A Xunta convocou para este martes ás 13 horas aos sindicatos con representación no ámbito da Xustiza. Faino para unha mesa sectorial, e non a través do comité de folga, malia que a maioría das centrais advertíronlle á Administración de que este intento por rematar coa folga sería "ilegal" ao prescindir do único interlocutor válido mentres o paro non se desconvoque.
A Dirección Xeral de Xustiza convoca así no edificio administrativo de San Caetano os once integrantes da representación sindical nesta mesa sectorial, que inclúe dous representantes de SPJ-USO, dous de AX-CUT, dous de UGT e outros tantos do CSIF e cadanseu de STAJ, CIG e CCOO.
A Xunta convoca a mesa sectorial de Xustiza para rematar co conflito malia que o comité de folga segue vixente
A folga que comezou o pasado 7 de febreiro está formalmente suspendida desde o pasado 9 de maio pero non desconvocada. Malia isto, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa advertira este luns a primeira hora que convocaría a mesa sectorial e criticou que haxa sindicatos que queiran "discutir" o foro onde abordar o final dunha folga que, segundo o TSXG, obrigou a suspender 17.000 xuízos.
Para Rueda, "o comité de folga non existe" porque "algún abandonouno", en referencia á marcha de CCOO, "e outros cuestiónano". Na actualidade, participan activamente neste comité SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ, pero a el tamén pertencen UGT e CSIF. Agás sorpresa, todos acudirán á mesa sectorial e todos, excepto Comisións e UGT, manifestarán a súa postura contraria a que sexa este o foro onde se aborde a negociación definitiva. De feito, varias centrais puxeron xa a cuestión en mans da súa asesoría xurídica.
Rueda considera que "o comité de folga non existe" e espera que "non haxa ningún sindicato" que intente continuar co paro
"Esperamos que non haxa ningún sindicato que tente, polo motivo que sexa, aducir novos procedementos para que a folga continúe", advertiu Rueda, que cre que "a folga debe terminar". O vicepresidente insiste, ademais, en que a proposta da Xunta será a última, a mesma que foi rexeitada en votación polos traballadores cunha diferenza de apenas un cento de votos.
A proposta do Goberno galego, no que ten que ver co complemento salarial, suporía un aumento de 140 euros máis ao mes para os forenses, 135 para os xestores, 127 para o corpo de tramitación e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios recibirían o 50% deste incremento neste exercicio, o 30% en 2019, e o outro 20% en 2020.
Con todo, unha das cuestións importantes que aínda manteñen enquistado o conflito é o plan de recuperación de traballo que, como avanzou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa se está a tratar con Fiscalía e TSXG. O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que coincidiu este luns con Alfonso Rueda nun acto, xa advertiu que non se aforrará en gastos no devandito plan. "Primeiro haberá que planificar suficientemente o que suporá esta recuperación e poderá ter uns custos ou outros, pero aí non nos paramos nestes momentos; o principal é resolver a situación que temos a día de hoxe e dunha maneira planificada ordenar a planificación", dixo.
A Xunta advirte de que "é necesario que estean" fiscais e xuíces para preparar o plan de recuperación tras máis de tres meses de folga
Para Rueda, ademais, "é necesario que estean" os fiscais e os xuíces neste plan de recuperación, malia que "algúns sindicatos quérenos deixar fóra". O vicepresidente asume que este plan terá "un custo, sen ningunha dúbida", pero considerou que é "necesario e imprescindible" recuperar eses xuízos e actos xurisdiccionais que quedaron "interrompidos pola folga".
"O importante é superar a etapa na que estamos agora e recuperar o traballo. Por tanto, mesmo pode saír oneroso para a administración, pero non nos pararemos niso; o importante é recuperar a normalidade na xustiza", asegurou Valeriano Martínez.