A Xunta pecha a porta de vez ao parque natural no Pindo e Carnota racha o diálogo

Un carballo para o Pindo CC-BY-SA Monte Pindo parque natural

"O diálogo coa Xunta está pechado e hai que tomar outras vías". Así de contundente se manifesta o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, farto do "desleixo" e da falta de propostas e solucións cara ao Monte Pindo por parte da Administración autonómica, coa que a asociación que leva anos reclamando a declaración da zona como parque natural non quere manter xuntanza ningunha máis. A decepcionante resposta do Goberno leva o Concello a insistir na súa intención de recuperar a xestión integral da zona.

A que "posibelmente sexa a última" co actual goberno da Xunta produciuse este pasado mércores, tal e como destaca a asociación, que despois de ter solicitada a xuntanza hai máis dun ano logrou reunirse coa directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, co obxectivo de tratar a declaración do Monte Pindo como parque natural, "a única figura de protección democrática, participativa e que obriga a comprometer investimentos e contratacións de persoal".

A asociación do Monte Pindo reuniuse máis dun ano despois de solicitalo con Conservación da Natureza pero non recibiu resposta ningunha

Unha ampla representación, entre a que se atopaba o rexedor de Carnota, solicitou á Xunta que "movera peza e iniciara dunha vez por todas a tramitación do primeiro parque natural da Costa da Morte" e logo de que, segundo a asociación, hai dous anos o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, mostrase "unha postura receptiva". Pero nada diso ocorreu desta vez nunha reunión na que tamén estaban Xoán Ramón Vidal Romaní (presidente do Instituto Universitario de Xeoloxía), Javier Amigo (profesor de Botánica da USC) ou Fins Eirexas (secretario executivo de Adega).

"Quedou claro que de parque natural non queren saber nada de nada. A Xunta non ten intención ningunha", confirma Ramón Noceda, que lembra tamén o desleixo que denunciou por parte da Administración tras o grave incendio sufrido polo monte o pasado verán, os escasos labores de recuperación e as súas consecuencias no outono ou a paralización do proxecto civil xurdido da veciñanza para "devolverlle a vida" ao bosque. "O Goberno teima en desenvoler o plan director de Rede Natura, algo ao que xa están obrigados e cuxas consecuencias só foron o abandono absoluto da zona", insiste o rexedor de Carnota. O pasado mes de novembro, o Executivo galego foi denunciado ante a UE pola degradación dos seus espazos naturais.

Desde a asociación Monte Pindo Parque Natural, o resumo do ocorrido na xuntanza é practicamente idéntico, malia que os representantes sociais e científicos que acudiron á reunión expuxeron os valores xeolóxicos, naturais, arqueolóxicos, económicos ou sociais que xustificarían a petición. "A actitude da nova directora xeral foi aínda peor que a dos seus antecesores: pechounos a porta no nariz, cunha pasividade e total falta de interese polo Olimpo Celta que nunca antes demostrara tan abertamente ningún alto mandatario da Xunta, pois cando menos trataban de simular interese e preocupación polo devir dun dos espazos naturais galegos máis valiosos e coñecidos".

A Xunta manifestou que o parque natural "non é unha prioridade" e non deu resposta ás demandas de recuperación da zona tras o incendio do verán

"Chegou a afirmar que aínda que tivera na súa man a aprobación dun espazo natural nesta lexislatura, 'non sería o Monte Pindo', asi como que o Olimpo Celta non estaba entre as súas 'prioridades", asegura o colectivo, que lembra que a directora xeral "nin tan sequera se molestou en ofrecer algunha alternativa nin en preguntar pola restauración ecolóxica que a asociación estaba desenvolvendo e que foi paralizada baixo ameaza de multas".  "Non dá argumento ningún; pregunteille se pensaban reunirse cos afectados para intentar recuperar o Monte Pindo cun plan conxunto, pero nin respondeu", confirma Ramón Noceda.

"Non nos cabe na cabeza que demostre un nivel tan descarado de desprezo e desinterese por un espazo natural valiosisimo e que non amose nin un mínimo de respecto por quen sen ter responsabilidade directa na xestión dun monte público desenvolve un traballo abnegado na súa defensa e por propoñer iniciativas en positivo, sen pedir un só euro por facelo", quéixase a asociación, que advirte de que obrará "baixo os valores da autoorganización, a mobilización e, de ser necesario, a desobediencia".

"O monte é noso, dos veciños, e a lei permite recuperar a súa xestión e ese é o camiño que pretendemos tomar", di o alcalde de Carnota

O alcalde, Ramón Noceda, non chega a tanto pero confirma o que xa adiantara a Praza. O Concello de Carnota intentará recuperar a xestión total do Monte Pindo ante o desleixo da Xunta. As non respostas da última xuntanza acabaron coa súa paciencia. "O monte é noso, dos veciños, e a lei dá opcións de recuperar a súa xestión; ese é o camiño que pretendemos tomar, malia as dificultades económicas que hai", di o rexedor, que lembra que o Goberno é administrador do espazo, pero non propietario. "Para non facer nada, tamén o podemos facer nós, pero o que queremos é recuperalo entre todos", racha.

Verónica Tellado preside unha xuntanza © Xunta
Marcha no Monte Pindo © www.montepindo.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.