"A Xunta tapa con euros a súa incompetencia cos incendios"

O Monte Pindo, antes e despois do incencio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Asunción de responsabilidades e medidas para que as desfeitas provocadas polos lumes non volvan acontecer. Esas son as peticións que nos últimos días seguen chegando desde diferentes grupos ecoloxistas e a oposición política en Galicia tras un verán de masivos e importantes incendios nos bosques galegos, unhas 11.000 hectáreas arrasadas e coa destrución do Monte Pindo como paradigma das peores consecuencias dunha nova vaga incendiaria.

Adega acusa a Xunta de "tapar con euros a súa incompetencia 'untando' madereiros e cazadores"

Así, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) vén de denunciar que a Xunta, "en troques de asumir esas responsabilidades e tomar medidas", pretende "tapar con euros a súa incompetencia untando colectivos chave", en referencia ás empresas madeiristas e aos cazadores. Como exemplo, cita as recentes ordes de axudas para constituír as Sofor (Sociedades de Fomento Forestal), para a primeira forestación de terras non agrícolas ou para a repoboación do monte con perdices e coellos por parte dos titulares dos Tecor (Terreos Cinexeticamente Ordenados).

As Sofor, que se derivan da Lei de Montes aprobada polo PP, son segundo Adega "o instrumento deseñado pola Xunta para usurpar as terras comunitarias en beneficio das empresas privadas e converter o monte galego nunha leira para plantar eucaliptos e cultivos enerxéticos". A liña de axudas chegaría a unha porcentaxe subvencionable do 100% mentres que para as comunidades de montes só atinxe, no mellor dos casos, o 70%.

Adega censura tamén as axudas aos cazadores para repoboar os montes con coellos e perdices nunha "visión distorsionada e interesada da actividade cinexética, máis propia do tardofranquismo", que "vai en consonancia coa nova Lei de Caza que o PP acaba de levar ao Parlamento". A norma, segundo o colectivo, "minimiza o papel da administración, usurpa os usos do monte aos seus propietarios en beneficio dos cazadores, xeraliza a discrecionalidade e entrega a xestión da fauna aos escopeteiros".

Pola contra, destaca como desde a Xunta non se achega subvención ningunha tras os incendios para a restauración hidrolóxico-florestal, para medidas de choque contra a erosión, para que a veciñanza recupere os seus bens arrasados, para a alimentación do gando mostrenco que quedou sen pasto ou para recuperar a fauna salvaxe e os hábitats queimados. En resumo, e para Adega, o Goberno "tenta impoñer a súa visión simplista e distosionada do que debe ser o monte galego: unha fábrica de madeira barata para as papeleiras e un couto privado de caza para os seus socios". "Subvencionar o silencio, como pretende a Xunta con estas axudas, só é propio dunha administración incompetente e cómplice", asegura.

O ecoloxismo cre "imperativo" medidas urxentes para restaurar os terreos queimados canto antes

A alternativa para o ecoloxismo é clara e urxente: medidas de restauración e compensacións rápidas para evitar máis desastres. Así, Adega solicita medidas para arranxar de camiño os "problemas provocados pola perda de solo fértil, a erosión e os arrastres de sedimentos cara os vales e rías". "Resulta imperativo que antes das choivas comecen os labores de restauración hidrolóxico-florestal dos terreos queimados, dispoñendo barreiras anti-escorrentías, sementando herbáceas de crecemento rápido para fixar o chan ou dispoñendo refuxios e alimento para a fauna salvaxe e o gando", reclaman, tras advertir de que estes labores son "xusto os que desenvolvía o Voluntariado en Defensa do Monte que Feijóo suprimiu nada máis chegar á Xunta".

Ademais, e ao igual que solicita o Concello de Carnota a raíz do fatídico incendio no Pindo, Adega cre "importante" a declaración de zona catastrófica "para que a veciñanza poida recuperar o pulso das súas vidas e facendas consumidas polo lume". "Para permitir a recuperación das poboacións salvaxes das áreas queimadas, non estaría de máis a suspensión da tempada de caza tanto nos Tecor afectados como nos veciños ás zonas queimadas, e nos que agora se acubillan moitas especies refuxiadas dos incendios", engade.

 

Unha reunión "urxente" do Consello Forestal de Galicia

Pero non só Adega se move. Nin moito menos. Amigos da Terra vén de solicitar unha reunión "urxente" do Consello Forestal de Galicia tras o incremento do número de incendios en Galicia. "Os lumes forestais que están afectando aos montes non deixan de ser unha crónica anunciada, tendo en conta a experiencia acumulada ao longo dos últimos anos, tal e como de forma reiterada temos manifestado nas reunións do Consello Forestal", lembran.

"Os incencios non deixan de ser unha crónica anunciada", denuncia Amigos da Terra

O obxectivo desta xuntanza sería a "creación inmediata dunha Mesa de Traballo sobre os Incendios Forestais", mesa na que ademais dos membros do Consello Forestal "se debe facer extensible a outras personalidades e representantes do sector forestal, medioambiental e social de Galicia para atopar solucións a este grave problema económico, ecolóxico e social".

“É posible solucionar os erros do pasado mediante o diálogo e a participación do conxunto da sociedade”, di Amigos da Terra, que cre que "máis de 40 anos de fracasos na loita contra os lumes forestais en Galicia deben de ser máis que suficientes para atopar solucións ao máis grave problema medio ambiental que ten o noso país".

CxG presenta este mercores un "pacto galego" polos montes e contra os lumes

O mesmo opina Compromiso por Galicia, que se une ás críticas á política forestal verquidas xa por PSdeG, AGE e BNG e que convoca para este mércores tres roldas de prensa simultáneas en Boiro, Lalín e Ourense na que diversos coordinadores territoriais da formación galeguista presentarán a súa iniciativa por un Pacto galego para por en valor os montes e loitar contra os lumes, co que pretenden involucrar os colectivos sociais, políticos e ecoloxistas na busca dunha solución ao drama dos lumes.

AGE, ademais, vén de presentar unha proposición non de lei presentada na que insta a Xunta a aplicar o Ditame da Comisión non permanente para estudio da problemática dos incendios forestais, aprobado en 1987. No devandito ditame de hai máis de 25 anos xa se aposta por unha "axeitada organización, coordenación, asignación e distribución dos recursos que fagan máis eficaces as accións de institucións e asociacións implicadas na loita contra os incendios", conseguir que as accións preventivas "teñan progresivamente máis importancia dentro dos plans xerais de loita contra os incendios forestais" e que se considere "que os efectos dos incendios forestais afectan a todo o ecosistema con repercusións que transcenden o propio ámbito territorial da zona afectadas, e que se poden manter durante longos períodos de tempo.”

O Monte Pindo, antes e despois do incencio © Asociación Monte Pindo Parque Natural
Vista do incendio dende o mar © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.