A Xustiza declara ilegal o cesamento do director do IES Illa de Arousa

Acto de entrega das sinaturas en apoio do mestre © CIG-Ensino

O xulgado contencioso administrativo nº3 de Pontevedra fallou en contra da Consellaría de Educación por cesar o director do IES llla de Arousa, Afonso Malvido, en decembro de 2013 por atrasar un día o inicio de curso 2013-2014 a causa da falta de profesorado no centro. A sentenza obriga a Consellaría a pagarlle case nove mil euros máis as costas do xuízo.

O propio director puxérase en contacto coa inspección educativa para saber se Educación tiña previsto dotar o centro dun profesor máis, xa que a falta de docentes suficientes non permitía cubrir as gardas, desenvolver o Plan de Convivencia, o proxecto Abalar ou atender a biblioteca do centro, entre outros labores. Porén, non tivo contestación ata que o curso estivo iniciado. A resposta da Consellaría foi, de feito, un expediente de revogación no seu cargo.

O cesamento iniciara de contado un movemento de solidariedade e en poucas semanas recolléronse preto de 5.000 sinaturas de apoio

O cesamento iniciara de contado un movemento de solidariedade e en poucas semanas recolléronse preto de 5.000 sinaturas de apoio, que foron entregadas na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellaría de Educación. De igual xeito, os servizos xurídicos da CIG presentaron o recurso que vén de dar lugar a este fallo. Trátase dunha sentenza firme que declara ilegal a resolución da Xefatura Territorial pola que se cesou e se inhabilitou o docente para postularse como director; ademais condena a Consellaría a abonarlle ao director o importe de 8.644 euros que é o que lle correspondería percibir polo seu cargo desde que foi cesado no inicio do curso 2013-2014. Así mesmo, condena a Consellaría a pagar as costas do proceso.

"Esta sanción o que perseguía era amedrentar e calar as voces reivindicativas que esixen máis profesorado nos centros para mellorar a calidade no ensino"

Para a CIG-Ensino, a sentenza "evidencia unha actuación do xefe territorial de Pontevedra represiva e contraria á lei debido a un comportamento que dignifica a un director que o único que perseguía era un profesor imprescindible para o funcionamento normal do centro". Segundo o sindicato, "a contundencia da sentenza esixe do conselleiro de Educación o cesamento fulminante do xefe territorial", xa que "confirma a denuncia feita no seu día pola CIG e máis de 5.000 sinaturas do profesorado de que esta sanción o que perseguía era amedrentar e calar as voces reivindicativas que esixen máis profesorado nos centros para mellorar a calidade no ensino".

Acto de entrega das sinaturas en apoio do mestre © CIG-Ensino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.