase dun problema moi grave pois ao redor do 75%-85% da produción de alimentos e das especies de plantas dependen do labor polinizador das abellas. Un traballo gratuíto que só en España xera 3.000 millóns de euros anuais en favor da agricultura. Ao redor dun terzo das abellas dunha colonia sae ao campo a por comida e exponse a estes praguicidas, e a súa perda ás veces dana mortalmente as colmeas, moi tensas por culpa doutros factores coma o clima, as enfermidades e a escaseza de alimento. A síndrome de despoboamento de colmeas, que en España mata o 30% das abellas cada ano, é un problema multifactorial, e non sería responsabilidade exclusiva das pesticidas, xa que as secas, a diminución de superficie verde, as especies invasoras e os patóxenos como a varroa e a nosema teñen a súa parte de culpa.

A Asociación Galega de Apicultura e Greenpeace celebran a decisión que para AGA "abre un camiño de moitas posibilidades para a apicultura galega"

A Asociación Galega de Apicultura e Greenpeace celebran a decisión que para AGA "abre un camiño de moitas posibilidades para a apicultura galega". A asociación anuncia que seguirá loitando "para que se prohiban totalmente tanto en sementes como en horticultura e fruticultura".

"A votación de hoxe deixa perfectamente claro que o apoio científico, político e público á prohibición é abafante. Os países que se opoñen á prohibición fracasaron. Agora, a Comisión debe sacar a única conclusión e deter de inmediato o uso destes praguicidas, como primeiro paso para protexer a produción de alimentos e os ecosistemas europeos. Calquera atraso significaría ceder á poderosa presión de Bayer  e Syngenta", afirmou Marco Contiero, director de Política Agrícola da UE de Greenpeace.

 

Abellas mortas preto de Xátiva (Valencia) © COAG
Helicóptero fumigando © SLG
Manifestación contra as fumigacións © Plataforma contra as Fumigacións

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.