A web 'Terra e Memoria' permite a consulta online de 2.000 entrevistas sobre a represión e a emigración

Presentación da web, este luns en Compostela © USC

A web Terra e Memoria compila máis de dúas mil entrevistas dixitalizadas realizadas entre 1987 e 2017 a vítimas da represión, emigrantes ou exiliados, ademais doutras testemuñas do mundo do traballo, actividade social, ou da vida no rural; un bo anaco da historia galega do século XX. A páxina compila fondos de tres grupos de investigación da USC: Histagra, Hispona e Histamérica, ademais dos procedentes do proxecto Historga (Historia Oral de Galicia), que se puxo en marcha en 1987.

Os fondos orais reunidos "recollen a memoria do pasado da xente común de Galicia no século XX. Xentes que protagonizaron a mesma historia europea de traballos, tránsitos do rural ao urbano, migracións, progresos persoais e colectivos, guerras, fascismos e democracias"

A web Terra e Memoria foi presentada este luns en Compostela polos responsables dos grupos de investigación impulsores, o catedrático Lourenzo Fernández Prieto (Grupo Histagra), o profesor Emilio F. Grandio Seoane (Hispona) e a profesora Pilar Cagiao Vila (Histamérica). Os fondos orais reunidos "recollen a memoria do pasado da xente común de Galicia no século XX", destacan os responsables do proxecto. "Unhas xentes que protagonizaron a mesma historia europea de traballos, tránsitos do rural ao urbano, migracións e retornos, progresos persoais e colectivos, tamén de guerras, fascismos e democracias que caracterizou o século XX", sinalan.

A páxina está organizada a partir dos fondos da Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo (UPDOC) creada en 2004 no antigo Departamento de Historia Contemporánea e de América, que recompila unha actividade continuada de construción de fondos orais que principia a finais dos anos 80. Ten orixe no Proxecto Historga de fontes orais que formou a mais de trinta promocións de estudantes de Historia no manexo da historia oral e que tivo continuidade nos traballos dos tres grupos de investigación en diversos proxectos ao longo destas tres décadas, até reunir un amplo fondo de máis de 1.600 entrevistas. Na presentación, Pilar Cagiao salientou a importancia do traballo desenvolvido en Historga dende finais dos anos 80 pola profesora Isaura Varela, “centrada nese empeño de recoller as voces de quen non tiñan voz”.

Pilar Cagiao salientou a importancia do traballo desenvolvido en Historga dende finais dos anos 80 pola profesora Isaura Varela, “centrada nese empeño de recoller as voces de quen non tiñan voz”

Historga recolleu testemuñas sobre aspectos centrais da historia recente de Galicia, como son as máis de 350 gravacións en torno á Guerra Civil e o exilio, así como a conflitividade política e social rexistrada no Franquismo e na Transición, ou as referentes á vida cotiá, alimentación, educación, mundo rural ou historia da muller. Contén testemuños de persoas nacidas ó longo de todo o século XX e aínda no século XIX, como é o caso dunha entrevista realizada a un vigués nado en 1888. Ademais, serviu para impulsar o proxecto Nomes e Voces (2006-2010), que recolle actualmente un fondo de arredor de 500 testemuñas orais.

O arquivo recolle as 500 testemuñas de Nomes e Voces e máis dun milleiro de entrevistas de vida a emigrantes galegas

Ademais, Terra e Memoria compila no seu arquivo máis dun milleiro de entrevistas de vida a emigrantes galegas. Inclúen as gravacións realizadas para teses de doutoramento e diversos traballos de investigación e cobren os principais destinos dos galegos en América como Uruguai, Arxentina, Cuba, Brasil ou Venezuela, mais tamén outros minoritarios como a República Dominicana, Porto Rico, Perú ou Panamá. O fondo recolle así mesmo as migracións dentro do Estado e as migracións cara a Europa de mediados do século pasado así como unha serie de entrevistas realizada nos últimos anos sobre as recentes correntes migratorias que teñen o noso país como destino.

 

Captura de pantalla da web Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.