O Concello de Vigo terá que derrubar a Cruz do Castro. Ditamínao a sentenza emitida o pasado día 4 de setembro polo xulgado número 2 de Vigo e logo do recurso contencioso-adminitrativo que presentou Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e que poderá ser recorrida polo goberno local. Así o adianta o diario Vigodixital, que tivo acceso a unha resolución xudicial que supón un golpe para o PSOE e o PP no consistorio, que levan tempo rexeitando a retirada deste monumento fascista e que foi inaugurado polo ditador Francisco Franco.
A sentenza xudicial obriga o Concello de Vigo a derrubar a cruz fascista do Castro
A Cruz do Castro foi unha iniciativa da Falange, que escolleu o lugar onde se situaría o monumento, aprobado logo polo Concello franquista. Foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 coa presenza do ditador e serviu para numerosos actos de exaltación fascista.
A retirada deste símbolo é unha petición que leva anos amosándose na rúa a través de diferentes mobilizacións. Ademais, xa en 2008 a se fixo a súa primeira solicitude formal, á que seguirían varios escritos da Asociación pola Memoria Histórica. Recolléronse máis de 4.000 sinaturas e contouse co apoio de moreas de asociacións, forzas políticas e diferentes colectivos, pero o goberno municipal nunca respondeu.
A petición de retirada deste símbolo fascista leva anos na rúa e é compartida por moreas de asociacións
Ante o silencio oficial, o 19 de xullo de 2011 o colectivo insistía no reclamo ao abeiro legal do dereito de petición (recollido no artigo 29 da Constitución e regulado na Lei 4/2001) amparándose na Lei 52/2007 de memoria histórica.
Tal e como lembra Vigodixital, malia que a administración municipal tiña obriga legal de respostar, non o fixo, e a asociación presentou unha demanda para a protección dos dereitos fundamentais diante do xulgado número 1 de Vigo, que o 19 de decembro de 2011 obrigaba ao Concello a se pronunciar expresamente sobre a solicitude, inadmitíndoa "motivadamente" ou tramitando o procedemento oportuno.
A resposta non chegaría até o 1 de marzo de 2013, case cinco anos despois da presentación da primeira petición formal. A Xunta de Goberno Local resolvía nesa data denegar a petición de retirar o monumento fascista. Ante esa negativa, a asociación promove o recurso contencioso-administrativo, diante do xulgado número 2 da nosa cidade, do que nacerá o proceso xudicial que conclúe coa sentenza que mandata ao Concello a retirar a Cruz da ladeira do monte do Castro.
A sentenza condena o Concello "a que proceda de forma inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada"
A sentenza resolve estimar o recurso da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 condenando o Concello de Vigo "a que proceda de forma inmediata a adoptar las medidas oportunas para a retirada do elemento arquitectónico denominado Cruz dos Caídos sito no Monte do Castro de Vigo".
As partes teñen agora un prazo de quince días para presentaren recurso de apelación contra a sentenza. Descoñécese polo momento se o goberno local acatará a sentenza ou pola contra presentará recurso contra desta.