A Xustiza insiste en que Zara empregou traballo escravo no Brasil

Traballador nun taller de costura © apestan.com

A Xustiza do Brasil considera Zara responsable por escravitude e podería incluír a empresa galega na lista suja de compañías que empregan traballadores en condicións análogas ás dos escravos. Así de dura é a resposta do xuíz de São Paulo Álvaro Emanuel de Oliveira ao recurso da firma, que pretendía anular o proceso que se segue contra ela logo da denuncia dun inmigrante boliviano que en 2011 provocou unha inspección de traballo nunha subcontrata na que o 90% das prendas elaboradas ían destinadas á tenda de Inditex. Daquela comprobárase que unhas 50 persoas traballaban no taller, unhas 14 horas ao día e por 0,06 céntimos de euro por cada peza rematada.

O proceso nace da denuncia dun inmigrante boliviano tras a que se descubriu as condicións de escravitude nas que se traballaba nunha subcontrata de Zara

Agora, este maxistrado aclara que a empresa si ten responsabilidade directa pola situación constatada e mesmo critica a tentativa de Zara de intentar lavar as mans e considerar os costureiros explotados como empregados da empresa intermediaira Aha. De Oliveira considera a subcontratación destes traballadores como "fraude escancarada".

Para a Xustiza brasileira, Inditex trata de botar a culpa á compañía intermediaria, pero non hai dúbida de que a responsabilidade é exclusivamente de Zara. De feito, a sentenza asegura que Aha foi contratada para minimizar custos e burlar así a lexislación laboral. “A fraude da intermediação é escancarada, pois, na verdade, houve prestação em favor da vindicante com pessoalidade, não eventualidade, remuneração e subordinação econômica”, di o maxistrado nunha sentenza, na que engade que "a subordinação, embora camuflada sob a aparência de terceirização, era direta aos desígnios da comerciante das confecções”.

O xuíz critica que Zara intente botar a culpa á compañía intermediaria cando "non hai dúbida" de que a responsabilidade é totalmente da firma de Inditex

O xuíz vai incluso máis aló é aclara que "a fiscalização verificou, outrossim, que as oficinas onde foram encontrados trabalhadores em condição análoga à de escravidão labutavam exclusivamente na fabricação de produtos da Zara, atendendo a critérios e especificações apresentados pela empresa, recebendo seu escasso salário de repasse oriundo, também exclusivamente, ou quase exclusivamente, da Zara”

Ademais, o maxistrado rexeita o argumento de Zara, que alegou non ter coñecemento da situación de escravitude da subcontrata. “A Aha não tinha porte para servir de grande fornecedora, e disto ela estava  perfeitamente ciente, pois, realizando auditorias sistemáticas, sabia do extenso downsizing realizado, com o número de costureiras da Aha caindo mais de 80%, ao tempo em que a produção destinada à Zara crescia”, asegura de Oliveira, que di que "custa crer" que unha das maiores corporacións do mundo "tivesse controles tão frouxos da conduta de seus fornecedores, mostrando-se muito mais palatável a versão defendida pela fiscalização, de que, na realidade, controlava-os ao ponto de deter a posição de empregadora”.

"Custa crer que Inditex tivesse controles tão frouxos da conduta de seus fornecedores", di o maxistrado

Nesta dura sentenza, a Xustiza do Brasil chega a criticar tamén que Zara negase a súa responsabilidade no traballo escravo polo feito de ter realizado accións sociais e colaborado co poder público, en referencia ao Termo de Ajustamento de Conduta asinado co Ministerio de Traballo. "Embora louvável, foi posterior à autuação, não implicando, logicamente, nenhuma influência no resultado da lide, por não convalidar situação pretérita”, explica, tras destacar que o investimento de Inditex en accións sociais está directamente relacionado coa súa preocupación por "recuperar a imagem da marca, imensamente desgastada pela repercussão dos resultados da fiscalização na mídia”.

Por outra banda, o xuíz defende a lista suja na que se inclúen empresas que non respectan "o valor social do trabalho e a dignidade da pessoa humana", tal e como di a propia Constitución da República, logo de que no seu recurso Zara volvese cuesiontar esta lista negra que considera anticonstitucional. Foi isto o que levou a que a empresa fose expulsada do acordo contra o traballo escravo, o Pacto Nacional pela Erradicação do Trabalho Escravo.

O investimento en accións sociais pretende "recuperar a imagem da marca, imensamente desgastada pela repercussão dos resultados da fiscalização na mídia”

Zara, segundo asegurou a varios medios brasileiros, xa ten pensado recorrer esta decisión do xuíz e advirte dun proceso xudicial longo. Ademais, insiste en que a responsabilidade é da empresa subcontratada por ser a que "realmente cometeu as irregularidades e obtivo lucro con iso".

Proveedor ilegal de Zara en Brasil, denunciado e pechado o pasado ano © Reporter Brasil
Unha tenda de Zara aberta recentemente © Inditex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.