Adega censura "o franquismo ambiental" de Feijóo e anima a "despedilo" o 21-O

Contra a incineradora CC-BY-SA Adega

A asociación ecoloxista Adega fai balance dos catro anos de Goberno Feijóo, que cualifica como "a lexislatura máis nefasta para o ambiente dende a era Fraga". Segundo o colectivo, "os recortes nos dereitos sociais foron parellos a un retroceso sen precedentes nas políticas ambientais", asegura, tras denunciar con dureza "o desartellamento territorial, a deconstrución da lexislación ambiental, a amnistía para o ladrillazo, así como a especulación cos recursos naturais, cos montes, co litoral, cos espazos protexidos e cos residuos". Do mesmo xeito, censuran "o exterminio planificado da nosa biodiversidade, a corrupción e a barra libre de chumbo para a fauna".

Adega acusa a Xunta dun "exterminio planificado da nosa biodiversidade, a corrupción e a barra libre de chumbo para a fauna"

O balance que fai Adega é pésimo para a Xunta de Galicia, á que acusa de "voltar ás políticas más rancias e insustentábeis", xa descoñecidas en Europa "e máis propias da época franquista que dun país democrático". Por todo isto, a organización ecoloxista lembra aos cidadáns que o vindeiro día 21 "o noso medio ambiente, a nosa natureza previlexiada pero aldraxada, non vota por ti". "Faino ti por ela", reclama o colectivo, que non pide o voto para ningunha formación pero deixa clara o seu rexeitamento ao PP.

"Procederemos a comunicarlle a Feijóo o seu despido o domingo por causas máis que xustificadas"

Adega asegura tamén que quere "tomarlle a palabra ao señor Feijóo" cando na campaña de 2009 subscribira o seu Contrato con Galicia no que nun dos puntos prometía "ligar a política territorial ao medio ambiente e facer do respecto medioambiental un principio irrenunciable". A organización ecoloxista considera que tres anos despois o presidente da Xunta "non cumpriu cos obxectivos do seu contrato", polo que procederán a "comunicarlle o seu despedimento" o vindeiro domingo "por causas máis que xustificadas".

Ademais, Adega fai un repaso a distintos ámbitos para deitar luz sobre a situación medioambiental en Galicia logo do paso de Núñez Feijóo pola Xunta. 

Territorio e urbanismo: Para a organización ecoloxixta, houbo "unha malversación de toda a costa" e estaca o caso Barreiros como exemplo da "demolición controlada pola Xunta dun marco legal (a Lei do Solo) que puña algún límite ao todo vale, ao renunciar aos contenciosos e desviar cartos públicos para favorecer aos amos do ladrillo e aos seus testaferros políticos". Para Adega, esta dervia "deixou baleira de contido toda a lexislación urbanística previa, substituíndoa pola arbitrariedade e a discrecionalidade". Pero hai máis: "modificacións á carta da Lei do Solo, eliminación de molestos trámites ambientais e como colofón, unha Lei de Industria que permitirá aos especuladores internacionais inundar de cianuro os nosos espazos protexidos á procura do ouro suxo e á Xunta inxectarlles a dedo cantos fondos públicos precisen".

"Houbo unha malversación de toda a costa e unha nova aposta pola incineración, un pesadelo que non cesa"

Residuos: "A incineración é un pesadelo que non cesa", denuncia Adega, que lembra que o Plano de Residuos do PP "traía debaixo do brazo máis incineración" e recorda que tivo que pasar case un ano para coñecer a ubicación para a nova planta incineradora prevista no Irixo, logo de que o Goberno "atendese primeiro o interese político da dereita para esquicar posíbeis repercusións electorais". "Feijóo e Hernández pretendían reproducir no sur o fracaso de Sogama, un modelo caduco, ruinoso para os concellos, insolidario coa cidadanía e perigoso para a saúde e o ambiente", denuncian.  "Para desgraza nosa o dinosauro de Sogama segue aí", engaden.

