"A urxencia en Ferrol Vello é total, cómpre fixar prazos curtos e recorrer a investimentos públicos directos"

A Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello convocou unha asemblea veciñal para este 8 de febreiro CC-BY-SA Galiciandreamer

O vindeiro sábado 8 de febreiro celebrarase unha asemblea aberta, convocada pola Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello, que servirá como punto de encontro e debate entre os veciños sobre a situación do barrio, e tamén para poñer en coñecemento de todos as opcións existentes para a súa recuperación. A Asociación de Veciños leva tempo denunciando a desidia do Concello e da Xunta, tanto pola falta de investimento e atención neste lugar e pola non aplicación das ferramentas normativas coas que contan para evitar a degradación das vivendas e iniciar a súa recuperación. Tamén se denuncia directamente a actitude dunha parte dos propietarios.

Sexa como for, o proceso de deterioro non se frea. Hai case un ano a rúa Carmen Curuxeiras foi pechada e hai unhas semanas tres edificios tiveron que ser desaloxados polo perigo de derrube. Este grupo de veciños e veciñas demanda unha serie de accións concretas e urxentes, que deben pasar pola acción directa das administracións e polo cumprimento das obrigas de conservacións e rehabilitación que lles corresponden aos propietarios. Sinalan que "Ferrol Vello non é un problema enorme: dúas actuación integrais públicas, en Carmen Curuxeiras e en Argüelles, ao modo de como se fixo na Tinería en Lugo ou se está a facer no Casco Vello en Vigo, e unha política de rehabilitación contundente cambiaríano por completo".

Os veciños están asesorados por expertos, como o arquitecto Miguel Raimúndez, ex concelleiro de Obras e Vivenda da cidade, que denuncia que o Concello e a Xunta non actúan contra estes propietarios, para que cumpran as súas obrigas de conservar os edificios: "Isto non se fai, porque require medios e moito interese. Nestes últimos 15 días o Concello si que comezou a facelo, enviou ordes de execución e executou directamente. Pero faise así, a golpes, cando cae unha fachada, non hai unha política estrutural". Engade que "Xa vemos cal é a actitude dos propietarios privados, pero o Concello ten moitas armas ao seu dispor. E a Xunta tamén, pois ten a potestade lexislativa de actuar no lugar dos propietarios e pasarlles factura". Tamén chama a atención sobre o feito de que "a propiedade dos inmobles está moi concentrada" e que "practicamente tres persoas concentran boa parte dos inmobles abandonados da zona".

A propiedade dos inmobles está moi concentrada e practicamente tres persoas concentran boa parte dos inmobles abandonados da zona

Entre as medidas "urxentes" que tamén reclama a Comisión, están "garantir a seguridade no espazo público e abrir a rúa que está pechada agora mesmo. E asegurar que os solares que non están pechados, ben porque están baleiros ou porque son casas en ruína, non comuniquen o problema aos inmobles colindantes". A medio prazo, para Raimúndez, cómpre "facer un inventario deses predios e edificios abandonados e esixir a súa rehabilitación forzosa. E se o propietario non o rehabilita, sacalo a poxa pública". Engade que "coa Lei de Vivenda na man, tamén se poden expropiar".

 

Décadas de abandono

Os veciños levan reclamando solucións dende os anos oitenta e noventa. A decandencia do barrio comezou antes, xa nos sesenta ou setenta, cando Ferrol Vello deixou de ser definitivamente porta de entrada á cidade, da xente que chegaba en barco, xa que a ponte das Pías facilitaba que a entrada en Ferrol se fixese polo extremo contrario". Ademais, o derrubo do barrio de Esteiro trasladou a Ferrol Vello a consideración de "zona de marxinalidade" coa que contaba, converténdose este en "barrio refuxio" e zona de prostitución.

"Son espazos centrais da cidade, con moito potencial por estar ao lado do porto. Pero non poden estar en mans de 'xente normal'. Polo tanto, prodúcese un abandono, deixan de prestarse servizos, non se limpan as rúas, non se rehabilita, deixa de ser cómodo vivir aquí"

Isto foi acompañado, lembra Miguel Raimúndez, "por unha serie de políticas dende o Concello que primaron o barrio da Madalena, que é o outro casco histórico da cidade, fronte a este, que é o casco orixinal. Ao ter dous cascos históricos, primouse o que tiña máis potencia comercial, máis centralidade e máis nivel social". Raimúndez engade que "a outra causa é algo xeral que se produce en todos os cascos históricos do sur de Europa, que é unha política de abandono especulativo, como sucedeu por exemplo no Orzán na Coruña. Son espazos centrais da cidade, con moito potencial por estar ao lado do porto. Pero non poden estar en mans de xente normal. Polo tanto, prodúcese un abandono, deixan de prestarse servizos, non se limpan as rúas, non se rehabilita, deixa de ser cómodo vivir aquí, e iso facilita o abandono e a despoboación".

