Sen avances na negociación entre Xunta e sindicatos no quinto día de folga na Xustiza vivido este martes, o Goberno galego mantén a súa estratexia de amosarse inflexible fronte ás reclamacións dos traballadores. Malia que neste tempo tanto a Xunta como o comité de folga rebaixaron as súas respectivas posturas iniciais, este martes o vicepresidente, Alfonso Rueda, asegurou que a postura do Goberno galego “non vai variar por moito que pasen os días”.
“Isto non é ningún pulso”, asegura o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, na quinta xornada de paro, condicionada este martes polo festivo en media Galicia
Este luns o Goberno galego ofreceu aos traballadores unha suba salarial de entre 816 e 1.080 euros ao ano, coa que mellorou a súa anterior proposta de incrementar o complemento autonómico transitorio entre 660 e 900 euros ao ano. Pola súa banda, os sindicatos rebaixaron as súas peticións iniciais nun 18% e propuxeron unha suba progresiva para todos os corpos que chegaría en 2020 aos 225 euros máis ao mes, o que suporía 2.700 euros máis ao ano.
Malia esas variacións a respecto das respectivas posturas iniciais, que tamén se produciron noutros aspectos das negociacións, Rueda asegurou este martes que “isto non é ningún pulso, ningún toma e daca”, e insistiu no discurso do Goberno galego de que ten que administrar os recursos públicos con responsabilidade e que non podería ofrecer unha suba similar ao resto de empregados autonómicos.
Pola súa banda, o comité de folga emitiu unha nota de prensa na que critica que o Goberno galego, ao que segue reprochando que envíe a negociar a directores xerais e non a responsables de maior nivel, aínda non garantiu as melloras en materia de reforzos e substitucións prometidas. Os sindicatos tamén salientaron que se mantén o alto nivel de seguimento da folga, este martes nas localidades nas que non é festivo local polo entroido.