A Xunta defende a súa actuación no Pindo malia a expansión do eucalipto

Eucaliptos no Monte Pindo © Monte Pindo Parque Natural

O pasado mércores cumpriuse un ano do incencio que arrasou o monte Pindo tras consumir máis de 2.000 hectáreas desta xoia natural galega. E un ano despois as ameazas seguen sobre o espazo, onde o verde volve predominar pola rexeneración natural, pero onde o eucalipto está a substituír a vexetación autóctona. Unha praga, advirten desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural (AMPN), que xa non se pode eliminar de forma manual polo seu tamaño e que supón un perigo para o único hábitat de carballo anano de Galicia. Así o puideron comprobar as máis de 200 persoas que participaron este pasado sábado nun novo roteiro polo considerado Olimpo Celta que volveu amosar a preocupación polo seu deterioro, continuo a pesar das continuas peticións para que se converta en espazo protexido.

Malia todo, a Xunta segue a defender a súa actuación no Pindo e incluso os tempos marcados para levar a cabo esa teórica recuperación. Este mesmo luns, a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, aseguraba que o Executivo continuará co proceso de recuperación da vexetación cando atope un proxecto que cubra as necesidades do maior número de persoas posibles. "A Xunta atende todas as solicitudes e demandas dos veciños porque son lexítimas, pero haberá que analizar cal é a que mellor responde ás necesidades que existan", di.

A Xunta defende a súa actuación e insiste en confiar na recuperación natural do Pindo malia a praga de eucaliptos

Estas son das poucas declaracións que desde Medio Ambiente se fan sobre esta problemática e de cuxa consellería a AMPN asegura "non saber nada". Desde Medio Rural tampouco se aclara gran cousa, agás para dicir -tal e como manifestou Tomás Fernández-Couto, secretario xeral de Medio Rural e Montes- que non había preocupación polo Pindo e que a Xunta non faría nada antes da primavera de 2015, confiando nunha recuperación natural. Pero segundo a asociación pola declaración da zona como parque natural, os remedios chegarán tarde. "Se hoxe xa non se poden retirar os eucaliptos de forma manual, nun ou en dous anos conformarase unha masa forestal consolidada nun lugar de imposíbel o acceso á maquinaria", insisten.

O crecemento dos eucaliptos impide xa retiralos de forma manuel e impediría a entrada de maquinaria nun ou dous anos

Porque, tal e como se puido comprobar in situ no roteiro do sábado, son varias as zonas nas que o eucalipto está a colonizar a terra, non só afectando o carballo anano, senón tamén en lugares onde as cortas de arborado queimado nas zonas baixas do monte permiten que tamén espalla sen dificultade.

Pero hai máis, xa que mentres "a vexetación baixa volve ás turbeiras" e "algunhas especies en perigo, como o lirio de monte ou o carballo anano" demostran que "lograron sobrevivir" ao incendio dende a asociación aseguran que representantes de empresas madereiras están "visitando a veciñanza nas saias do Monte Pindo" para "xenerosamente, retirarlles a madeira queimada das súas propiedades" e ofrecerlles "unha posterior repoboación". "Esas repoboacións -alertan- fanse sempre con eucalipto, independentemente da especie que houbese antes" e "mesmo actúan en terreos lindeiros" sen que haxa "ningún tipo de acordo cos propietarios".

Ante esta situación, as iniciativas cidadás pola recuperación do Pindo lembran que a Xunta "ignorou todos os avisos sobre a situación de abandono" da zona. "Ignorou a alerta de escorrentías, e remataron enterrando os bancos marisqueiros. Incluso vetou as iniciativas do propio movemento veciñal que buscaban reemprazar a inacción administrativa", lembran, para por último "ignorar todas as alertas sobre a emerxencia ecolóxica que vivimos".  "Co seu silencio e abandono premeditado do Monte Pindo, o Goberno galego sentencia a súa biodiversidade e, nomeadamente, un dos seus maiores valores que no seu día xustificou a súa protección, o carballo anano.

O Concello, as comunidades de montes e o tecido asociativo de Carnota insisten en recuperar a xestión do Pindo

Aínda así, o Concello de Carnota, as comunidades de montes e o tecido asociativo de Carnota xa acordaron traballar conxuntamente para "liquidar o Consorcio que deixa en mans da Xunta a competencia súa xestión e, polo tanto, reverter a xestión do Monte Pindo nos seus propietarios e nos movementos sociais que si están dispostos a traballar polo futuro deste espazo natural único, para acabar dunha vez co abandono ao que parecen telo condenado".

O Chan das Lamas, no Pindo, invadido polo eucalipto. © Monte Pindo Parque Natural
Dous eucalpitos medrando no Pindo © Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.