A Xunta executará as sentenzas que lle obrigan a readmitir o profesorado Celga

Exame do CELGA © Xunta

A Xunta readmitirá o profesorado Celga. Así llo trasladou a Consellería de Educación á CIG-Ensino, a quen informou da súa intención de nomear estes docentes con setenza favorable do TSXG como persoal laboral non fixo (indefinido) discontinuo. O alto tribunal, tal e como lembra o sindicato, xa fixo públicas catro setnenzas nas que lle dá a razón, confirmando a nulidade do despedimento de catro docentes e desestimando os recursos da Administración, á que lle impuxo o pago das custas. 

O profesorado Celga despedido con sentenza favorable do TSXG será readmitido como persoal non fixo discontinuo

Agora, Educación vese na obriga de aplicar esta medida porque do contrario "estaría incumprindo as sentenzas firmes e incorrendo nunha insubmisión á xustiza", segundo di a CIG, que lembra que os ditames condenan a Administración a readmitir os traballadores no seu posto de traballo coa condición de indefinidos discontinuos, categoría de titulado superior, e a pagarlle so salarios de tramitación o que lle corresponderían de terse efectuado o chamamento para impartir os cursos e ou avaliacións desde xaneiro de 2014 até a data de finalización dos mesmos. CIG-Ensino xa gañou no xulgado do social trinta sentenzas sobre profesorado Celga que están recorridas pola Xunta.

CIG-Ensino xa gañou no xulgado do social unhas trinta sentenzas que están recorridas pola Xunta

Ademais, o TSXG confirma en todas as sentenzas "a existencia de represalias" e sinalan que a Xunta "decidiu precisamente cambiar o sistema de cursos de Celga no momento en que as reclamacións de laboralidade dos profesores estaban empezando a colleitar éxito". "E decidiu cambialo, precisamente, para deixar fóra aquel profesorado que se vía beneficiado pola denuncia sindical", insiste a CIG, que reclama que se convoquen os cursos deste ano que se manteñen paralizados. 

CIG-Ensino esixirá da Consellaría que convoque estes cursos e que nomee para a súa impartición o profesorado Celga e xa ten solicitado unha entrevista co secretario xeral de política lingüística urxente "para darlle unha solución definitiva a este conflito".

Un conflito que vén de lonxe

Foi no curso 2006-07 cando se puxo en marcha a Certificación de Lingua Galega (Celga) a través de cursos ofertados a todo aquel que quixese acreditar o seu coñecemento do idioma cun título que é requisito ou valoración indispensable en numerosos ámbitos. Para levalos a cabo, a Administración contou con docentes desempregados, que impartían as aulas durante dous ou tres meses ao ano.

A denuncia ante Inspección xa se resolvera recoñecendo a relación laboral coa Xunta e impoñendo unha multa á Consellería

A CIG alertou durante tempo que este colectivo -que incluía máis de 400 titulados- impartía as clases sen contrato de traballo ningún e sen estar dado de alta na Seguridade Social. A denuncia que a central nacionalista interpuxo ante a Inspección de Traballo resolveuse recoñecendo a relación laboral entre a Consellería e este profesorado e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos nos que se impartiran aulas nos catro anos anteriores, ademais de impor unha multa de máis de 200.000 euros á Administración por actuación fraudulenta.

Pero ante esta situación e tras a resolución, a Consellería optou por non ofrecer os cursos do Celga ao profesorado en paro, senón que apostou por que sexan docentes en activo de secundaria os que impartan estas aulas como horas extraordinarias, algo que a CIG rexeitou frontalmente. De feito, a propia central pediu a solidariedade co colectivo dos cursos preparatorios do certificado de lingua galega e o rexeitamento desas horas lectivas como extraordinarias.

Hai menos dun ano, confirmábase que a Xunta tiña que recorrer a asesores, auxiliares ou docentes de Primaria ante as dificultades para atopar docentes de Secundaria que dese os cursos. E que mesmo Educación tivera que anular algún ante a negativa maioritaria dos profesores en protesta polo despedimento masivo de compañeiros.

Manifestación do profesorado do Celga Dominio Público @galizacig

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.