A veciñanza compostelá, en alerta ante o "ataque á liberdade" dende o Concello

Cartaz das mobilizacións Dominio Público Praza Pública

Case por casualidade. Dous colectivos composteláns, a Rede Feminista e o Cineclube, dirixíronse ao Concello da cidade hai poucos días co obxectivo de tramitar os permisos para organizar proxeccións de cinema ao aire libre na céntrica Praza da Oliveira. E atopáronse con que no consistorio lles esixiron 400 euros en concepto de fianza. Apenas dúas semanas antes a asociación Gentalha do Pichel atopábase cun atranco semellante para celebrar a súa tradicional Festa do Dezassete, os actos que o colectivo celebra anualmente nas xornadas previas ao Día das Letras e para os que desta volta se lles esixía unha fianza de máis de 1.000 euros por realizar actividades como un xantar ao aire libre nunha praza próxima ao Museo do Pobo Galego. Circunstancias coma estas levaron a varios grupos culturais e veciñais santiagueses a indagar na orixe destas restricións e atopáronas na futura ordenanza de ocupación e uso da vía pública que prepara o goberno local e que, alertan, "xa se está a aplicar" nalgúns dos seus aspectos aínda que non pase polo pleno municipal ata este xoves, 31 de maio.

Como ten informado Praza Pública, o bosquexo da nova normativa feito público polo goberno local incluía xa rechamantes prohibicións e atrancos para os movementos sociais da cidade, tales como o cobramento de taxas pola instalación de mesas informativas, que dende a entrada en vigor da ordenanza quedarán equiparadas a outros elementos urbanos como os caixeiros automáticos. Pero hai máis elementos que levan os colectivos veciñais a ver na decisión do goberno que dirixe Ángel Currás (PP) un verdadeiro "ataque contra o asociacionismo" e, en última instancia, "contra a liberdade de expresión". Á imposición de taxas e fianzas, explican os colectivos consultados por este diario, engádese a posibilidade de que "en calquera momento, por calquera motivo", o concello poida decidir "paralizar" unha actividade na rúa previamente autorizada. Ademais, e botando man de recursos que no movemento veciñal se ven "preconstitucionais", esténdese un importante veto a "megáfonos, micrófonos ou altofalantes" nas actividades en espazos públicos.

Os colectivos veciñais están a elaborar alegacións de forma masiva e preparan unha "protesta sonora" na Praza do Toural para este xoves á tarde

"Piden cousas que son lóxicas en obras ou actividades empresariais", pero non "en actividades sociais e sen ánimo de lucro", apuntan, nun contexto no que o tecido asociativo santiagués ve unha mostra da "concepción ideolóxica das cultura, das liberdades públicas e do traballo cultural" do equipo de Goberno, que procede, na práctica, a "privatizar" o uso de rúas e prazas. Non en van, lembran, "isto vén copiado" en boa medida "do que xa se fixo en Madrid" ou do que "se tentou facer en Valladolid", aínda que no caso da capital de Castela e León "as asociacións veciñais conseguiron paralo". Isto é, precisamente, o que se tenta agora en Compostela a través da elaboración masiva de alegacións á normativa e tamén a través da convocatoria dunha mobilización na Praza do Toural en forma de "protesta sonora" para o propio xoves pola tarde. Ademais, prevén adiantar a petición de permisos para actos xa programados en previsión de que a ordenanza entre en vigor.

Tamén haberá oposición á normativa dende o propio pleno municipal. Nesta liña, o concelleiro do BNG Rafa Vilar adiantaba este mércores o voto negativo da formación nacionalista contra a ordenanza porque "introduce limitacións a dereitos fundamentais que cercenan liberdades públicas ao limitar o dereito de reunión, de participación e de liberdade de información á cidadanía". Se ben o Bloque valora que o goberno local permitise as achegas da oposición ao texto normativo -algo que en anteriores ordenanzas limitou- Vilar explica que "só atenderon as de carácter formal, pero o substancial das propostas, non". Así, advirte, o texto final mantén requisitos "en moitos casos arbitrarios, como fianzas, garantiás e taxas" que pasan por riba de que moitos dos colectivos afectados desenvolven actividades "sen ánimo de lucro".

Neste sentido Vilar "comparte a preocupación social" dos colectivos veciñais mobilizados nun contexto no que coida que, tamén ante a posibilidade de protestas polos "recortes sociais do PP", o goberno local busca a "maneira de que se vexan diminuídas as reivindicacións de dereitos, tratando de imposibilitar as mobilizacións de rúa".

Cartaz das mobilizacións Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.