A unión na loita social que trouxo a xornada única a Porto do Son

Mobilizacióno a prol da xornada única © Anpa Coira Ceip de Portosin

A unión fixo a forza. E a forza na loita social acabou por acadar resultados. A Consellería de Educación deu o pasado venres o seu visto e prace á xornada única nos colexios de Xuño, Portosín e Santa Irene, no concello de Porto do Son, unha reivindicación que vén de moitos meses e que uniu as anpas dos tres centros dos núcleos máis poboados do municipio. Mobilizacións varias, cazoladas, protestas silenciosas e ata cancións de apoio. Todo se fixo para lograr que se rematase cun horario anacrónico que afecta a preto de 400 familias que ven como os seus fillos dividen a súa xornada escolar en tres horas pola mañá e dúas pola tarde malia non ter servizo de comedor. Un método que fai imposible a conciliación nos fogares e cuxa eliminación para cambiala por unha xornada única atopou sempre cos atrancos da Xunta, que aludía á imposibilidade de adaptar o transporte escolar e ao sobrecusto que suporía modificalo para negar as demandas. Pero logrouse.

A Xunta deu o visto e prace á xornada única nos tres colexios do Porto do Son tras a loita unitaria das tres anpas

"Unirnos foi fundamental; nunca antes se fixera e nunca antes chegaramos tan lonxe. As familias levaban moito tempo protestando e reclamando a xornada única, pero o pasado mes de setembro decidimos empezar de novo a batalla e acordamos facelo xunto para meter máis presión e estudar unha alternativa conxunta máis factible", explica Sofía Tarela, voceira do colexio Santa Irene, no núcleo urbano do Porto do Son.

Agora, as familias teñen o compromiso da Xunta de que se implantará a xornada única no vindeiro curso. Pero antes haberá que cumprir con todos os trámites. O novo horario será posible se é ratificado polos pais nun referendo no que se precisa o apoio do 58% do censo. E o resultado ten que ser favorable en todos os centros nunha consulta que debería celebrarse entre mediados de mes de maio e xuño. "Se tan só un deles decidise continuar coa xornada partida, os outros dous deberán facelo tamén. Ou todos, ou ningún", lembran as anpas.

O novo horario será ratificado se polo menos o 58% das familias votan favorablemente nun próximo referendo

Por iso, a loita agora é outra. "O traballo que nos queda agora, tras as vacacións de Semana Santa, é mobilizar e concienciar as familias de que hai que votar e ratificar o acadado; non habemos ter ningunha oportunidade similar no futuro", di Tarela, consciente do esforzo que supuxo lograr até este punto. Houbo que loitar coas reticencias da Xunta, que vía inviable a modificación das rutas e a modificación do servizo de transportes. "Sabemos que un sobrecusto supuxo, pero non sabemos canto nin como foron as negociacións coa empresa de autobuses; pero non nos importa porque esa non podía ser a escusa", explica. Os cálculos da concesionaria estimaba o custo en 50.000 euros ao ano, aínda que as cifras non están confirmadas.

Nenos de tres anos pasan case todo o tempo do que dispoñen para comer metidos nun autobús escolar

Porque o apoio foi unánime por parte dos equipos directivos, dos profesores e taméndo alcalde da localidade, Luís Oujo, afectado como pai polo problema. Evitaranse, así, casos como os de pequenos de tres anos e que viven a unha media hora dos seus colexios, que pasan a maioría do tempo que teñen para comer -menos de tres horas- metidos nun autobús. "Era un clamor; cada nova familia que metía  un fillo en Educación Infantil reivindicaban o cambio... Así non podiamos estar", lembra Tarela. O feito de que os colexios non tivesen servizo de comedor facía totalmente imposible a conciliación.

Foi hai dous anos cando a Xunta renovou a concesión do transporte escolar en Porto do Son a Autos Comparados. Pero non se cambiou nada das rutas, que quedaron anticuadas porque nin as escolas nin a poboación son as mesmas. Os colexios de Nebra e Baroña e o instituto de Porto do Son teñen xornada única pero teñen que compartir o transporte cos centros que non a teñen. E de aí viñeros o problemas e o argumento da Xunta para negarse á modificación. Agora, e logo de meses de protestas e reivindicacións, os pais conseguiron algo tan necesario como obvio: poder conciliar e lograr que os seus fillos gocen dun horario lóxico e normal.

Mobilizacióno a prol da xornada única © Anpa Coira Ceip de Portosin
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.