Montes: "Máis lume, especulación e máis eucaliptos", resume o colectivo, que asegura que o obxectivo da especulación capitalista era claro: "penetrar nos nosos montes e afortalarse no mundo rural". "O instrumento: os seus factótums políticos na Xunta e no sector forestal e pasteiro; o veículo: a castración da lei de Defensa contra os incendios e a nova Lei de Montes que veu a luz in extremis nesta lexislatura", di Adega, que denuncia que os lumes arrasaron case 17.000 hectáreas só en espazos protexidos, o que supón "un récord histórico". "Estes lumes teñen claros cooperadores necesarios por acción ou omisión dende as institucións", insiste a organización, que pon o foco tamén sobre "o intento da partronal pasteira e agroquímica de recolonizar os nosos montes con millóns de eucaliptos transxénicos, agasallados coa fumigación masiva cun pesticida prohibido, mentres a Xunta, dilixentemente, mira para outro lado".

"Os lumes teñen claros cooperadores necesarios por acción ou omisión dende as institucións"

Enerxía: "Antes euros sen muíños que muíños sen euros", denuncia Adega, que destaca "o comportamento suicida e oneroso para as arcas públicas que supuxo a anulación do anterior concurso eólico, perfectamente legal segundo sentenciou o TSXG" e ao que se uniu a retirada das primas públicas a renovábeis por parte do "goberno amigo" do Estado. "O concurso eólico do PP foi concebido para camuflar a enaxenación dos nosos recursos naturais aos tabeiróns da especulación enerxética, alén de levar como un parásito apegado á incineradora do sur; era un negocio redondo: privatizar dun golpe o vento e os refugallos, até que a crise e Rajoy devolveron a Feijóo á realidade e os especuladores fóronse co vento".

Litoral: "Que non falten rodaballos e salmóns con antibióticos", resume a organización, que denuncia o Plano Director de Acuicultura, que deu por boas as polémicas ubicacións ditadas polo bipartito. "As piscifaactorías poderán ir onde diga a consellería, pero vale dicir Pescanova", di Adega, que cre que a Xunta "deixou claro de que lado estaba: do da macroacuicultura industrial, a que pretende convertir o noso litoral nun inmenso polígono industrial para lucro das multinacionais do peixe con antibióticos, ao estilo do acontecido en Chile".

Ríos: "Os ríos para quen poida pagar por eles; as rías, para os contaminadores", di Adega, que asegura que "tanto Iberdrola como Fenosa sabían que non ían ter ningún problema para levar adiante os seus proxectos hidroeléctricos no país", mesmo "desecando por completo un río durante meses en plena Rede Natura ou agasallando con tres anos con voaduras e millóns de toneladas de entullo aos canóns do Sil". Ademais, para o colectivo, o novo Plano Hidrolóxico "antepón o aproveitamento hidroeléctrico aos usos ecosociais, mentres o Goberno dá "bula para que Endesa e Fenosa enchufen as súas balsas mineiras das Pontes e Meirama á Rede Natura" e permite que Ence siga contaminando a ría de Pontevedra por moitos anos máis.

"Iberdrola e Fenosa sabían que non ían ter ningún problema para levar adiante os seus proxectos hidroeléctricos no país"

Rede Natura: "O PP acabou apresentando unha proposta misérrima que fai que Galiza siga á cola do estado", denuncia Adega, que recorda que Feijóo propuxo unha ampliación do 12% actual ao 15%, lonxe da media estatal (28%) e da Rede Natura nas autonomías veciñas.

Educación Ambiental: "A situación é catastrófica", asegura o colectivo, que destaca que as iniciativas do Goberno galego para a promoción da educació ambiental "son case inexistentes" e lembra que a Xunta ofertou no que vai de ano "nada menos que 28 cursos de aplicador/manipulador de biocidas por dous cursos de prevención e loita contra os lumes; un de ruído ambiental e outro de "manexo básico da motoserra".

 

Protesta contra a incineradora do Irixo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.