A Xunta recorta nun 17% o orzamento para os centros de menores

Os conselleiros Rueda e Mato nun centro de menores © Xunta

Os tres sindicatos CIG, CCOO e UGT alertan do "golpe sen precedentes" que están a punto de sufrir os menores infractores en Galicia e acusan a Xunta de recortar "nun 17%" a partida orzamentaria destinada aos centros de internamento para estes rapaces, así como de promover unha redución de persoal na relación de postos de traballo.

CIG, CCOO e UGT acusan a Xunta de recortar "nun 17%" a partida orzamentaria para os centros de internamento

Nun comunicado conxunto, as centrais con representación sindical nestes centros de menores lembraron que, de acordo coa lexislación que regula a responsabilidade do menor, "corresponde á Xunta a execución das medidas ditadas polos xulgados e determinar para isto as medidas necesarias". Para iso, segundo engadiron, existen en Galicia tres centros de internamento, dos que dous son de xestión privada e un xestionado integramente pola Administración. No caso dos menores en réxime aberto, están xestionados por empresas privadas.

Agora, tras a publicación en xullo do procedemento para seleccionar as entidades sen ánimo de lucro que xestionarán estes servizos, polo menos durante os próximos 15 meses, os sindicatos aseguraron que a Xunta non "respecta" a relación de postos de traballo e que haberá unha redución da asignación orzamentaria.

No primeiro caso, CCOO, CIG e UGT sosteñenque "deixa fóra tres traballadores que prestan servizo no centro de Montedelo de Ourense desde os anos 1999 e 2000". Ademais, indican que, en relación ao anterior concurso, do ano 2011, "os centros de internamento ven reducida a asignación orzamentaria nun 17%". "De 217 euros praza e día a 180,89 euros praza e día, á vez que aumentan as esixencias no tocante ao número de persoal educador contratado nun 10%", engadiron.

A achega orzamentaria pasaría dos 217 euros por praza e día aos 180,89

No caso dos "centros de medio aberto", indicaron que se aplicará unha redución dun "19%, pasando de 580.000 euros ao ano a 470.000 euros". Así, os sindicatos consideran que existe "un evidente risco de importantes reducións na calidade da atención aos menores que se ven obrigados a cumprir algunha medida xudicial, así como das condicións laborais dos profesionais encargados de executar tales medidas".

O tres sindicatos argumentan que a Xunta "tampouco atende" ás recomendacións do Valedor do Pobo de 2014, que apunta a "a obriga de priorizar o investimento en máis e mellores recursos para unha axeitada intervención re-educadora". Mentres, sosteñen que non recibiron resposta ás súas solicitudes dun encontro coa administración.

Os conselleiros Rueda e Mato nun centro de menores © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.