A Xustiza condena o Sergas polas listas de espera que obrigaron un paciente a acudir á privada

Un quirófano do Sergas © Sergas

O Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense vén de condenar o Sergas. O ditame, contra o que non cabe recurso de apelación, condena o Servizo Galega de Saúde a indemnizar a un paciente en 10.000 euros "polos prexuízos padecidos ao ter que acudir á sanidade privada ante as excesivas listas de espera do Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense", tal e como informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

"A Administración incorreu nun funcionamento anormal, incorrecto, deficiente máis aló do tolerable para o servizo público de que se trata"

Na resolución indícase que, “con toda evidencia, a Administración demandada incorreu neste caso nun funcionamento anormal, incorrecto, deficiente máis aló do tolerable para o servizo público de que se trata” e engade que “é lóxico que nestas circunstancias o paciente se angustiase e acudise á sanidade privada”. Para o maxistrado, “a Administración pública sanitaria funcionou de maneira deficiente e mesmo irracional”.

Segundo se explica na sentenza, o paciente acudiu o 5 de maio de 2014 por primeira vez ao Servizo de Neuroloxía por un problema de aumento de tamaño ventricular. Logo de realizar unha proba en xullo, a seguinte cita estaba prevista para setembro co obxectivo de avaliar os resultados, pero non lla asignaron até o 16 de xaneiro de 2015. Logo de "reiteradas reclamacións, só conseguiu o efecto contrario: a cita atrasouse ao 28 de xaneiro".

O paciente acudiu a unha clínica privada ante o excesivo tempo ao que o obrigaban a agardar no Sergas

Ante esa situación, o doente decidiu acudir a unha clínica privada en Madrid onde, tras realizarlle un TAC, ordenáronlle unha operación urxente no prazo máximo dun mes. Con eses datos, acudiu á súa cita de CHOU pero tampouco foi citado para a intervención cirúrxica, polo que se viu obrigado a realizala no centro da capital do Estado en febreiro. Ante unhas complicacións que o hospital público de Ourense tampouco deu atendido, o home tivo que volver operarse en Madrid en marzo. 

A Xunta aludiu aos "recursos limitados da Administración" para alegar á reclamación do paciente ante a Xustiza

Na súa contestación á alegación ante a vista do xuízo, a Xunta argumentou que o paciente recibira o tratamento axeitado ou que non se acreditara que a operación tiña que realizarse nese prazo dun mes. Pero ademais, tamén aludiu aos "recursos limitados da Administración, cuxas prestacións se deben prestar de maneira equitativa e igualitaria a todos os pacientes". 

Na sentenza, o xuíz aclara que a responsabilidade da Administración "non se deriva dunha mala praxe dos médicos do Sergas que trataron o paciente", senón dun "deficiente fucionamento do Servizo de Neuroloxía do CHUOU no que ás listas de espera se refire". Unha "deficiencia" que, di o maxistrado, "excedeu do admisible e do tolerable". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.