A Xunta deixa no desamparo o investimento en conservación ambiental

Manifestación contra a incineradora do Irixo CC-BY-SA Adega

A Xunta deixa no desamparo o medio ambiente. Ou cando menos así se deduce dos Orzamentos do Goberno galego para 2013, que se afunden un 62% en canto ao investimento ambiental con respecto ás contas de 2009, tal e como denuncia Adega. A organización ecoloxista destaca ademais que a Administración de Feijóo "dedica cero euros á loita contra o cambio climático", a mesma cantidade (ningunha) destinada á erradicación das especies invasoras, para as Axendas 21 Locais ou para a educación ambiental.

Os investimentos ambientais redúcense nun 62% con respecto a 2009

Adega pon o foco tamén no feito de que a Xunta non dedique nin un só peso en axudas ás entidades ambientalistas que, como destacan, son "axentes da participación pública e garantes da transparencia ambiental, un labor recoñecido en diversas Directivas e leis estatais e autonómicas". "Non só pretenden calarnos dedicando, como durante toda a era Feijóo, cero euros para actividades e funcionamento, senón que levan tempo sen convocar os organismos consultivos (Consello Galego de Medio Ambiente e Observatorio Galego da Biodiversidade) nos que temos representación meses, incumprindo as súas propias normas de funcionamento", denuncia a organización ecoloxista. "Nin así conseguirá calarnos", advírtenlle ao presidente do Goberno galego.

A Xunta non dedica nin un só euro en axudas ás entidades ambientalistas, que denuncian que as queren "calar"

Do mesmo xeito, Adega lembra que "á marxe do brutal recorte dos investimentos ambientais", tamén diminúen moito os capítulos de transferencias de capital e correntes para financiar proxectos, así como nas axudas de carácter ambiental a entidades ou concellos. "Debuxan unha situación preocupante", advirten, tras destacar que as axudas directas a Parques Naturais "acadan uns ridículos 23.333€ en 2013, fronte aos 360.000€ para o mesmo concepto en 2009", o que supón unha redución do 93%.

A organización ecoloxista aclara que, de contabilizárense as axudas e medidas compensatorias a concellos en Rede Natura, á poboación local do interior e contorna dos Parques Naturais, o resultado "é unha caída do 68% nas transferencias de fondos propios nos Orzamentos 2013 con respecto ao 2009" (796.619 euros fronte a máis de 2,5 millóns). "O panorama dos Parques Naturais galegos para o 2013 é catastrófico, comprometéndose gravemente a súa viabilidade e o seu papel como santuarios da nosa biodiversidade máis fráxil", advirte. "Só falta que os privaticen coa escusa do seus escasos beneficios", engade.

Todos os cartos destinadas ás axudas ambientais aos concellos van destinados á redacción dos PXOM

Para Adega é tamén "moi revelador" que no capítulo de axudas ambientais aos concellos, todos os cartos -2 millóns de euros- se dediquen en 2013 á redacción dos PXOM, mentres que en 2009, estes mesmos cartos libráronse dende a Consellaría de Política Territorial e non dende Medio Ambiente. "Neste departamento, dedicáronse a maiores en 2009 para a mellora ambiental dos concellos un total de 3,4 millóns", lembra Adega, que critica que "as cousas de xestionar o formigón e a natureza se inclúan na mesma consellería", tras denunciar que Agustín Hérnández "escamotea 3,4 millóns aos municipios".

Os cartos dedicados á xestión dos animais domésticos nos concellos pasan dos 450.000 euros de hai catro anos aos 20.000 de agora

Tamén destaca a organización ecoloxista os "ridículos" 20.000 euros destinados para a xestión dos animais domésticos en todos os concellos do país, fronte aos 450.000 euros que se dedicaron en 2009 para un concepto que inclúe a xestión das canceiras municipais. "Provocará que se reduzan os acollementos pola vía do exterminio", denuncia.

Ao tempo, destácase a redución do 52% nos orzamentos dedicados ao pago dos danos da fauna salvaxe, o nulo investimento en educación ambiental ou o intento de asfixiar  e censurar a actividade dos grupos ecoloxistas. "Non abonda con rebaixar dos 1,2 millóns de 2009 a cero euros os cartos dedicados á promoción de actividades ambientais e de cooperación por parte do tecido asociativo, senón que a Xunta pretende tamén deixarnos sen voz", denuncia.

"A Xunta pretende tamén deixarnos sen voz", denuncia a organización ecoloxista

Ademais, lembra Adega que por segunda vez ten que acudir ao Valedor do Pobo para que a Xunta convoque en tempo e forma os organismos consultivos ambientais nos que están representados os grupos ecoloxistas. O Consello Galego de Medio Ambiente, que por lei debe reunirse semestralmente, leva sen facelo case un ano. E o Observatorio Galego da Biodiversidade, de periodicidade anual, leva sen convocarse dende o 22 de decembro de 2010. "É a austeridade de Feijóo; tamén fai recortes no cumprimento das leis", remata.

Manifestación contra a incineradora en Lalín CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.