A empresa que actualmente presta os servizos de seguridade privada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), unha subcontrata de Ferrovial denominada Prosetecnisa, vulnerou os dereitos fundamentais dun dos seus traballadores. Así o vén de certificar o Xulgado do Social número 4 da capital ourensá nunha sentenza que anula a suspensión de sete días de emprego e soldo imposto pola compañía ao garda no pasado mes de xuño por, acusaban, non atender correctamente as súas funcións.
Pouco antes da sanción o traballador, apoiado pola CIG, denunciara a empresa ante a Inspección de Traballo
O traballador, apoiado pola CIG, presta servizos no hospital ourensán dende 1996 e chegou a Prosetecnisa pola vía da subrogación, cando esta empresa se fixo cargo do servizo. Segundo os feitos probados na sentenza a empresa xustificou a sanción nunha "incidencia" acontecido o pasado maio, cando a barreira automática que dá acceso ao aparcadoiro do persoal do hospital deixou de funcionar.
Sempre atendendo á sentenza, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a empresa comunicou a sanción cunha carta na que explicaba que, ante a devandita avaría, outro vixiante pediu ao traballador sancionado que "se achegase pola zona do parking" para "informar e tentar calmar os usuarios" mentres o servizo de mantemento non arranxaba o problema. O traballador, acusa a empresa, negouse a facelo porque "non era cousa súa" e esa negativa supuxo non "contribuír a xerar un ambiente de seguridade e tranquilidade nas instalacións do cliente", como sería a súa obriga.
Un garda de seguridade, traballando nun evento público
Pero tanto o xuíz como a Fiscalía discrepan. "Os feitos imputados" foron "tirados da narración doutro traballador, do que non consta superioridade xerárquica" e que nin sequera foi achegado como testemuña pola empresa durante o proceso xudicial, subliñan. "Faltan elementos de proba" que acrediten a "veracidade" do relatado e, mentres, a documentación que si foi achegada á causa, os partes de traballo dese día limítanse a indicar que o traballador recibiu a petición de "informar e tentar tranquilizar os usuarios" do aparcadoiro" e "contestou que non é función súa".
O xuíz e o fiscal concordan en que "faltan elementos de proba" que acrediten a "veracidade" das acusacións da empresa, baseadas no relato doutro traballador que non compareceu como testemuña
Pero a sentenza desvela ademais desencontros anteriores. O traballador sancionado denunciara dous meses antes á empresa ante a Inspección de Traballo, denuncia que deu lugar a un requerimento para que "se entregase aos traballadores" uniformes "nos termos dispostos no convenio colectivo", aínda que non nunha sanción. Tivera ademais un enfrontamento coa empresa por mor do permiso ao que se acolleu a causa do falecemento dun familiar.
Neste contexto, a representación do vixiante sancionado considerou a sanción "unha clara represalia" e a Fiscalía concordou en que foron vulnerados os seus dereitos fundamentais. O xuíz asumiu as consideracións do Ministerio Público e anulou a suspensión de emprego e soldo con todos os seus efectos, ademais de condenar a empresa a indemnizar o traballador con 1.000 euros. A representación legal do vixiante recorrerá este ditame xudicial ao considerar que os danos e prexuízos dos que debe ser resarcido superan os 6.000 euros.