A violencia contra os nenos de ningures

Mensaxes en recordo de Oussama Dominio Público Praza Pública

En Melilla viven ao redor de 60 nenos e nenas estranxeiras, procedentes de distintos países (de África, principalmente) e que chegaron á cidade autónoma sós, buscando acceder ao continente europeo. Son os MENA (Menores Estranxeiros Non Acompañados), que quedan baixo a tutela e responsabilidade das autoridades melillenses, mentres soñan con subir a un barco que os leve á Península Ibérica, na procura dun futuro mellor. Distintas organizacións sociais denuncian que estes rapaces e rapazas "son sometidos cada día a distintos tipos de violencia que vulneran os seus dereitos, atentan contra a súa dignidade e danan con terríbeis consecuencias a súa infancia”, destacan

O pasado 27 de maio un deses rapaces, Oussama, morreu ao caer por un cantil por onde estes nenos e outras persoas buscan un acceso ao mar

O pasado 27 de maio un deses rapaces, Oussama, morreu ao caer por un cantil por onde estes nenos e outras persoas buscan un acceso ao mar para poder subir nun deses barcos que se dirixe a Europa, xa que os outros accesos, algo menos perigosos, foron pechados con presenza policial 24 horas ao día. O ONG Prodein decidiu sumarse á dor e acompañamento dos nenos da rúa coa realización de dúas faixas que servirían de homenaxe e de despedida a Oussama. Ao longo da tarde a homenaxe foi interrompida varias veces polas Forzas de Seguridade do Estado, que finalmente acabaron por abandonar o lugar. Porén, semanas máis tarde, o 26 de xuño, as organizadoras recibiron unha carta da Delegación do Goberno na que se lles esixía pagar unha multa de 1500 euros por "alteración da orde pública".

Ademais, o pasado 1 de xullo ás 00.45 da madrugada, sinalan, "cando nos atopábamos con algúns dos nenos na praza, apareceron varias patrullas de Gardas Civís con intención de levalos ao centro de menores, ameazándoos con malleiras se permanecían na rúa". Engade que "outro axente da Garda Civil dirixiuse a nós e informounos de que coa entrada en vigor da Lei Mordaza pódennos acusar de reunión subversiva e alteración da orde pública, posto que é o propio Garda Civil quen considera baixo o seu xuízo de valor a perturbación grave da seguridade cidadá".

 

As violencias que sofren os menores non acompañados

Denuncian especialmente o peche dos nenos no centro de menores Fuerte Purísima "onde existe maltrato, ameazas e torturas, carencias materiais e alimentarias, falta de información, falta de asistencia sanitaria e falta de escolarización"

As entidades de apoio ás persoas migrantes denuncian especialmente o peche dos nenos no centro de menores Fuerte Purísima "onde existe maltrato, ameazas e torturas por parte dos que din ser educadores, carencias materiais e alimentarias, falta de información, falta de asistencia sanitaria e falta de escolarización". Explican que "os nenos son enganados entre trámites burocráticos e baleiros legais onde a mesma Consellaría de Benestar Social bloquea calquera trámite e imposibilita que os nenos se documenten pasados os 9 meses correspondentes" e subliñan que "esta violencia é máis asumida que denunciada, chegando a normalizar esta situación por parte de quen debería ser responsábel da súa seguridade: malleiras, humillacións, ameazas e devolucións a Marrocos son algúns dos obstáculos aos que se enfrontan os nenos da rúa cada día".

Enumeran, ademais, outras situacións de violencia ás que estes nenos se ven expostos, como "auténticas batallas campais cos nenos dos barrios de Melilla (Cañada, Rastro e Monte María Cristina) que loitan por obter un nivel superior na escala xerárquica e conservar o seu status social reafirmando día a día a súa identidade". E todo, igualmente, no marco dunha violencia social "onde aparece a opresión, o autoritarismo e a discriminación", unha violencia que "acompaña as interaccións diarias dunha forma invisíbel, ocasionando un gran impacto social e mediático e tendo graves consecuencias para a vida en comunidade".

As ONG denuncian "o abandono institucional e a incapacidade das políticas sociais actuais en dar resposta ás necesidades dos nenos da rúa"

As ONG denuncian "o abandono institucional e a incapacidade das políticas sociais actuais en dar resposta ás necesidades dos nenos da rúa", así coma "a impunidade coa que actúan as Forzas de Seguridade do Estado e as institucións da Cidade Autónoma de Melilla ao vulnerar os dereitos dos nenos sen que teñan que dar contas a ninguén".

Mensaxes en recordo de Oussama Dominio Público Praza Pública
Melilla CC-BY-SA JJ Merelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.