Raimúndez conclúe que o investimento público que necesita o barrio para a súa recuperación debe facerse, tamén, "por xustiza social" pois "hai xente que leva catro décadas aquí, aguantando o abandono, o lixo e as ruínas. Non é agradable vivir rodeados de ruínas". E sinala que os plans de futuro que se decidan sobre o barrio, nomeadamente o plan especial que debe ser aprobado, "non deben servir para premiar os propietarios que colaboraron nesta degradación abandonando os seus edifcios, non sería xusto".

 

"A carta branca e a falta de protección non trouxeron máis que abandono e ruína"

Raimúndez sinala que os plans de futuro que se decidan sobre o barrio "non deben servir para premiar os propietarios que colaboraron nesta degradación abandonando os seus edifcios, non sería xusto"

A Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello celebra este sábado unha asemblea informativa. Falamos cos seus impulsores sobre a situación do barrio e os obxectivos deste encontro.

Como valorades a evolución do barrio no último ano?

O deterioro aumentou, e a nosa preocupación tamén. A maioría dos membros da Comisión vivimos no barrio, así que sabemos ben que moitas ruínas están en fase terminal. Para nós o punto de inflexión foi o valado da rúa Carmen Curuxeiras o 5 de febreiro de 2013, hai case un ano. Excepto para os poucos habitantes da rúa, converteuse nunha zona anulada, a evitar. Significou: "o 80% dos edificios son ruínas, evitádea... esquecédea". Por suposto que Carmen Curuxeiras e Benitto Vicetto quedaran moi deterioradas logo do incendio de 2006, pero tanto esta zona como Argüelles empeoraron tanto desde aquela que xa son zonas intransitables. O outro punto crítico foi sen dúbida o desaloxo do tres edificios de Carmen Curuxeiras. Unha cousa é vivir rodeados de ruínas e outra moito máis grave que te boten da túa casa por causa desta circunstancia, sen comelo nen bebelo, aínda que teñas cumprido axeitadamente os teus deberes de conservación e mantemento co propietario.

"Esta xuntanza é para informar e para informarnos sobre como nos afecta o estado do barrio e que podemos facer para cambialo a curto prazo. A situación xa transcende do debate sobre a conservación do patrimonio: aféctalle á vida das persoas de forma grave"

En que vai consistir a asemblea do 8 de febreiro?

Esta xuntanza é para informar e para informarnos sobre como nos afecta o estado do barrio e que podemos facer para cambialo a curto prazo. A situación xa transcende do debate “conservación do patrimonio si/ conservación do patrimonio non”: aféctalle á vida das persoas de forma grave, así que con independencia do que se proxecte para o barrio e que podería desenvolverse dentro de cinco anos (sendo optimistas) hai que utilizar agora os recursos e ferramentas de que dispoñemos, e lembrar ás administracións o seu papel. Trataremos de unir forzas, aínda que sabemos que non o conseguiremos nunha soa xuntanza.

"Non podemos máis que ser críticos coa actuación municipal, mesmo comprendendo que os medios municipais son limitados"

O Concello está utilizando todas as ferramentas ao seu alcance?

Non, e as consecuencias están á vista. O Concello dispón das ferramentas máis adecuadas: para procurar o mantemento e conservación dos edificios habitados e evitar o empeoramento das condicións dos inmobles en mal estado está a ordenanza de ITEs. Despois está a ordenanza que regula o rexistro de predios, para facer cumprir a obriga urbanística de edificar ou rehabilitar nun prazo de dous anos, chegando, se fose necesario, á expropiación ou a venda forzosa do inmoble. Ademais Ferrol dende hai un ano conta cunha ordenanza de conservación e rehabilitación. O problema é que non as aplica ou é unha aplicación moi parcial; non temos noticia de que se requirira a ITE a edificios habitados en Ferrol Vello, tampouco que se inscribira ningún inmoble no rexistro de solares. Respecto ás ordes de execución, é certo que lograron demolicións parciais, apeos e valados. Somos algo críticos con estes procesos: foron lentos, case nunca lograron garantir a tempo a seguridade e, ao executarse illadamente, nalgúns casos provocaron que o proceso de ruína das edificacións colindantes se acelerase. Asi que non podemos máis que ser críticos coa actuación municipal, mesmo comprendendo que os medios municipais son limitados.

Que parte de responsabilidade teñen os propietarios?

Teñen toda a responsabilidade, e estamos empeñados en denunciar a súa desidia e as súas prácticas especulativas ao longo de tantos anos. Pero por sorte para nós, para lograr que cumpran co deber de conservación e de rehabilitación, non temos que levalos aos tribunais un por un. Desde vello (desde a primeira Lei do solo do ano 1956, e mesmo antes) as leis urbanísticas amparan a intervención das administracións públicas, que poden presionar aos propietarios para que cumpran, ou substituílos. Ademais, as administracións están involucradas a outros niveis: Na protección do patrimonio cultural, na promoción de vivenda, e por suposto está emprazada a desenvolver políticas sociais e económicas eficaces. E se os gobernos gozan de liberdade para deseñar estas políticas conforme aos seus obxectivos e ideoloxías, tamén teñen obrigas legais. Estas non son discutibles. Que ocorre entón? Que a omisión das obrigas públicas protexe a desidia dos propietarios, e xera un ambiente de impunidade.

