A Xunta prohibirá os circos con animais, pero volve esquecer as touradas

Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

O Consello da Xunta aprobou este xoves o anteproxecto de Lei galega de protección e benestar dos animais de compañía, que iniciará o seu trámite parlamentario, e que substituirá á actual norma, moi desfasada, aprobada en 1993 e que xa fora modificada parcialmente en 2014, incrementando as sancións por maltrato aos animais. A nova lei introduce notables melloras en materia de benestar e, de forma moi destacada, suporá a prohibición da utilización de animais salvaxes nos circos, converténdose Galicia na terceira comunidade autónoma que introduce este veto, do que Cataluña foi pioneira en xullo do pasado ano.

Este e outros puntos son aplaudidos polos colectivos animalistas que, con todo, sinalan varias eivas e ausencias, e lamentan que o Goberno galego non apostase por unha lei máis avanzada. Destaca, principalmente a cuestión das touradas, que continuarán constituíndo unha excepción, coma na norma actualmente en vigor.

Libera celebra a prohibición dos circos con animais pero bota en falta "un pouco máis de valentía para acabar dunha vez por todas coa tauromaquia"

Na rolda de prensa posterior ao Consello, preguntado Alberto Núñez Feijoo pola presenza ou ausencia de referencias ás touradas nesta lei, o presidente da Xunta reafirmou que a norma non regulará "os animais empregados en espectáculos taurinos", remitíndose ao propio título do anteproxecto de lei, que fai referencia aos animais de compañía. A Asociación Animalista Libera bota en falta neste senso "un pouco máis de valentía para acabar dunha vez por todas coa tauromaquia, que na comunidade galega resulta unha actividade marxinal e en onde os escasos municipios que organizaban touradas ou novilladas retiraron xa os subsidios locais". Libera lembra que "as sucesivas enquisas de hábitos e prácticas culturais evidencian que só o 0,3% dos galegos declara asistir a eventos taurinos, polo que non está xustificado seguir exceptuando esta cuestión nunha nova Lei". A lei actualmente en vigor indica no seu artigo 5º que "quedan excluídos do ámbito de aplicación desta Lei a festa dos touros, encerros e demais espectáculos taurinos"; de igual xeito, sinala como excepción o tiro ao pombiño.

Libera valora de forma máis positiva outros aspectos, coma a xa referida prohibición dos circos con animais, unha vella demanda da organización que nos últimos meses foi collendo un gran pulo grazas á sucesiva aprobación de mocións en numerosos concellos, un total de 40 en toda Galicia. A norma proposta polo Goberno galego, sinala Rubén Pérez, toma como modelo a nova lei de benestar animal aprobada pola Comunidade de Madrid, unha lei que actualizará e mellorará a norma actualmente vixente en Galicia, pero que non é tan avanzada como, por exemplo, a aprobada en Cataluña.

O texto establece tamén a prohibición expresa de determinadas mutilacións nos animais, coma o corte de orellas ou rabo, que se facía co fin de manter unha serie de características dun tipo de raza. Galicia será a oitava comunidade autónoma na que se prohiban. Tamén se perseguirá o emprego de calquera trebello destinado a impedir ou limitar a mobilidade dun animal que lle produza danos ou sufrimentos ou lle impida manter a súa posición normal, unhas prácticas prohibidas entre as que poderían estar a colocación de pexas aos cabalos.

O texto establece tamén a prohibición expresa de determinadas mutilacións nos animais, coma o corte de orellas ou rabo

O proxecto do Goberno galego introduce así mesmo a obriga de identificación en todos os cans, mediante microchip, e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía. No que atinxe aos animais potencialmente perigosos, o Goberno galego quere concretar as razas de can que teñen tal consideración; ademais, establécese a obriga da obtención previa da licenza municipal para poder ter un can desta categoría e deberase inscribilos no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos. A lei, segundo destaca a Xunta, busca evitar que os animais domésticos estean sometidos "a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables". Porén, semella que a norma non recollerá un número máximo de horas que un animal pode permanecer atado, como si sinalan de forma expresa moitas normativas a nivel municipal.

Libera quere introducir neste período de alegacións varias suxestións, entre as que destaca a proposta de sacrificio cero de animais abandonados sans

A partir de agora o proxecto someterase a información pública para as posibles alegacións que queiran facer os distintos colectivos. Neste senso Libera, que esta semana mantivo un encontro informal coa Directora Xeral de Conservación da Natureza e a Subdirectora xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para debater os contidos desta lei, quere introducir neste período de alegacións varias suxestións, entre as que destaca a proposta de sacrificio cero de animais abandonados sans ou a propia prohibición dos espectáculos que utilicen touros.

 

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland
Un cabalo con pexa nun monte galego © colectivonacionalista
Instalacións da canceira en Armenteira © Coordinadora de Protectoras de Pontevedra
Praza de touros de Pontevedra CC-BY-SA Davisuke

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.