Acadar emprego e salario digno, "o principal problema da clase obreira galega"

CC-BY-SA Praza Pública

Varias mobilizacións lembraron hoxe en Galicia a Amador e Daniel co gallo do Día da Clase Obreira Galega. As principais concentracións leváronse a cabo en Ferrol, onde CIG e CCOO saíron á rúa reivindicando "emprego, salarios dignos e xustiza social". A central nacionalista marchou ademais no resto das cidades galegas cunha demanda que se ergue "primordial a día de hoxe fronte á propaganda oficial do PP e da Xunta de Feijóo sobre da suposta da saída á crise".

O emprego e o salario digno "é o principal problema que ten hoxe a clase obreira galega", di a CIG

O secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, que participou na manifestación realizada en Ferrol, asegurou que acadar un emprego e un salario digno “é o principal problema que ten hoxe a clase obreira galega”. Dende o inicio da crise, perdéronse en Galiza 195.300 postos de traballo, tendo nestes momentos unha taxa de desemprego do 21.7%. E seguimos a perder poboación activa, especialmente no grupo de idade comprendido entre os 20 e os 39 anos. "Se contásemos os 80.000 mozos e mozas que emigraron nestes últimos cinco anos, o paro no noso país superaría o 40%", denuncia a CIG. 

“O único sector de asalariados que medra", subliñou Seixo, "é aquel que gaña menos do 50% do Salario Mínimo Interprofesional, estamos a falar duns ingresos brutos de 150 euros ao mes”, insistiu Seixo, que cre que a análise da situación económica non resulta mellor: "o PIB galego medra por debaixo da media estatal, a nosa capacidade produtiva sofre un descenso radical en sectores básicos como o pesqueiro, o naval ou o enerxético, e o sector financeiro –tanto o semipúblico como o privado- pasou a mans foráneas, ao igual que empresas relevantes".

CIG e CCOO mobilizáronse en Ferrol en lembranza de Amador e Daniel

Seixo criticou unha realidade que "deriva da crise e das políticas económicas, laborais e sociais promovida dende a UE e executadas en Galiza e no Estado polo PP". Ademais, fronte a este "panorama nada esperanzador, que o PP pretende ocultar a través da intoxicación propagandística", Seixo chamou a "organizármonos, mobilizármonos e loitar por mudar a conciencia social e a correlación de forzas a favor da clase traballadora e do nacionalismo galego, nas empresas, nas organizacións sociais e nas institucións”.

Ao tempo, Seixo instou a seguir o exemplo de loita da clase obreira galega do ano 72 e a "opornos con firmeza a esta situación de opresión e de explotación". A CUT, pola súa banda, levou a cabo unha concentración en Vigo, mentres que CCOO levou a cabo o seu acto principal en Ferrol á tarde, onde pola mañá tiveron lugar tamén os actos institucionais ante o monumento a Amador e Daniel. O secretario xeral de CCOO-Galicia, José Manuel Sánchez Aguión, afirmou que os elementos que motivaron os sucesos do 10 de marzo do 72 "están vixentes" e destacou que "máis de 300 sindicalistas están procesados, algúns con condenas de cárcere". Sánchez Aguión tamén salientou que "o 17% dos traballadores e traballadoras viven por baixo do limiar da pobreza".

As mobilizacións que acolleu Ferrol estiveron marcadas, un ano máis, pola división. Nas manifestacións que tiveron lugar pola noite, CIG e CCOO marcharon por separado, rematando a súa marcha o sindicato nacionalista na praza de Amboaxe e facéndoo Comisións na praza de Armas. Pola mañá, na tradicional ofrenda do Concello de Ferrol ao monumento dedicado a Amador e Daniel, o alcalde José Manuel Rey Varela foi apupado.

O BNG sumouse tamén ás manifestacións celebradas nas principais cidades e concellos do país en defensa de “futuro digno na terra”. “Acordámonos nos miles e miles de persoas que están nas filas do paro a día de hoxe, e aos miles e miles de persoas que se viron obrigados a emigrar por falta de oportunidades laborais aquí, e dos miles e miles de persoas que padecen unhas condicións laborais indignas e mesmo, con contrarios ultraprecarios, con salarios mesmo por debaixo do salario interprofesional, con contratos por días, con condicións de vida insoportables”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, que participou na manifestación que percorreu as rúas de Santiago.

Mobilización da CUT en Vigo Dominio Público @cutcitroen
Manifestación de CCOO en Ferrol CC-BY-SA Susete
Manifestación da CIG en Ferrol CC-BY-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.