"A Xunta estase rindo de nós; teremos que recuperar o Pindo por nós mesmos"

Ramón Noceda, alcalde de Carnota CC-BY-SA BNG

O banco marisqueiro da Berberecheira permanece cuberto por unha grosa capa de cinza e lodos procedentes do incendio que arrasou o Monte Pindo no verán. Son as traballadoras da zona as que pelexan por recuperar o pouco que pode quedar cunha produción ameazada pola falta de osíxeno. Os prados das beiras dos ríos xa non se poden traballar e a praia do Ézaro mantén unha cor negra provocada por ese chapapote que deixou o lume. Hai problemas en regatos e pontes e un pequeno grupo de voluntarios organizado pola Xunta traballa no bosque arrasado estendendo sobre el palla, logo de que a Asociación Monte Pindo Parque Natural e o propio alcalde de Carnota denunciaran que a acción tan só cubrira o 0,16% do total da superficie queimada, unhas 2.500 hectáreas. "É unha parvada", denuncia o rexedor da localidade, Ramón Noceda, que se queixa do "desleixo absouto" por parte do Goberno galego e que xa advirte de que terá que ser o Concello e a xente da zona a que terá que intentar recuperar o monte ante a falta de apoios da Administración autonómica.

Como está a situación agora mesmo?

A situación está bastante mal. A marisma de Caldebarcos é a zona máis afectada e a praia do Ézaro quedou negra. Hai capas considerables de lodos e cinzas. As mariscadoras están traballando en recuperar a zona, pero que van facer as pobres mulleres con medio metro de lodos? En boa parte dou por perdido o banco marisqueiro porque, dependendo de canto se acumule, a cinza non deixa respirar nada.

"Os danos son espectaculares; os prados da beira dos ríos non se poden traballar e o banco marisqueiro xa o dou por perdido"

Hai moitos veciños afectados?

Hai máis zonas afectadas porque todos os prados que quedan á beira dos ríos xa non se poden traballar. Os danos son espectaculares e as cousas están fastidiadas. Hai unhas vinte e pico familias que vivían ou complementaban os seus ingresos co marisqueo e agora iso desapareceu. Terán que buscar a vida por outro lado porque a cousa está moi mal, pero nin tan sequera tiveron unha resposta da Xunta neste aspecto, nin tan sequera polas consecuencias laborais. 

Segue agardando pola Xunta?

Sigo esperando que me dean cita para me reunir co presidente ou cos conselleiros de Medio Ambiente ou Medio Rural. Pedímoslle varias veces unha xuntanza. É vergonzoso, un desleixo absoluto por parte do Goberno galego. Agora que todo está perdido, de que imos falar? Botaron palla para sacar a foto pero estanse rindo de nós. Estender a palla agora é unha parvada.

"A Xunta estase rindo de nós; sigo esperando unha xuntanza pero nunca tiveron intención de facer nada"

Pero a Xunta non fixo nada?

Desde o primeiro momento, desde que ardeu o Pindo, desde a Xunta non hai intención de facer absolutamente nada. O Goberno galego ten fondos para emerxencias e solicitamos que as puxeran en marcha porque hai xente que vive da agricultura da zona, cooperativas que tiñan o seu modo de vida no monte e veciños aos que se lles queimou todo, pero non recibimos resposta. A Administración debería comunicarse con todos os organismos implicados no Monte Pindo, coa agrupación de montes en mancomún... O Concello é o propietario do monte, pero nada de nada.

Hai voluntarios que traballan na recuperación do monte...

Si, hai voluntarios porque o que quixeron foi adiantarse a outro voluntariado tipo Prestige. Non estou en contra dos voluntarios nin das súas intencións, pero esta xente está en casas rurais con todos os gastos pagos. Non cobran pero hai un gasto. Eu pregúntome se non se lle podía pagar a xente de aquí que está en paro para que vaia ao monte a axudar. É unha pena. Primeiro cáenos a desgraza do lume e logo a auga e os lodos... E mentres a xente de aquí  mirando para a zona cando aí polo menos había unha oportunidade de facilitarlles un traballo. Non entendo nada, non ten sentido. É un desleixo absoluto.

"Os voluntarios non cobran pero teñen todo pago en casas rurais, non se lle podía pagar a xente de aquí que está no paro para traballar no monte?"

Agarda unha reacción por parte da Xunta?

Non teño grandes esperanzas na Xunta nin vexo solución ningunha por esa parte. Temos que saír adiante pola nosa conta e por iso estamos preparando un plan de actuación para recuperar o monte e aplicar toda a prevención que poidamos, aínda que agora iso, por desgraza, sexa o de menos. Estamos xa preparando sementes e viveiros de árbores autóctonas porque isto leva tempo. Empezaremos dentro de pouco. Se a Xunta non o fai, farémolo nós. Nós teremos que recuperar o monte.

Banco marisqueiro de Caldebarcos, cuberto polas cinzas © AMPPN
Ramón Noceda, alcalde de Carnota CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.