A Xunta recúa, parece reaccionar e anuncia un futuro "plan integral" para que as mulleres que necesiten interromper o embarazo ao abeiro da lei o fagan "nas mellores condicións" e maioritariamente sen saír de Galicia. Así o asegurou este luns o conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuíña, logo de que a pasada semana o presidente Núñez Feijóo se comprometese a buscar "unha solución" ao coñecerse a dura sentenza que condenou a Administración a pagar 270.000 euros a unha muller que arriscou a vida e perdeu o útero e a posibilidade de ser nai biolóxica logo das demoras que sufriu para someterse a un aborto terapéutico.
O Sergas anuncia agora un "plan integral" para que as mulleres que teñan que abortar o fagan "nas mellores condicións"
Tivo que ser un duro e explícito ditame xudicial feito público -pero cuxo caso data de hai catro anos- e unha elevada sanción a que fixese reaccionar a Xunta ante unhas eivas e atrancos á hora de someterse a abortos terapéuticos en Galicia que levan sendo denunciadas moito tempo. Estas interrupcións inducidas por razóns médicas e pasadas as 14 semanas non están garantidas, nin moito menos, no Sergas. En moitas áreas sanitarias -nomeadamente na Mariña, na Coruña e Ferrolterra- non se realizan, ben sexa porque os profesionais aluden á súa obxeción de conciencia ou porque se negan ante a falta dun protocolo axeitado e de medios. A alternativa é unha viaxe a Madrid a unha clínica privada coa que a Administración ten convenio, unha alternativa que é moi criticada por quen teñen que recorrer a ela e que, en moitas ocasións, agrava os problemas.
Almuiña recoñece unhas eivas na atención ás mulleres que negara hai tan só uns meses
"Estamos a traballar niso para facer un plan integral de todo o que é a asistencia ás mulleres que necesiten desta interrupción do embarazo nas mellores condicións", afirmou Vázquez Almuíña, recoñecendo uns problemas que negou moitas veces logo de que un alto cargo do Sergas as asumise, cando menos na área sanitaria da Coruña. Máis tarde, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal negáraas no Parlamento.
O conselleiro asegura que os abortos practícanse "desde hai moitos anos en clínicas privadas que teñen experiencia", algo que no caso dos euxenésicos superados as 14 semanas non se produce en ningún caso en Galicia porque ningún centro privado ten esa autorización na comunidade. "Ou en centros públicos, nuns con maior intensidade que noutros, pero en todos eles", algo que, segundo varios profesionais, non é certo en varios hospitais do país onde as interrupcións terapéuticas non se levan a cabo.
Sanidade di que fará un novo protocolo despois de que Sergas e Feijóo defendesen o existente e se negasen a cambialo
"O que queremos é facer un novo protocolo que quede claro e, sobre todo, que a información chegue a todas as persoas que nese momento tan duro, tan difícil, poidan ter todas as facilidades posibles para facelo da mellor forma", asegurou, para engadir que traballan "niso". "Axiña estableceremos ese protocolo", avanzou, tan só uns meses despois de que o Sergas e o propio Feijóo defendesen o protocolo existente e o recoñecesen como axeitado. De feito, o presidente negárase a cambialo por entendelo suficiente.
Preguntado por se a finalidade dese protocolo é que as mulleres non teñan que abortar fóra de Galicia, Vázquez Almuíña advertiu que "esa é unha das facilidades" que cren que "é importante". "Que non teñan que marchar e que poidan elixir as mulleres onde o queren facer. Porque hai momentos nos que a muller prefire, por anonimato ou por outras cousas, facelo en centros que non sexan públicos", apuntou, malia que non hai tanto a súa Consellería respondeu ás críticas polo procedemento dunha parella afectada que tivera que desprazarse a Madrid denunciando a clínica coa que mantén convenio.
Son varias os hospitais públicos onde non se practican abortos terapéuticos, que non asume ningunha clínica privada en Galicia
Con todo, concluíu que "como di o presidente", que as "máis complexas, os que son embarazos de máis semanas, teñen un centro público" para que "Galicia sempre resolva os problemas máis importantes dos cidadás". Así, Almuiña volveu prometer unha situación que non se está a dar no país, xa que son varios os centros públicos que non asumen en ningún caso abortos terapéuticos ou euxenésicos pasadas as 14 semanas de xestación.
Desde a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, foron numerosas as peticións para que os abortos sexan garantidos no sistema sanitario público galego e para que se aplique nel un protocolo que cumpra coas recomendacións internacionais sobre dereitos sexuais e reprodutivos da OMS e que inciden na necesidade de que a muller que aborta sexa atendida en todo momento, e como mínimo, por profesionais de xinecoloxía, médico ou matrona, e que teñan expulsivo -parto- asistido nun paritorio e non nun cuarto de ingreso. Esixencias mínimas que, no caso do Sergas, non se cumpriron en numerosos casos.
Segundo a propia Xunta aclarara, o número de interrupcións voluntarias do embarazo levadas a cabo en Galicia en 2014 -último ano do que se teñen datos- foron 3.351, dos que só 260 (7,7%) se levaron a cabo no sistema sanitario público. O resto, máis do 92% dos casos, foron derivados ás clínicas Castrelos (Vigo), Arce (A Coruña) ou Isadora (Madrid), coas que o Sergas ten convenio.