Acusan de "alterar a orde pública" o bombeiro que non quixo desafiuzar a Aurelia Rey

Roberto Rivas, xunto a algún compañeiro CC-BY-SA M. Pereira

O voceiro parlamentario do BNG, os portavoces municipais do Bloque e de Esquerda Unida, o secretario comarcal da CIG e o bombeiro que se negou a executar o desafiuzamento. Todos eles foron expedientados pola Subdelegación do Goberno na Coruña por participaren na protesta que, en febreiro de 2013, procuraba impedir o desafiuzamento de Aurelia Rey, unha anciá da Coruña. Entre as moitas imaxes daquela xornada dúas destacaron sobre as demais: a dos cargos públicos zarandeados e golpeados polos antidisturbios e a do bombeiro negándose a executar o desaloxo mentres amosaba un cartaz co logotipo de Stop Desfiuzamentos. O traballador enfróntase o vindeiro xoves a un xuízo por unha suposta alteración da orde pública.

Como no caso de Jorquera, Xosé Manuel Carril e César Santiso, a proposta de sanción é de 600 euros e o xuízo chega, segundo informa Stop Desafiuzamentos, despois de que o bombeiro esgotase "todas as posibilidades de recurso pola vía administrativa". A xuízo do colectivo cidadán "todas sabemos o que lle molestou" ao Goberno da actitude "do bombeiro que encheu de orgullo á Coruña". Non foi, din, "erguer un papel" co logotipo da plataforma cidadá, senón "que se negase a colaborar para botar da casa unha anciá, deixando en evidencia a vergoñanta estampa do circo policial" despregado ante o edificio.

Stop Desfiuzamentos convoca unha concentración de apoio ao bombeiro o vindeiro xoves ás 11 ante os xulgados coruñeses

Neste escenario, Stop Desfiuzamentos ve no xuízo "un exemplo claro de ata onde está disposto a chegar o Goberno do PP contra quen loitamos por poñer as persoas por riba do capital, contra quen queremos máis a xente que os cartos", todo o contrario, din, do que representa o "acoso policial" que atribúen, en última instancia, ao delegado gobernamental, Samuel Juárez, e ao seu subdelegado coruñés, Jorge Atán. Así e todo, subliñan, "este ataque ao bombeiro", así como "as constantes multas, xuízos e control policial ao que nos vemos sometidas as persoas que defendemos na rúa dereitos básicos como o da vivenda, a sanidade, a educación ou os dereitos laborais" non van "amedrentar" o colectivo. Tampouco o feito de que, "segundo datos do Ministerio do Interior", Galicia sexa a "terceira comunidade con máis expedientes administrativos abertos, cun total de 110", vinculados a este tipo de sucesos, ao seu xuízo, por "protestar contra as inxustizas coas que o PP está a dinamitar o que nalgún tempo de seu en chamar Estado do Benestar".

Neste escenario, e despois de dunha recolleita de sinaturas en apoio ao bombeiro sancionado que "chegou a superar as 100.000" adhesións", Stop Desafiuzamentos chama á mobilización fronte á "estratexia do amedrentamento socail e criminalización da solidariedade imposta polo PP dende os gobernos estatal, galego e local". Nesta liña, a plataforma convida a "arroupar e amosar publicamente o noso apoio a este compañeiro cuxo valor e solidariedade deron a volta ao mundo" acudindo o xoves ás 11 da mañá ante o Edificio Proa, sede do Xulgado do Contencioso Administrativo da Coruña.

Roberto Rivas, xunto a algún compañeiro CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.