A Xustiza tomba os atrancos do Concello de Santiago á manifestación de Queremos Galego

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

A Xustiza obriga a recuar o Concello de Santiago. Vinte e catro horas despois de que o gabinete municipal dirixido por Ángel Currás lle comunicase á plataforma Queremos Galego que non podería empregar un palco nin utilizar un punto de luz para a megafonía no remate da manifestación do Día das Letras un xulgado da cidade vén de darlle a razón ao colectivo en defensa da lingua. Segundo puido saber Praza Pública, o recurso presentado contra a prohibición municipal deu na mañá deste mércores o primeiro resultado favorable en forma de medidas cautelares que, na práctica, supoñen a suspensión dun veto que o Concello sustentaba na coincidencia da mobilización co día grande das Festas da Ascensión.

"Por fortuna, non lles está a saír ben a tentativa de censurarnos", sinala en declaracións a este xornal o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que non dubida que a intención do gabinete popular era "facer mal". A decisión xudicial é, para Callón, "un correctivo importante ao concello", unha resolución "clara, a nivel legal, contra a tentativa de silenciarnos", poñendo atrancos a unha petición que "sempre foi de trámite" e que ademais da autorización para o acto final incluía tamén a posibilidade de pendurar unha pancarta no punto de saída da mobilización, na Alameda da cidade. 

"Currás tratou o Correlingua como unha manifestación e quería tratar esta manifestación como un altercado"

Así as cousas, a marcha poderá desenvolverse e rematar segundo estaba previsto, tamén utilizando o escenario empregado na céntrica Praza da Quintana o cal, subliña Callón, "nin sequera é do Concello", senón que pertence "á Cadena SER", que organiza na mesma xornada un espectáculo musical. Os propietarios do palco "non teñen ningún problema en que se utilice" polo que, ademais dunha "censura", a decisión do goberno local supuña toda unha "extralimitación" nas súas funcións. Currás, di, "tratou o Correlingua como unha manifestación" e agora "quería tratar a manifestación de Queremos Galego como un altercado". Ao tempo, o presidente da Mesa subliña que a denegación dos permisos supuña "unha burla" ao estar baseada na coincidencia coas festas, "xa que non é a primeira vez nin será a útima que o 17 de maio coincide con estes festexos". "A culpa é de Rosalía de Castro, por asinar a dedicatoria do primeiro libro contemporáneo en galego nun 17 de maio", ironiza.

Satisfeitos pola decisión e dende o "recoñecemento á dilixencia da Xustiza para repoñer a legalidade no seu lugar" dende Queremos Galego manifestan tamén optimismo de cara á resposta cidadá no propio Día das Letras, algo que, explican, xa se está a percibir na organización de autobuses "que xa están concertados" para desprazarse este xoves á capital de Galicia. "A xente está a moverse" aínda máis "polos últimos obstáculos do Concello de Santiago cuxa actitude, lamentan, chega a ser "esperpéntica". "Se non fose lamentábel, causaría riso" a prohibición de "ter megafonía e un punto de luz", din.

Tras a controversia o propio alcalde de Santiago tenta quitarlle ferro ao asunto e asegura que "non hai ningún inconveniente" para a manifestación. De feito, di, o goberno local "xa falou coa Cadena SER" para que non haxa problemas na utilización do palco. Mesmo "dei instrucións para que haxa alí un técnico de son", di. Unha versión diferente ofrecíaa o concelleiro de Seguridade, Albino Vázquez, que nunha intervención radiofónica acusou a Queremos Galego de "sacar as cousas de contexto", tentar "politizar o asunto" e "publicitar" a manifestación a costa do Concello, que lles deu, di, "todas as facilidades".

Cartaz da manifestación © Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.