A USC pretende cobrar polo acceso a informacións suxeitas á Lei de Transparencia

Sede do Reitorado da USC © Santiago Turismo

O artigo 3.1.b) da Lei 1/2016, de transparencia e bo goberno de Galicia obriga as universidades do Sistema universitario de Galicia e ás entidades vinculadas ou dependentes delas a proporcionar información sobre as súas actividades ás persoas ou entidades que llo soliciten, subliñando a norma que o acceso debe ser "libre e gratuíto", un punto desenvolvido na disposición adicional cuarta da lei, que garante que "o acceso" á información pública "será gratuíto".

Nos últimos meses a CIG solicitoulle á Universidade de Santiago información sobre as actividades do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), un consorcio formado polas tres universidades galegas para o desenvolvemento de proxectos informáticos compartidos, cun orzamento para estes traballos que supera os 600.000 euros anuais neste último exercicio, e a Sociedade Xestora de Intereses da Universidade de Santiago de Compostela, S.L (UNIXEST), empresa pública participada ao 100% pola USC que conta cunha sección dedicada á produción de produtos informáticos. O sindicato lembra que nin a USC nin o CIXUG están a publicar na súa páxina web ou sede electrónica a información que se recolle como obriga de publicación activa na LEI 1/2016.

Nunha primeira petición de información, realizada en xullo do pasado ano, unha vez que a USC esgotou o prazo máximo de dous meses que ten para remitir esta información, a CIG tivo que recorrer á comisión da oficina do Valedor do Pobo que vela polo cumprimento da Lei de Transparencia. Esta apercibiu á universidade, que entregou a documentación, pero só fixo unha entrega parcial, referida ao último exercicio económico, explicando que algúns dos documentos non estaban no ámbito da lei de transparencia e non os ían entregar.

O sindicato realizou unha nova petición de información, en marzo deste ano. A secuencia foi a mesma: tras dous meses sen que a universidade accedese a remitir a documentación, a CIG dirixiuse á Valedora, que de novo apercibiu á USC, que finalmente comunicou que a entidade peticionaria tiña dereito aos datos que solicitaba, pero que debía pagar un total de 150 euros en materia de taxas (1,34 euros o primeiro folio e 0,36 euros os seguintes), o que incumpriría a Lei de Transparencia, que só prevé a posibilidade de esixir algún tipo de pagamento pola "obtención de copias e a transposición a formatos diferentes do orixinal", unha "situación que non é a do caso, pois pedíanse no formato orixinal dos documentos, que é electrónico", destaca a CIG. Ante esta resposta por parte da universidade, o sindicato denunciou de novo a situación ante a Valedora e neste momento agarda unha resolución por parte da comisión que vela polo cumprimento da Lei de Transparencia.

A lei garante que o acceso á información pública debe ser "libre e gratuíto", agás cando se solicitan copias ou cambios de formato, o que non é o caso

O sindicato solicitoulle á USC información sobre a formalización dos convenios, contratos ou calquera outro negocio xurídico con obrigas económicas asinados entre a USC e o CIXUG, entre a USC e UNIXEST, entre o CIXUG e UNIXEST, entre as outras universidades e UNIXEST e entre UNIXEST e os seus provedores. Tamén quere coñecer a porcentaxe da actividade realizada por UNIXEST como medio propio a favor da USC.

 

Solicitude de información realizada pola CIG © CIG
Resposta da USC © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.