A Xunta expedienta unha mestra por non participar na festa do Nadal

Postal de Nadal tirada da web do colexio © CRA A Picaraña

A protagonista desta historia, de iniciais K.M., exerce como mestra de Educación Infantil no Centro Rural Agrupado da Picaraña, en Ponteareas. O 20 de decembro de 2013 acudiu como cada día ao seu posto de traballo aínda que esa non era unha xornada ordinaria no centro. Ese era o día fixado para celebrar na Casa da Cultura de Portela un festival co gallo do Nadal. A mestra xa anunciara que non tiña intención de participar nese evento xa que, detalla o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades (Esculca), "consideraba a actividade contraria ao principio de aconfesionalidade". Agora esa negativa pódelle custar unha sanción da Xunta.

Aínda que "comunicara previamente que non asistiría ao acto por razóns de conciencia" e malia que "permaneceu no lugar de traballo durante todo o horario lectivo", a mestra recibiu a finais de marzo unha carta asinada polo xefe territorial de Educación, o ex deputado do PP César Pérez Ares. Nesa misiva o cargo da Xunta apóiase na Lei Orgánica de Educación de 2006 para sinalar que entre as funcións do profesorado está "a promoción, organización e participación nas actividades complementarias, dentro ou fóra do recinto educativo". Deste xeito, di Esculca, fai "caso omiso das alegacións da ensinante referidas á obvia vulneración do principio de aconfesionalidade".

"Situacións parecidas a esta teñen lugar noutros centros, o que supón unha intromisión do ideario católico na vida escolar".

"A obrigatoriedade de cumprimento deste deber", indica Pérez Ares, "foille advertida polo director do centro educativo o 17 de decembro, segundo consta acreditado no expediente". Neste escenario, o xefe territorial advirte á mestra de que, "de probarse tales cargos, podería vostede incorrer en responsabilidade disciplinaria pola comisión dunha falta tipificada como leve". "Segundo a normativa vixente -especifica- a sanción que poderá impoñerse pola comisión de faltas leves é o apercibimento". 

Alén de que o alcance da sanción non sexa especialmente relevante, a mestra afectada xa presentou alegacións nas que, informa Esculca, "argumenta que considera estas actividades lesivas" para "o dereito á liberdade de conciencia, como "confirma a sentenza 5/1981 do Tribunal Constitucional". A traballadora salienta ademais que "situacións parecidas a esta teñen lugar noutros centros da comarca, o que supón unha intromisión, de baixa intensidade mais continua, do ideario católico na vida escolar".

Postal de Nadal tirada da web do colexio © CRA A Picaraña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.