A Xunta desecou ilegalmente a lagoa da Frouxeira

Obras de apertura dunha canle para desecar a lagoa © Adega

A Xunta desecou ilegalmente o humidal protexido da Frouxeira, en Valdoviño. Denúnciao Adega, que vén de recibir do Goberno galego, iso si, a través do Valedor do Pobo, a confirmación de que as "intervencións" realizadas dende 2009 neste espazo, a súa drenaxe con maquinaria pesada, non atenderon a plano de conservación ningún. A asociación ecoloxista pediulle "amparo" ao Valedor para acceder a esta documentación, ante a negativa da Xunta a proporcionala, e a resposta dada polo Executivo á demanda do ombudsman galego é que non pode subministrar o documento por ser aínda "obxecto de traballo activo" e estar "en elaboración".

Adega lembra que as últimas actuacións de baleirado realizadas en 2012 neste humidal de importancia internacional e que conta con 5 figuras de protección (ZEPVN, humidal protexido, humidal sensíbel, LIC, ZEPA, e Ramsar), foron comunicadas e autorizadas pola Xunta atendendo a este plano de conservación. Ademais, en 2009 o Parlamento adoptou un acordo, por unanimidade de todos os grupos políticos, que instaba á Xunta a buscar "unha xestión racional e coherente cos obxectivos de conservación do humidal", e a non autorizar, con carácter cautelar, novas aperturas da lagoa. A entidade leva anos denunciando estas prácticas e a non publicación no DOG do referido Plano de Conservación do Humidal, e sinala que "a pretendida regulación do nível de inundación que efectúa a Consellería, vulnera unha vez máis a Directiva Hábitat (DC 92/43/CEE)". 

Adega vaille achegar ao Valedor e á Fiscalía ambiental do TSXG documentación remitida polo Servizo de Conservación da Coruña "xustificando as accións de drenaxe consonte o devandito e inexistente Plano de Conservación"

Agora Adega vaille achegar ao Valedor e á Fiscalía ambiental do TSXG documentación remitida polo Servizo de Conservación da Coruña ao Concello de Valdoviño e á Demarcación de Costas "xustificando as accións de drenaxe consonte o devandito e inexistente Plano de Conservación". A entidade pregúntase "se está en elaboración, como é posíbel que se estea a aplicar? E se xa se está a aplicar, onde fica aprobado e como é posíbel que non se queira facer público?". Conclúe que "a Xunta improvisou na Frouxeira e meteu as escavadoras pasando por riba das recomendacións do Parlamento e de toda a lexislación ambiental galega, estatal, europea e internacional". E lembra que os responsables "desta chafallada e do estado actual da lagoa, convertida nun deserto", son o dimitido director xeral de conservación Ricardo García-Borregón e o xefe do servizo provincial de conservación Carlos Muñoz, "ambos por certo denunciados pola Fiscalía no caso do dragado ilegal da ría de Ferrol".

Obras de apertura dunha canle para desecar a lagoa © Adega
Desfeita causada polas obras © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.