Adiado o xuízo contra as persoas procesadas pola ocupación da Sala Yago

A Sala Yago, de Santiago de Compostela Dominio Público Praza Pública

En novembro de 2011 a Sala Yago de Santiago de Compostela, un antigo teatro e cine situado na zona vella e que leva anos pechado, foi ocupado durante varios días por un amplo grupo de persoas. Días despois a sala foi desaloxada, cun amplo dispositivo policial que rematou coa detención de once persoas, que estes días están a ser xulgadas (xunto con outro acusado, implicado pola policía tras atopar pegadas súas no local). Dez delas enfróntanse a acusacións por ter entrado no edificio (cunha pena que podería chegar aos 18 meses) e a outras dúas se lles imputa tenza de explosivos (con penas que poderían acadar os catro anos e medio).

O xuízo, que estaba previsto para este mércores, foi adiado ata o 13 de marzo do vindeiro ano, debido á renuncia dunha das avogadas defensoras (que representaba á metade das detidas), que non estaba de acordo coa liña de defensa

O xuízo, que estaba previsto para este mércores, foi adiado ata o 13 de marzo do vindeiro ano, debido á renuncia dunha das avogadas defensoras (que representaba á metade das detidas), que non estaba de acordo coa liña de defensa. Ademais, unha das acusadas non asistiu, por atoparse no estranxeiro. E outra, que ía declarar por videoconferencia, tampouco o fixo por problemas técnicos con esta conexión.

Ante os xulgados concentráronse medio cento de persoas. Dúas das activistas que participaron na ocupación leron un comunicado no que se destacaron algunhas inconcrecións e falsidades que ao seu xuízo rodean todo o proceso. Por exemplo, sinalan o desproporcionado da intervención policial nunha sala "que sempre tivo as portas abertas". Ademais, lembran que durante eses días (e na posterior ocupación, en 2014) levouse a cabo unha programación cultural da que a sala segue a carecer, pois mantense pechada anos despois. Desmentiron as acusacións de tenza de explosivos (lixivia e extintores), sinalando que os extintores eran os do propio local.

Finalmente, relacionaron as detencións no seu momento e o "espectáculo mediático" que rodeou a operación policial en 2011 cunha teima pesoal do daquela alcalde Gerardo Conde Roa, que chegou a afirmar publicamente que "sentirán o meu alento na súa caluga". "El foi o culpable de que doce persoas sentemos no banco dos acusados cinco anos máis tarde", engaden.

Relacionan as detencións no seu momento e o "espectáculo mediático" que rodeou a operación policial en 2011 cunha teima pesoal do daquela alcalde Gerardo Conde Roa

Durante os últimos días unha campaña nas redes sociais, Estiven na Yago, anima á cidadanía a solidarizarse cos e coas acusadas, sobre todo a aquelas persoas e colectivo que neses días participaron e asistiron ás actividades culturais organizadas no lugar. "O 17 de Novembro de 2011 a emblemática sala Yago de Compostela reabriu as sú as portas e voltou encherse de contidos culturais. Cinco anos despois os antigos cines Yago siguen abandonados. Non mais espazos culturais en ruinas", salientan.

 

A Sala Yago, de Santiago de Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.