Manuel Pampín leva tres días protestando diante dunha sucursal do Banco Santander en Arteixo. Pasa alí toda a mañá, desde que abre ata que pecha a oficina, cun cartel pendurado: "Llevo ocho años pagando un seguro de vida con seguro de paro del Banco Santander. Ahora me encuentro en paro y ellos se desentienden de su contrato". Logo de vinte meses de negociacións, xuntanzas e reclamacións varias, este veciño da localidade coruñesa non atopou outra solución máis que a reivindicativa.
"Nin estou afogado nin a cantidade que se me adebeda é alta, pero son os meus cartos", reivindica Pampín, ao que o banco lle incluíu un seguro de protección nun préstamo concedido hai ben tempo. Leva oito anos pagando día a día os recibos. Entre 90 e 125 euros ao mes por un seguro do que abonou todas as cotas, a última o pasado 23 de outubro, tal e como amosa con toda a documentación. Nos papeis lese claramente que o contrato incluía un seguro de desemprego polo que se lle pagaría unha cantidade "durante un ano enteiro ou tres alternos" no momento no que quedase sen traballo.
Manuel Pampín leva oito anos pagando un seguro de desemprego que o Santander lle nega agora que quedou en paro
O seu avogado acláralle que, "como moito", o banco debería abonarlle uns 4.000 euros, pero Manuel non recibiu aínda un peso a pesar de que a letra pequena de toda a documentación que achega é ben clara. Leva meses reclamando unha solución ao banco, que asegura que "en Madrid" esa cláusula ben clariña no contrato asinado na sucursal de Arteixo "non aparece". Na oficina desenténdese do caso e derívano ás oficinas centrais dunha entidade que lle solicitou unha copia do contrato, que achegou mediante fax, e que agora di non ter recibido nada. No comprobante de envío lese claramente o OK de recibido.
O afectado pagou o seguro durante oito anos mes a mes e ata o pasado outubro
"Paguei mes a mes desde o ano 2004 e agora néganse a darme o que me corresponde e quítanme os meus dereitos malia que nin nunca me reduciron o importe nin nunca lles deixei de pagar", aclara nun descanso da súa protesta no centro de Arteixo. Hai quen lle ofrece esmola, e aí é cando el aclara que non pide caridade nin o que non lle corresponde. "Hai quen non le o cartel e pensa que estou aquí pedindo unha axuda cando non é así", recoñece logo de que unha señora lle ofrecese unhas moedas. Desde a oficina, mentres, chegárono ameazar con chamar á Garda Civil.
Na sucursal derivan o problema a Madrid -"está todo informatizado aló", disque lle argumentan-, e ofrécenlle chamar a un número de teléfono de tarificación adicional que xa lle ten feito pagar facturas "de entre 50 e 60 euros". Pero aí segue, loitando contra a burocracia de quen non dá resposta e o "vuelva usted mañana" dos que non queren dar solucións. "Unha empregada do banco chegoume a dicir que a aseguradora coa que asinei o contrato non ten nada que ver coa entidade", asegura mentres amosa un recibo no que se pode ler o nome do beneficiario das cotas: "Santander Seguros y Reaseguros SA".
O máximo que lle adebedaría o banco serían 4.000 euros
Manuel Pampín non está nunha situación desesperada "nin afogada", como el mesmo aclara. A súa muller traballa e el seguirá cobrando o paro ata o vindeiro mes de xaneiro, pero asegura tamén que os 4.000 euros que lle corresponderían "é unha cantidade insignificante para o banco", pero non para el, que insiste en que non pide máis do que se lle debe. "Se o banco considera que a cantidade é menor, non hai problema, pero que o aclaren co meu avogado e que me dean o que me corresponde legalmente", insiste.
Incluso chegou a propoñerlle ao Santander que accedese a devolverlle os cartos que lle cobrou "de máis" polo seguro en comparación cos prezos medios doutras pólizas semellantes. "Confórmome con iso xa", engade. Pero tampouco hai resposta. Así, Manuel Pampín asegura que seguirá protestando diante da oficina de Arteixo, agás que o tempo empeore moito. Ten unha doenza nos pulmóns que lle impediría permanecer moitos horas baixo a chuvia e o frío nos vindeiros días. Pero volverá se non llo amañan.