O Xulgado do Social número 5 de Vigo estimou a primeira das demandas sindicais contra a imposición do convenio provincial no hospital Povisa. A sentenza obriga a Povisa a prorrogar o anterior convenio, que foi denunciado a finais de setembro de 2011, até que se asine un novo. A súa aplicación deberá de ser inmediata, independentemente da posibilidade de presentar recurso, e a empresa terá que devolver os cartos descontados ao persoal nas nóminas de xullo. O comité de empresa acordou esta tarde desconvocar a folga que iniciara o día 19. A sentenza e a desconvocatoria do paro tamén significan que se retomarán as negociacións coa empresa o vindeiro 15 de setembro
A sentenza e a desconvocatoria do paro tamén significan que se retomarán as negociacións coa empresa o vindeiro 15 de setembro
O persoal de Povisa coñeceu a sentenza do Xulgado do social de Vigo "mentres participaba no mercadiño solidario organizado no exterior do hospital para recadar fondos para a folga", afirma a CIG. Nada máis facerse pública a resolución xudicial, que foi comunicado ao comité polo propio conselleiro delegado do centro médico, "as mostras de xúbilo foron constantes entre as persoas que se atopaban nas inmediacións do hospital", sinalan.
Esquerda Unida, pola súa parte, denuncia o "desleixo" da Consellería de Sanidade ao desentenderse das "pésimas condicións laborais das e dos traballadores sanitarios e das deficiencias que estas ocasionan na atención" a pesar de que entrega anualmente "decenas de millóns á empresa" pola concertación dunha atención sanitaria que presta ao Sergas. EU "celebra" a sentenza gañada polas traballadoras e traballadores de Povisa. Yolanda Díaz manifestou que "é necesaria unha loita continua pola defensa dunha sanidade 100% pública que evitaría a especulación coa saúde dos galegos e das galegas".
"A dirección pretendía, amparándose na reforma laboral e tras impedir a negociación dun novo convenio, acollerse ao convenio provincial para as traballadoras e traballadores sanitarios, feito que implicaba unha importante perda de masa salarial, en torno a un 40% do salario. Isto non é máis que a 'gota que colma o vaso' dunha serie de medidas tomadas nos últimos anos por parte da dirección da empresa, tales coma recortes de persoal, instauración de turnos á mercede da empresa, cambios de servicio a persoal fixo e eventual,etc que non fan máis que empeorar a asistencia sanitaria prestada", afirma Esquerda Unida.
"É necesaria unha loita continua pola defensa dunha sanidade 100% pública que evitaría a especulación coa saúde dos galegos e das galegas"
O BNG expresoulles os seus "parabéns" aos traballadores e traballadoras de Povisa e criticou a "complicidade" da Xunta, que "nin se prestou a mediar no conflito". Para Montse Prado, a Xunta, e en concreto a Consellería de Sanidade, amosou “que non lle importa a sanidade pública nin os dereitos laborais senón defender os intereses das empresas”.
Por outro lado, a Asociación Galega para Defensa da Sanidade Pública fixo público un comunicado de apoio á loita dos traballadores e traballadoras de Povisa despois das últimas denuncias de pacientes afectados polo conflito laboral no que engade que "non é de recibo que os pacientes paguen coa súa saúde os problemas de natureza política e empresarial dun concerto singular que é o máis elevado de todo o Estado español"