"O máximo responsable desta resposta administrativa, que é o alcalde da cidade, escusa os propietarios e busca chibos expiatorios: como culpar o BIC, que segundo el non permite rehabilitar"

O máximo responsable desta resposta administrativa, que é o alcalde da cidade, escusa os propietarios e busca chibos expiatorios: como culpar o BIC, que segundo el non permite rehabilitar. Esta posición vai en contra tanto dos veciños como daqueles propietarios que si fan esforzos para manter as edificacións en boas condicións.

Por onde comezaría unha solución para o barrio? Cales son as tres medidas que vós proporiades de maneira inmediata?

Unha: o tratamento adecuado duns corenta predios e ruínas irrecuperables: demolición dos restos, consolidacións, instalación de apeos e reforzos, retirada total de entullos e malezas. Evitará que se deterioren os edificios lindeiros e reducirá os riscos. Conservar estes espazos limpos é necesario. A urxencia é total, cómpre fixar prazos curtos e recorrer a investimentos públicos directos.

Dúas: inscribir no rexistro de solares os inmobles en ruínas, e comezar un proceso que dura dous anos como mínimo, e que remataría na rehabilitación. O BIC non impide a rehabilitación, sexa voluntaria ou forzosa. Nun lado da balanza está o rexeitamento a esta ferramenta por parte dos propietarios (e do Concello, polo que se ve); noutro, frear o abandono e impulsar a recuperación.

Tres: unirse! A veciñanza, todos os interesados na recuperación do patrimonio cultural, e tamén os propietarios e as administracións, deben procurar o acordo e comprender que son necesarias medidas inmediatas, non só plans para o futuro. Sobre estes (o Plan Especial) xa discutiremos.

"Ferrol Vello non é un problema enorme: dúas actuación integrais públicas, en Carmen Curuxeiras e en Argüelles, ao modo de como se fixo na Tinería en Lugo ou se está a facer no Casco Vello en Vigo"

Credes que Ferrol Vello é o grande esquecido das políticas do concello, mentres se potencia o crecemento e o investimento noutras zonas?

A cidade consolidada sempre foi a esquecida das políticas urbanísticas. Ferrol Vello non ten a exclusiva: miremos para o antigo Esteiro, para Canido... e tamén para os ensanches. Só a Magdalena, e desde non hai moito, parece obxecto de políticas específicas. O máis desconcertante é que Ferrol Vello non é un problema enorme: dúas actuación integrais públicas, en Carmen Curuxeiras e en Argüelles, ao modo de como se fixo na Tinería en Lugo ou se está a facer no Casco Vello en Vigo, e unha política de rehabilitación contundente cambiaríano por completo.

Poñer recursos públicos na nova urbanización (e a Xunta puxo moitos) responde a políticas desacertadas. Non deberon empregarse en alimentar esa burbulla, mesmo moitas inversións dinamizadoras da economía (como parques empresariais ou infraestruturas) amósanse inútiles. Imaxinemos eses cartos dándolle pulo á cidade con políticas urbanísticas axeitadas: recuperando a vivenda, o patrimonio cultural, e incidindo na auténtica economía, na que nos importa, na economía local: pequeno comercio, turismo, fixar a poboación... O urbanismo non pode resolver todos os problemas de Ferrol, pero pode resolver algúns.

"Estamos convencidos de que un investimento público para arrancar a recuperación, seguida dunha rehabilitación progresiva e tranquila, lograrán a recuperación do barrio. Todos gañaremos, en primeiro lugar os veciños"

Como definiriades Ferrol Vello? Como lle explicariades a unha persoa que non o coñeza por que é importante recuperar o barrio?

Ferrol Vello é un barrio cun gran valor histórico e cultural, pero que sufre un abandono moi grave. A protección deste patrimonio de ningún modo pode prexudicar a súa recuperación, contrapoñer unha cousa á outra é un disparate. Ás veces é difícil desmontar ideas repetidas unha e outra vez, como que hai que tirar con todo, ou que hai que animar aos propietarios e promotores dándolles carta branca. A maior parte destas ideas están fóra da realidade, son simplemente estériles. Á vista está. Décadas de carta branca e falta de protección non trouxeron máis que abandono e ruína. Estamos convencidos de que un investimento público para arrancar a recuperación, seguida dunha rehabilitación progresiva e tranquila, lograrán a recuperación do barrio. Todos gañaremos, en primeiro lugar os veciños.

CC-BY-SA Dorfun
CC-BY-SA Dorfun
A Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello convocou unha asemblea veciñal para este 8 de febreiro CC-BY-SA Galiciandreamer

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.