A Xunta abre a porta á práctica da caza en zonas vedadas

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Ana Varela

Os terreos vedados de caza xa non serán tal ou, cando menos, non completamente. É o que acontecerá cando culmine o seu trámite parlamentario nova Lei de Caza, que este xoves foi aprobada polo Consello da Xunta en forma de anteproxecto para ser remitido ao Consello Económico e Social e, posteriormente, á Cámara. "Ata agora, nos terreos vedados estaba prohibido cazar", evidenciou ante a prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargado de anunciar que "cando se cumprar requisitos de fauna salvaxe, si será posible cazar" nestes territorios.

Á espera de coñecer o texto definitivo da norma o presidente da adianta que a reforma está motivada en que, segundo o Goberno, as zonas vedadas á caza "estábanse convertendo en verdadeiras reservas para animais depredadores" e isto, afirma, "supuña uns enormes custos no ámbito da gandaría, a agricultura e a seguridade viaria". Coa nova normativa, explica a Xunta, "permitirase xestionar estes vedados", é dicir, abater animais que viven neles. Só será necesaria unha "autorización" de Medio Rural, departamento que ademais vai "flexibilizar os periódos hábiles" para a práctica do que Feijóo define como "deporte".

A Xunta renunciou a rebaixar a idade legal para cazar de 16 a 14 anos, como prevía inicialmente

Fronte a este cambio legal, fonte de preocupación e polémica entre os colectivos ecoloxistas, a que finalmente non saíu adiante foi outra das reformas que a Xunta tiña en mente, a rebaixa da idade legal para cazar dende os 16 aos 14 anos. O propio presidente admite que no anteproxecto estaba contemplada esta rebaixa, xa vixente noutras autonomías, se ben "unha reflexión que trasladou oValedor do Pobo" levou a Xunta a "optar por seguir a súa recomendación" e manter "a posibilidade máis restritiva", isto é, que non sexa legal saír cunha arma ao monte ata os 16 anos de idade.

Mentres a Xunta gaba a transcendencia social e económica da caza dende os grupos ambientalistas veuse lembrando nos últimos meses que o propio anteproxecto xa "comezou con polémica", por "externalizarse os servizos da súa redacción" a unha empresa privada, tal e como recollía Xabier Bruña en Tripando Terróns, o blog de Praza Pública dedicado ao Medio Rural. "A tramitación -explica Bruña- fíxose só co peso dunha parte dos grupos de interese, as persoa cazadoras", mentres que a Administración "esqueceu que a caza é un recurso máis do medio rural que comparte territorio con outras actividades, polo que é preciso compatibilizar o seu desenvolvemento con outros que se poidan dar no mesmo tempo e lugar". "O texto -critica- parece máis unha encarga das persoas cazadoras que un proxecto de lei impulsado por un Goberno que mira polo interese de toda a sociedade".

© tripandoterrons.prazapublica.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.