ADEGA esixe medidas inmediatas contra a erosión nas zonas queimadas

Os efectos do incendio no Ézaro CC-BY-SA Monte Pindo parque natural

ADEGA demanda a inmediata posta en marcha de medidas que contribúan a evitar a erosión nas zonas queimadas, sobre todo as que se poden producir no caso de que chova, e os arrastres de materiais que poden contaminar ríos e o propio mar. A entidade ecoloxista denuncia que "se a Xunta non actúa para evitar os arrastres post-lumes será a única responsábel dunha nova catástrofe ecolóxica". Por ese motivo esixe a "elaboración de barreiras anti-arrastres, faixas de estrume, ou a sementeira de gramíneas de crecemento rápido", labores que, asegura, "deberon comezar hai días nas áreas afectadas". E conclúen que "se a Xunta non quere, non sabe ou non pode acometelas con urxencia naquelas zonas con maior risco (caso do macizo do Pindo), as organizacións sociais comprometémonos a facelo, porque sabemos e porque llo debemos ao ambiente e ao país".

"Se a Xunta non quere, non sabe ou non pode acometelas con urxencia naquelas zonas con maior risco (caso do macizo do Pindo), as organizacións sociais comprometémonos a facelo"

A asociación lembra que "os impactos dos incendios non rematan ao apagarse o lume" pois "as zonas queimadas corren o risco de perderen por completo a súa fertilidade debido á erosión do substrato e aos arrastres pluviais, particularmente nas áreas en pendente". Sinalan, ademais que estes arrastres poden provocar o "envelenamento das augas e traidas, morte dos bancos marisqueiros, enchentas e asolagamentos".

ADEGA calcula que no macizo do Pindo, "os arrastres pluviais e a erosión poderían mobilizar un mínimo de 17.000 toneladas de sedimento cara as zonas baixas"

Cita estudos de distintos autores, como Francisco Díaz-Fierros ou Benedicto Soto, que sinalan que "en incendios en áreas forestais observáronse perdas de solo de entre 15 e 170 t/ha" no primeiro ano tras o lume e que "nas áreas de mato as perdas son algo menores, dunhas 13 t/ha". Calculando en consecuencia que no macizo do Pindo, "os arrastres pluviais e a erosión poderían mobilizar un mínimo de 17.000 toneladas de sedimento cara as zonas baixas".

Finalmente, ADEGA esixe a convocatoria urxente do Consello Galego de Medio Ambiente e do Observatorio Galego da Biodiversidade "para avaliar a afección do lume nos hábitats e especies protexidas, e propoñer medidas urxentes de recuperación e conservación".

Os efectos do incendio no Ézaro CC-BY-SA Monte Pindo parque natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.